Alcoa repite táctica: ameaza de peche e demanda de axuda pública antes das eleccións

Protesta diante das instalacións de Alcoa na Mariña, nunha foto de arquivo CC-BY-SA CCOO Galicia

É unha situación repetida desde hai anos. A pouco dunhas eleccións —autonómicas ou estatais— a multinacional Alcoa advirte da súa difícil situación económica, reclama axuda das administracións e ameaza con despedimentos ou mesmo o peche na Mariña. 

Desta volta, a semana pasada e a un mes dos comicios autonómicos, a empresa advertiu que se a situación do complexo mariñao non mudaba axiña, non tería máis remedio que "tomar decisións difíciles que terán un impacto adverso e potencialmente irrevogable no emprego e a economía de Galicia", tras advertir de millonarias perdas e un contexto "ao límite". Este luns, a multinacional solicitou por escrito ao persoal de San Cibrao e ao comité "acordar atrasar" o reinicio da electrólise prevista e pactada para este mes de xaneiro da que é a única planta de aluminio primario en España. 

Alfonso Rueda e outros membros do Goberno galego, nunha reunión co comité de Alcoa na Mariña CC-BY-SA Xunta

Alcoa advertiu de "decisións difíciles" e solicitou atrasar o inicio do reinicio da actividade, pero demandou antes a Xunta e Estado analizar "todas as liñas de axudas posibles"

Alcoa pretende así incumprir o asinado e xustifícao en que o actual financiamento da fábrica quedará "esgotado durante a segunda metade de 2024", polo que "non ten sentido económico" empezar co proceso que pretendía recuperar ao 100% a produción no outono do ano que vén. Puxo mesmo data límite para unha resposta, este mércores, pero semanas antes, nunha reunión co Goberno galego, xa demandara da Xunta e do Goberno central analizar "todas as liñas de axuda posibles" para unha "solución a longo prazo" na Mariña. Unha música que lembra a outros episodios semellantes. 

Xunta e Goberno central xa responderon instándoa a cumprir co acordado, pero axiña pedíronlle tamén "que concrete o plan de negocio para a factoría" e que "traslade" a ambas administracións "cales son as súas solicitudes e os apoios que precisa para reactivar e dar continuidade á actividade e á planificación
acordadas cos traballadores”, tal e como dixo o Goberno autonómico. Desde o Executivo central, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, pediu tamén á multinacional a "concreción das súas necesidades para trazar unha folla de ruta ante a situación actual que atravesa a planta" mariñá. 

Mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou a Alcoa que diga "que ten planificado" e advertiu tamén que todas as administracións deben "pedir á empresa que cumpra os seus compromisos e non intentar sacar rédito político". O xefe do Executivo galego virou a ollada ao Goberno central, alertando do "fundamental" que é "o estatuto de empresas electrointensivas" ao consumir a fábrica "moitísima enerxía e estar pagando moi por riba do que se paga na media europea". E recoñeceuse traizoado ao lembrar que sentou con directivos da empresa "hai meses" e que "nada dixeron" sobre un posible peche. 

Tamén este  martes, José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, pedía ao Goberno galego que se "implique" tras priorizar o cumprimento do acordo por parte da multinacional que, lembrou, inclúe "un paquete de axudas" propostas desde o Estado. Mentres, a empresa agarda. 

Todo no mesmo día, 23 de xaneiro, no que hai 26 anos, en 1998, o Goberno de España presidido por José María Aznar autorizaba a venda do grupo Inespal, empresa estatal pertencente ao INI, a Alcoa, que se facía así cun grupo con 5.000 empregados e trece plantas no Estado, varias delas en Galicia e a máis importante, a da Mariña. 

Reunión de cargos públicos do BNG co comité de empresa de Alcoa na Mariña CC-BY-NC-SA BNG

Desde o BNG, pola súa banda, insisten en pedir a intervención pública de Alcoa, aposta que tamén verbalizou Podemos, iniciativa que tampouco descarta Besteiro e que dá esperanzas ao comité, que asegura que o Goberno central xa lles trasladou que é "unha opción posible" porque non se pode permitir "prescindir" desta industria. 

O BNG insiste en pedir a intervención pública de Alcoa, unha proposta que tampouco descartou Besteiro (PSdeG)

A representación do persoal sinala a empresa por incumprir o asinado e amósase convencida de que "non ten a intención de seguir na Mariña", como asegurou tras a reunión co Ministerio de Industria e antes da que mantén este mércores coa Xunta e con representantes da multinacional, á que pide que "cumpra" ao igual que o fixeron os traballadores. Advirten de que a compañía non quere investir nun novo forno de cocción e que xa destruíu o antigo e que prepara un "peche encuberto". Logo de xuntanza con Alcoa, o comité advirte da "ruptura total" do acordo de viabilidade firmado por parte da empresa, aínda que descartou mobilizacións polo momento. 

O MInisterio, mentres, amósalles aos operarios o "compromiso firme" do Goberno de España para "traballar pola industria do aluminio en Galicia e por unha empresa estratéxica como Alcoa" e convocou para este vindeiro venres a mesa de seguimento, onde se analizará a situación financeira da planta de San Cibrao e a execución ou non dos compromisos asinados. 

Reaccións e convocatorias todas moi parecidas ás que se deron tras un proceder semellante de Alcoa en 2020, tamén pouco antes dunhas eleccións autonómicas. Daquela, a finais de maio, anunciaba a intención de despedir 534 traballadores dos 1.100 do complexo da Mariña e o peche da plana de aluminio, logo de meses advertindo da necesidade dun estatuto electrointensivo para rebaixar a tarifa eléctrica. Foi pouco antes dos comicios celebrados o 12 de xullo, meses despois do previsto tras ser adiadas pola pandemia de COVID.

En 2020, a poucas semanas das autonómicas, Alcoa anunciou a intención de despedir 534 traballadores e pechar a planta de aluminio, cun ERE que acabaría sendo tombado pola xustiza 

O anuncio de Alcoa pairou sobre aquela campaña electoral, con Feijóo sinalando o Goberno central e a esquerda apuntando á inacción da Xunta, da que lembraron as súas competencias industriais. En agosto, tras pedirllo de xeito conxunto Xunta, Estado e sindicatos, a empresa aceptou aprazar a negociación dese ERE seis semanas máis para, nese tempo, negociar unha venda que, en realidade, a multinacional pretendía, pero só á Sociedade Estatal de Participacións  Industriais (SEPI), co obxectivo de obter a seguridade de evitar posteriores reclamacións que a situasen nun barullo xudicial como o que tivo —e ten— tras o peche da súa planta na Coruña.

O ERE que Alcoa activou na Mariña en outubro acabou sendo tombado a final de ano polo TSXG e logo polo Supremo. O Superior galego acusou a empresa de actuar con "mala fe" e buscar o peche da fábrica e a multinacional volveu xirar a roda e mudar de táctica, ata que o persoal aprobou a proposta de pechar a planta de aluminio dous anos a cambio de manter os empregos. Un acordo que incluía uns compromisos de investimento dos que, agora, nada se saben.  

Gómez Besteiro (PSdeG), co presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan CC-BY-SA PSdeG

En 2019, a un mes das xerais, Alcoa pedía máis medidas ao Goberno central e ameazaba con marchar; en 2016, a catro meses das galegas, anunciaba a intención de poñer en venda as plantas galegas

O que partira dunha ameaza de peche e despedimentos masivos na Mariña acabou cun pacto e unha nova forma de gañar tempo. E non era algo novo. Un ano antes, en marzo de 2019, a pouco máis dun mes para as eleccións xerais de abril, Alcoa alertaba da inviabilidade da súa planta na Mariña no caso de que o Goberno central non adoptase máis medidas que as incluídas no borrador do Estatuto de Consumidores Electrointensivos, que viña de publicarse, e logo de que tivese iniciado xa o proceso de peche e posterior das súas factorías na Coruña e Asturias, que rematou coa xustiza deitando luz sobre as artimañas da compañía para desmantelar as súas fábricas en Galicia a prezo de saldo

A multinacional consideraba daquela "insuficientes" as iniciativas por parte do Executivo central e advertía de que o custo da enerxía eléctrica supoñíalle arredor do 40% do total do custo de produción da industria do aluminio primario en España. 

Tres anos antes, en maio de 2016, e a catro meses dunhas eleccións galegas celebradas nos primeiros días de outono, Alcoa dicía que xa estaba a "avaliar todas as opcións" para todas as súas plantas no Estado, mentres que varios medios aludían a fontes da empresa que directamente informaban da posta en venda das factorías da Mariña, Asturias e A Coruña. 

Días despois, compradores interesados aparecían nas diferentes plantas e a multinacional aclaraba as súas intencións: desfacerse das fábricas da Coruña e de Asturias e quedar unicamente cunha parte do complexo da Mariña, a factoría de alumina.  

Instalacións de Alcoa en San Cibrao CC-BY-NC-SA CIG

26 anos da venda de Inespal a Alcoa

Agora, a poucas semanas dunhas eleccións, Alcoa volve demandar axuda e ameaza con peche e despedimentos no caso de non mellorar a súa situación. Con todo o foco nas administracións e nos aspirantes a conformar un novo goberno na Xunta, que saben tamén da importancia que o complexo industrial da Mariña ten en todo o norte de Galicia, onde dá emprego, directo ou indirecto, a milleiros de persoas. 

Co Estado advertindo de que prevé sacar adiante este ano dous convocatorias do denominado Perte de descarbonización aos que se podería acoller Alcoa con vantaxes e bos resultados, a intervención pública a través da SEPI non se descarta. Unha idea que chega cando este martes se fixeron 26 anos desde que se producise a privatización da empresa pública Inespal, vendida a Alcoa polo Goberno de José María Aznar o 23 de xaneiro de 1998 por 61.500 millóns de pesetas, uns 370 millóns de euros

Foi daquela cando as plantas galegas, e as do resto do Estado se integraron na multinacional estadounidense. Unha venda por 410 millóns de dólares dos que se acabaron descontando 200 para o pagamento de débedas anteriores e outros 100 logo dunha serie de reclamacións. Un choio. Nos anos seguintes o xigante americano multiplicou amplamente a través de beneficios os cartos que gastou na adquisición das antigas factorías estatais.

Cando a SEPI vendeu Inespal a Alcoa, o grupo estatal anotábase uns beneficios na contorna dos 12 millóns de euros anuais. A estadounidense comprometérase a manter o cadro de persoal e a realizar múltiples investimentos que, segundo denuncian os sindicatos, non chegaron a concretarse segundo o prometido, tal e como denunciou tamén o Tribunal de Cuentas, que en 2006 situaba unhas perdas de 456 millóns para o Estado naquela operación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.