O Consello de Ministros no aprobará este venres o estatuto do consumidor electrointensivo, unha das principais demandas do persoal de Alcoa e que debe axudar na procura de compradores para a planta. O Goberno central comprometérase a que este estatuto electrointensivo sería aprobado esta semana, pero este xoves coñeceuse un informe da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) que impón un procedemento adicional. En resposta, traballadores da factoría de Alcoa na Coruña convocaron unha manifestación para esta tarde.
A CNMC advirte de que o estatuto podería ser considerado unha axuda ilegal do Estado
A aprobación do estatuto fica polo tanto pendente ata despois das eleccións xerais e podería ter que agardar ata a formación dun novo Goberno, nunha data aínda por determinar. Existe a posibilidade de que esta medida, que ofrecería a un posible comprador un mellor prezo para a electricidade consumida por Alcoa, non chegue antes do 30 de xuño, data prevista para o peche das plantas da Coruña e Avilés.
O informe da CNMC advirte de que algunha das medidas contidas no estatuto e que abaratan o prezo da electricidade para determinadas empresas e actividades poderían ser consideradas unha axuda ilegal do Estado, sendo posteriormente anuladas pola Comisión Europea. "Ante o elevado risco da concorrencia dos elementos constitutivos dunha axuda de Estado, suxírese que se actúe seguindo o criterio de prudencia, evitando inseguridade xurídica, e que o órgano proponente da norma notifique as medidas proxectadas á Comisión Europea", sinala o informe.
Os traballadores din sentirse "estafados" e convocan unha concentración para esta tarde na Coruña
A decisión do Goberno central foi de inmediato criticada polos representantes dos traballadores que dun sentirse "estafados". "Mentíronnos unha vez máis", afirmou na mañá deste venres Juan Carlos López Corbacho, presidente do Comité de Empresa. López Corbacho lembrou que hai varias compañías interesadas na compra da planta (fálase de ao redor dunha ducia de ofertas) pero di que "é o Goberno central o que non nos dá seguridade". Corbacho reclamou un goberno “valente e capaz de amosar apoio ao tecido industrial, en lugar de quedar paralizado por un informe da Comisión Nacional da Competencia que nin sequera é vinculante”.
O persoal de Alcoa na Coruña convocou baixo o lema "Por unha solución enerxética para a industria electrointensiva" unha manifestación esta tarde ás 18 horas que sairá da propia fábrica, no polígono de Agrela e que rematará ás 19.30 na Praza de Ourense, fronte á Delegación do Goberno, onde os traballadores permanecerán concentrados durante unha hora.