A adquisición temporalmente por parte do Estado das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés é posible e legal. Así o afirma un informe xurídico elaborado polo profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UDC) Carlos Aymerich e encargado pola CIG. O documento aclara que esta alternativa sería acorde á “legalidade española e a europea” e avala unha proposta que fixera xa o comité der empresa da factoría coruñesa.
“O Goberno podería intervir as plantas a través da SEPI mentres non aparece un investidor, aválano a Constitución Española e a Comisión Europea”
“O Goberno podería intervir as plantas a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) mentres non aparece un investidor, aválano a Constitución Española e a Comisión Europea”, advertiu Aymerich durante a presentación do informe,que sinala unha vía clara: que o Estado actúe como un investidor privado, adquirindo as plantas a prezo de mercado.
A solución, segundo aclara Aymerich, non suporía “nin intervir nin nacionalizar o sector”, senón adquirir as plantas, con ou sen colaboración privada, “para manter os postos de traballo e a actividade durante o proceso de procura dun investidor”, que é precisamente o período que se está a dar agora.
Aymerich lembra no informe un caso que podería ser aplicable ás plantas en risco. Refírese ao momento no que o Estado italiano adquiriu temporalmente unha factoría de Alcoa en Sardeña con 376 traballadores. A multinacional anunciou que a pecharía de non atopar investidores e así se dispoñía a facer en 2015, cando chegou a un acordo don Invitalia –entidade equivalente á SEPI-- para que cedese as instalacións á axencia estatal.
O informe de Aymerich fai referencia ao caso italiano: o Estado adquiriu unha planta de Alcoa para acabar chegando a un acordo cun investidor suízo
Unha empresa suíza acabou facéndose coa planta, pero acordou co Goberno que estaría participada no 75% por esa compañía (Syder Alloys), no 20% por Invitalia e no 5% polos propios traballadores. O Estado achegou boa parte do investimento para reiniciar a actividade e Alcoa colaborou tecnicamente e cunha pequena achega para volver comezar a actividade.
“O artigo 128.2 da Constitución Española avalaría unha actuación similar, mentres que tanto a Comisión Europea como o Tribunal de Xustiza da Unión Europea o permiten, como se aprecia tanto neste caso en Italia como noutros en Francia ou Alemaña”, destacou Aymerich, que apuntou a que o Goberno central debería ser quen valorase a viabilidade dun investimento, o retorno e, xa que logo, o prezo axeitado para adquirir as plantas.
“Esta adquisición nin rompería coa economía de mercado nin, como dixo a ministra, é propia de países comunistas”, dixo. “É perfectamente compatible coa economía de mercado e co dereito comunitario, como se demostrou noutros países europeos”, rematou sobre un informe que a CIG trasladará tanto á Xunta como ao Executivo central.