Alcoa amplía ata o 8 de xullo o prazo para atopar un comprador e evitar o despedimento colectivo

Concentración dos traballadores de Alcoa ante a Delegación do Goberno, a pasada semana © Traballador de Alcoa

Cando quedaban pouco máis de dous días para que expirase o prazo fixado para completar a venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés (este domingo), a multinacional norteamericana anunciou a paralización do proceso. Alcoa aduce que o fondo de investimento suízo Parter Capital non achega "garantías financeiras" suficientes e deixa no aire a continuidade das dúas factorías e dos case 700 postos de traballo (375 na Coruña e 313 en Avilés). Parter debía ingresar 26,3 millóns de euros antes deste domingo, e o conflito apareceu cando ofreceu achegar unicamente activos non líquidos, é dicir non en diñeiro real. 

Parter debía ingresar 26,3 millóns de euros antes deste domingo, e o conflito apareceu cando ofreceu achegar unicamente activos non líquidos

Alcoa comunicou a súa sorprendente decisión no marco dunha xuntanza en Madrid na que estaban convocados os representantes dos traballadores para ratificar o acordo con Parter, un punto que tamén xerara friccións, pois o persoal rexeitaba asinar o resultado dunhas negociacións nas que non participara. Porén, todo isto fica agora como un problema menor ante a ausencia, despois de meses de procura, dun comprador para as dúas factorías.

Os traballadores de Alcoa e o Ministerio de Industria forzaron un aprazamento ata o luns 8 de xullo "como mínimo" da execución do ERE e o despedimento colectivo previstos para este domingo. É o novo prazo que ten Alcoa para atopar un novo comprador ou para que Parter presente unha fórmula aceptable para o ingreso do capital solicitado, que podería pasar por algún instrumento bancario que dea soporte a aval ao ofrecido polo fondo suízo

Este luns Alcoa, Parter e o Ministerio de Industria volverán reunirse para explorar unha solución. De non haber acordo para a venda, levaríase a cabo un despedimento colectivo que afectaría a 268 traballadores nas dúas plantas, o 43% do persoal. 

Mobilización do persoal de Alcoa © Traballador de Alcoa

A multinacional norteamericana di que aínda hai tempo para salvar a situación e asegura que Parter aínda non está descartado. Tamén se volve poñer sobre a mesa a oferta que realizara o grupo alemán Quantum, nun principio interesada unicamente na planta de Avilés e que despois ampliou a súa proposta á da Coruña, e que garantía o mantemento do 100% dos empregos durante dous anos. Quantum sinala que mantén a súa oferta "con todas as garantías financeiras" e subliña que conta "co soporte de entidades internacionais de recoñecido prestixio e do seu propio grupo de compañías dentro do sector do aluminio".

Os traballadores puxeron en dúbida que Alcoa tivera nalgún momento un interese real por vender as plantas

Os representantes dos traballadores pasaron de inmediato do estupor á protesta. Criticaron a Alcoa por tomar esta decisión con tan pouco tempo para reconducir a situación e puxeron en dúbida que a empresa tivera nalgún momento un interese real por vender as plantas. Tamén foron moi críticos co Goberno central, ao que botan en cara parte do fracaso dun proceso no que non se exploraron outras vías. Representantes do Ministerio de Industrias incorporáronse de urxencia á xuntanza este venres pola tarde ao coñecer a paralización do proceso.

Reaccións políticas

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, pediulle "responsabilidade" a Alcoa, da que dixo que "non pode xogar" co futuro dos traballadores da planta coruñesa. Ademais, defendeu o "compromiso" do Goberno centala "a pesar dos atrancos".

Mentres, Galicia en Común reclamou "exercer a soberanía de Estado" e paralizar o ERE de Alcoa ata que haxa solución. A deputada Yolanda Díaz, esixiu "compromiso" por parte do Ministerio de Industria, "que onte decatouse de cal era a realidade de Alcoa", dixo. "Alcoa non quere vender as plantas para ostentar unha posición monopolística e quere impedir que haxa unha cuota de mercado relevante na produción de aluminio", dixo Díaz, que remarcou a necesidade de "exercer como país soberano" e "non renunciar á produción de aluminio primario". "A inacción do Goberno é clamorosa, poden actuar no prezo da enerxía, precisámolo para defender a industria no noso país", engadiu.

Este venres a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandoulle aos deputados e deputadas elixidas por Galicia que "condicionen o seu apoio á investidura de Pedro Sánchez a unha solución de futuro para a factoría da Coruña", tendo en conta que é o Goberno central "quen debe dar unha solución para ter un prezo estable e competitivo da electricidade". "Non se pode permitir que a multinacional estea chantaxeando os e as traballadoras", engadiu Pontón.

Pouco despois de coñecer as noticias que chegaban dende Madrid, grupos de traballadores cortaron durante horas a autoestrada AG-55 e a estrada AC-552, que unen A Coruña e Arteixo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.