O futuro das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés decídese esta semana. O domingo, día 30, o persoal de ambas as dúas factorías deben aceptar ou rexeitar a proposta de compra realizada polo fondo de investimento suízo Parter Capital, que de momento garante o mantemento de dous de cada tres empregos na planta herculina a partir do ano 2021. Serían 250 postos de traballo dos actuais 375 con que conta a factoría.
O persoal debe votar a oferta de Parter Capital antes deste domingo
Este martes os comités de empresa mantiveron en Madrid unha longa xuntanza con representantes de Parter. Alí, o fondo suízo presentou "o plan industrial máis detallado", en palabras do Comité de Empresa presidido por Juan Carlos López Corbacho. O fondo informou da súa intención de centrarse na produción de aluminio secundario e de alta calidade, pensado para fornecer aos sectores de automoción e aeronáutica.
Ademais dese mantemento parcial dos empregos, que estaría garantido, o posible comprador da factoría, subliñou a súa dispoñibilidade para incrementar o número de postos de traballo, ata os 375 actuais, sempre que as condicións do mercado da enerxía sexan as óptimas para volver poñer en marcha a electrólise, isto é, sempre que poida acceder a un prezo da electricidade "competitivo", reducido e estable. Isto devolve a pelota ao tellado do Goberno central, que aínda ten pendente a aprobación do estatuto de consumidores electrointensivos, que ficou pendente antes da convocatoria das eleccións xerais do pasado mes de abril.
O fondo suízo mantería dous terzos dos empregos para a produción de aluminio de calidade, que poderían ser o 100% se se aproba o prometido Estatuto electrointensivo
Este mércores pola mañá a ministra de Industria, Reyes Maroto, asegurou nunha entrevista na Cadena Ser que "estamos en condicións de levalo ao Consello de Ministros en canto se conforme o Goberno". Maroto subliñou que o Estatuto achegará "un marco de estabilidade para que o inversor coñeza cal vai ser o custo enerxético futuro". Maroto gabouse de que "estamos terminando de resolver a crise de Alcoa" e destacou que "os dous obxectivos: chegar ao 30 de xuño coa venda das dúas plantas e co 100% do mantemento do emprego" están "cumpridos coa oferta de Parter".
Todo dependería, polo tanto, de que se completase a aprobación do estatuto das electrointensivas en condicións óptimas para a grande industria. De momento, o Goberno central teríalle ofrecido por escrito a Parter "unhas condicións de regulación que terán que baixar o prezo do Mwh entre 12 e 15 euros", segundo puido saber este martes o Comité de Empresa de Alcoa A Coruña na xuntanza mantida co fondo suízo.
A ministra de Industria, Reyes Maroto, asegurou este mércores que "estamos en condicións de levar o Estatuto electrointensivo ao Consello de Ministros en canto se conforme o Goberno"
O plan industrial de Parter comprométese a manter a planta en condicións de rearranque o tempo necesario para poder poñer en marcha as cubas de electrólise cando chegue o momento axeitado. Tamén lles ofrecerá aos traballadores a formación necesaria para poder levar a cabo na Coruña a produción dese aluminio secundario de maior valor. Igualmente, habería fórmulas para pactas saídas, en forma de prexubilacións, para os traballadores que non queiran continuar na factoría máis aló do 1 de xullo, momento en que remata o ERE en marcha.
Este mércores pola tarde os Comités de Empresa manterán unha nova xuntanza con representantes de Alcoa, nunha reunión na que se volverán tratar as condicións ofrecidas por Parter e a necesidade de que se ofreza un prezo eléctrico estable e reducido. O persoal reclámalle ao Ministerio de Industria manter unha entrevista antes do domingo para confirmar os plans do Executivo de aprobar de forma inmediata o prometido Estatuto electrointensivo.