Persoal de Alcoa péchase na Delegación do Goberno central nas horas clave para a venda das factorías

Persoal de Alcoa pechado na Delegación do Goberno central o 18 de xuño de 2019 CC-BY-SA @RebelinAluminio

Son momentos clave para o futuro do emprego na factoría de Alcoa da Coruña, da que a multinacional americana se quere desfacer dúas décadas despois de quedar con ela na privatización organizada polo Goberno de José María Aznar. O Ministerio de Industria expón este martes aos gobernos galego e asturiano as ofertas dos investidores interesados en quedar coas fábricas, no caso coruñés o fondo suízo Parter Capital, pero a inquedanza entre o persoal aumenta. Quere garantías para a produción e o emprego e ata que non as teña permanecerá pechado na Delegación do Goberno de España en Galicia, na Coruña.

O Ministerio de Industria expón este martes aos gobernos galego e asturiano a oferta do fondo de investimento que di ter interese en quedar coa factoría; o persoal reclama sentar nesa mesa

Unha delegación do persoal encabezada polo presidente do comité de empresa coruñés, Juan Carlos López Corbacho, pechouse na sede gobernamental para tentar virar os focos cara ás súas reivindicacións. Do seu punto de vista, o Goberno central "está a desentenderse das obrigas que adquiriu" durante a aplicación do Expediente de Regulación de Emprego de Alcoa porque "non se responsabiliza" nin "dá as garantías ás que se comprometeu a primeiros de ano" na declaración institucional asinada coa Xunta, co Principado e co propio persoal para buscar investidores e garantir o emprego.

"Sentímonos abandonados e traizoados" polo Ministerio no momento "no que hai que ancorar un proxecto industrial co máximo de garantías para manter a produción do aluminio primario e o emprego", afirman dende o Comité. Neste sentido, censuran especialmente que a representación do persoal non poida estar presente na xuntanza na que o Ministerio sentará á mesma mesa a Parter Capital e aos gobernos galego e asturiano.

"Alcoa está presionando" para que o persoal "avale" o proxecto presentado polos posibles compradores, afirman

Alcoa, denuncian, "está presionando á representación legal dos traballadores" para que "avale un proxecto industrial" que o o propio Ministerio "está evitando facer", aseguran. Deste xeito, afirman, Industria "evita acometer as garantías e avais comprometidos" en xaneiro. Aqueles compromisos lémbraos o comité de empresa nun escrito xa rexistrado con destino ao gabinete da ministra de Industria, Reyes Maroto que finalizan cunha advertencia: "na seguridade de que neste tema compartimos as mesmas preocupacións e obxectivos, quedamos á espera da súa resposta dentro da Delegación do Goberno en Galicia".

Alén de emprender o peche o persoal mobilizado pediu tamén apoio a outros traballadores e á cidadanía en xeral animándoos a concentrárense ante a sede gobernamental na Coruña. "Chamamos á mobilización dos compañeiros e compañeiras e de todo aquel que queira apoiarnos", resalta López Corbacho, quen sinala tamén á Xunta entre as administracións que, afirma, "incumpren" os seus compromisos.

O peche mantívose ata o serán do martes cando, unha vez finalizada a presentación do proxecto de compra á Xunta e ao Principado, o comité considerou que se dera o "cumprimento por parte do Goberno e de Alcoa das condicións para levantar" esta mobilización. O desaloxo produciuse "con toda normalidade", admite o Goberno.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.