Alcoa e Parter pecharon este mércores a venda das plantas da Coruña e Avilés ao fondo de investimento suízo. O antigo propietario e o posible comprador resolveron a maior parte das cuestións que hai uns días bloquearan o proceso, comezando polas esixencias de liquidez requiridas pola multinacional norteamericana. Pero un novo obstáculo emerxera no camiño: a negativa dos representantes do persoal (sobre todo dos da factoría asturiana) a asinar previamente este acordo entre Alcoa e Parter. Así continuou ata a madrugada do xoves ao venres, cando a representación sindical logrou novas garantías e a venda ficou desbloqueada.
Este xoves semellaba que os contactos ían rematar sen acordo ao se mantar o rexeitamento frontal do comité de empresa de Alcoa-Avilés a ratificar o documento esixido. A empresa daba de prazo ata o domingo para que os representantes asinasen a acta de finalización das negociacións que lles entregou este mércores. De non facelo, o proceso de venda das plantas e a continuidade dos empregos podería estar en serio risco.
As negociacións estiveron a piques de descarrilar, pero de madrugada chegou o acordo : o "prazo de execución da venda" fica ampliado ata o 31 de xullo, límite para que Parter presente as súas garantías financeiras
"A reunión finaliza sen acordo ningún respecto diso porque seguimos mantendo a nosa firme posición de non ratificar un proceso de venda no que non participamos", resumía o comité asturiano tras unha xuntanza na que Alcoa tampouco modificara a súa posición inicial e mantivera as súas esixencias do mércores e os documentos que quere que os traballadores apoien.
Estes documentos contaban co apoio de case todas as partes, incluído o Ministerio de Traballo e os avogados de CC.OO a nivel estatal. Sobre esta base foi como continuaron os contactos durante a madrugada e contra as tres chegou o desbloqueo: "o prazo de execución da venda" fica "ampliado" ata o 31 de xullo, límite para que Parter presente "as garantías financeiras que acordou con Alcoa", explica o comité nun comunicado. Esas garantías supoñen investimentos de 13 millóns na Coruña e outros tantos en Avilés. Mentres, "mantéñense as condicións laborais actuais".
O Ministerio cre que "o acordo pecha o círculo" e se Parter cumpre a súa parte, "haberá futuro industrial e laboral" co mantemento do "100% do emprego", segundo a oferta do fondo
O secretario xeral do Ministerio de Industria, Raúl Blanco, ratificaba a primeiras horas do venres o acordo. En declaracións á Cadena SER o alto cargo resaltou que "Parter Capital garante o 100% do emprego" e "o acordo de hoxe pecha o círculo" e só "pendentes" dese prazo do 31 de xullo. "Se esas garantías se cumpren, realizarase a venda e haberá un futuro industrial e laboral". Se non se cumpren, agrega o persoal, "executarase" o ERE.
Concretamente, a proposta de Parter garante o mantemento do 100% do emprego durante dous anos (agás os traballadores que acepten baixas voluntarias e prexubilizacións) e, partir de 2012, de dous de cada tres postos de traballo na planta herculina. Serían 250 empregos dos actuais 375 con que conta a factoría, e Parter di estar disposto a incrementar o número de empregos ata os 375 actuais sempre que as condicións do mercado da enerxía sexan as óptimas para volver poñer en marcha a electrólise. É dicir, sempre que o estatuto de consumidores electrointensivos que prepara o Goberno central lles asegure un prezo máis reducido para a electricidade, duns 40 euros o megavatio, 12 menos que os 52 actuais.
As dúbidas do persoal
O persoal criticou dende o primeiro momento que a compañía engadise este requisito ás súas condicións para pechar a venda
Os receos do persoal sobre esta ratificación, maiores en Asturias que en Galicia, levaban xa un tempo pairando sobre o proceso. Esta esixencia non figuraba no acordado entre Alcoa e traballadores o pasado mes de xaneiro e o persoal criticou dende o primeiro momento que a compañía engadise este requisito ás súas condicións para pechar a venda. Xa dende a pasada semana os traballadores subliñaban que rexeitaban asinar "o resultado dunhas negociacións nas que non tomamos parte" e afirmaban que esta condición era un intento de Alcoa de "lavar as mans" se posteriormente xorde calquera problema co novo propietario das plantas. Por exemplo, Alcoa quere que os traballadores asinen uns documentos que detallan entre outras cuestións os avais financeiros de Parter, uns avais que o persoal non puido comprobar.
As reticencias foron moito maiores en Asturias que en Galicia
A xuntanza deste mércores pola tarde entre os representantes do persoal e directivos de Alcoa finalizou sen acordo ás once da noite despois de varias horas de conversas. Este xoves ás 15 horas as dúas partes estaban de novo convocadas a unha reunión en Madrid, que contou coa mediación do Ministerio de Traballo. O Goberno central estivo a apoiar a posición dos traballadores, sinalando que non teñen por que asinar eses documentos, aínda que deslizou outras fórmulas que poidan contentar á multinacional e contribuír a pechar o acordo. Este venres o persoal é informado polos sindicatos sobre as condicións pactadas.