Alcoa e Parter chegaron este luns pola tarde a un principio de acordo para relanzar o proceso de venda das plantas da Coruña e Avilés, que fora paralizado pola propia Alcoa o venres pola tarde ao non atopar suficientes as "garantías financeiras" ofrecidas polo fondo suízo. As conversas entre as dúas partes supuxeron a ampliación ata o 31 de xullo do prazo para o peche definitivo deste acordo, dando este tempo a Parter para que presente algunha fórmula de pagamento "satisfactoria" dos 26,7 millóns de euros que debe achegar nun primeiro momento para facerse coas factorías. Na xuntanza participou a propia ministra, Reyes Maroto, e tamén o secretario xeral de Industria, Raül Blanco, e o director xeral de Emprego, Ángel Allué.
Os representantes dos traballadores poderán coñecer máis detalles sobre o acordo este mércores
O acordo foi recibido con moderada satisfacción por parte do persoal. O anuncio deste luns dá máis tempo para chegar a unha solución que evite o peche das plantas e o despedimento colectivo que isto suporía. Con todo, seguen sendo moi críticos coa forma en que Alcoa está a xestionar o proceso, sobre todo pola sorprendente decisión, a pasada semana, de paralizar a venda.
Os representantes dos traballadores poderán coñecer máis detalles sobre o acordo este mércores, nunha xuntanza á que están convocados en Madrid. Un dos principais puntos de fricción nestes momentos é a esixencia por parte de Alcoa de que o persoal ratifique previamente o acordo entre a multinacional e Parter, unha ratificación que é presentada como irrenunciable para completar a venda. Os traballadores rexeitan asinar "o resultado dunhas negociacións nas que non tomamos parte" e afirman que esta condición é un intento de Alcoa de "lavar as mans" se posteriormente xorde calquera problema co novo propietario das plantas, Parter. "Os traballadores nunca poderemos ratificar un acordo entre dúas multinacionais, non podemos avalar algo do que non somos partícipes", sinalan representantes do Comité de Empresa de Alcoa.
Os traballadores rexeitan asinar "o resultado dunhas negociacións nas que non tomamos parte"
O Ministerio de Industria apoia os traballadores neste punto, sinalando que non están obrigados a ratificar un acordo do que desconfían e que non coñecen na súa totalidade. Esta condición non estaba ademais prevista no compromiso acadado en xaneiro, que marcou as liñas da procura de compradores para as plantas.
Para volver poñer en marcha as series de electrólise, Parter esixe un prezo da electricidade duns 40 euros o megavatio, 12 menos que os 52 actuais
A proposta de Parter garante dous de cada tres postos de traballo na planta herculina a partir do ano 2021. Serían 250 empregos dos actuais 375 con que conta a factoría, e Parter di estar disposto a incrementar o número de empregos ata os 375 actuais sempre que as condicións do mercado da enerxía sexan as óptimas para volver poñer en marcha a electrólise, isto é, sempre que poida acceder a un prezo da electricidade "competitivo", reducido e estable.
Isto devolve a pelota ao tellado do Goberno central, que aínda ten pendente a aprobación do estatuto de consumidores electrointensivos, que ficou pendente antes da convocatoria das eleccións xerais do pasado mes de abril. A Ministra de Industria, Reyes Maroto, reiterou estes días o compromiso do Goberno de "levalo ao Consello de Ministros en canto se conforme o Goberno". Maroto subliñou que o Estatuto achegará "un marco de estabilidade para que o inversor coñeza cal vai ser o custo enerxético futuro". Para volver poñer en marcha as series de electrólise Parter esixe un prezo da electricidade duns 40 euros o megavatio, 12 menos que os 52 actuais.
"Queremos feitos, non queremos palabras. Necesitamos ese estatuto electrointensivo, con prezos máis reducidos"
"Queremos feitos, non queremos palabras. Necesitamos ese estatuto electrointensivo, con prezos máis reducidos, como teñen países como Francia ou Alemaña, para pechar un acordo para a planta da Coruña, non de 24 meses, senón máis duradeiro", afirmou neste senso na Radio Galega Miguel Conde, representante de Comisións Obreiras no comité de empresa de Alcoa na Coruña.
Conde sinala que "o Goberno agora coñece o modus operandi de Alcoa. Esperemos que na vindeira xuntanza estea máis presionante e que non lle permita a unha multinacional rirse de todos. E sen ten que intervir finalmente a SEPI, debe facelo". Unha demanda de intervención pública para salvar os empregos tamén realizada este luns e martes por Galicia en Común e por BNG. "A posibilidade da intervención da SEPI sempre está aí, está legalizada pola UE e noutros países faise. A produción primaria de aluminio é un sector estratéxico, non podemos permitir que España fique sen a produción dun metal que agora está en auxe", engadiu Conde.
Alcoa di que non haberá máis adiamentos, e que o 31 de xullo haberá venda ou despedimento colectivo
En calquera caso, a xuntanza deste luns entre Alcoa e Parter serviu para desbloquear a difícil situación que se creara o venres pasado, a só 48 horas de que expirara o prazo inicialmente fixado para completar o proceso de venda. Un prazo estendido primeiro ata o 8 de xullo e agora ata o día 31. Alcoa advirte, en calquera caso, de que non haberá máis adiamentos, e que o 31 de xullo haberá venda ou haberá un despedimento colectivo que deixaría na rúa a 268 persoas entre as dúas plantas.