Persoal da industria electrointensiva en Galicia clama en Madrid polo prometido estatuto

Mobilización de persoal da industria electrointensiva en Madrid © Galicia en Común

Persoal da industria electrointensiva de diferentes empresas galegas manifestouse este mércores en Madrid, ante os ministerios de Industria e para a Transición Ecolóxica e diante do Congreso dos Deputados, reclamando que se aprobe axiña o prometido estatuto para estas compañías que abarate o prezo da enerxía e garanta así a continuidade de firmas como Alcoa, na Mariña, que ameaza co peche de non atoparse unha solución. 

Centos de galegos, persoal de Alcoa, Ferroatlántica ou Alu Ibérica, uníronse á mobilización que pide xa o estatuto para a industria electrointensiva

Arredor dun milleiro de persoas chegaron desde diversos puntos do Estado, moitas delas desde Galicia. Traballadores de diferentes plantas industriais como ArcelorMittal, Acerinox, Celsa ou Sidenor insisten na necesidade urxente dese estatuto para as empresas electrointensivas. Tamén empregados galegos de Alu Ibérica, a herderia das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, da propia Alcoa na Mariña ou de Ferroatlántica, que chegaron en seis autobuses e coches particulares a Madrid logo de viaxar durante toda a noite.

"Onde está o estatuto?" ou "sen industria non hai futuro" foron algunhas das consignas berradas polos traballadores. Alí recibiron o apoio de representantes políticos de Galicia en Común ou En Marea, pero tamén do PPdeG, que non dubidou en situarse tras as pancartas dos sindicatos nun masivo desembarco de cargos. 

Mobilización de persoal da industria electrointensiva en Madrid © CCOO

O deputado no Parlamento galego Diego Calvo, os parlamentarios nas Cortes estatais, Celso Delgado, Ana Vázquez ou José Manuel Barreiro, os delegados territoriais Ovidio Rodeiro e José Manuel Balseiro, alcaldes populares de Cervo, Xove ou O Vicedo e o propio secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, uníronse á marcha que percorreu varias rúas de Madrid. "Seguimos reivindicando un prezo da enerxía competitivo para salvar a nosa industria", dixo este último, tras acusar o Goberno central de "poñer en risco 5.000 empregos en Galicia pola súa negativa a aprobar o estatuto electrointensivo".

Varios cargos do PPdeG manifestáronse xunto aos sindicatos e cargaron contra o Goberno de Pedro Sánchez

A ministra de Industria, Reyes Maroto, amosou nas últimas horas a súa confianza na vindeira aprobación do estatuto, pendente, segundo dixo, duns informes da UE logo de que o Goberno central negociase o contido deste futuro decreto en Bruxelas. Pero os traballadores esixen que se aprobe de vez ante o recorte de incentivos e vantaxes para o sector que ameazan o emprego. 

Tras a reunión que representantes sindicais mantiveron co secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, ambas partes amosáronse optimistas de cara a unha aprobación do estatuto en datas vindeiras. Desde o Ministerio aclárase que faltan tres trámites: un da Comisión Europea, outro na CNMV e un último do Consello de Estado. 

Mentres, mañá xoves, a Subdelegación do Goberno en Lugo acollerá unha nova xuntanza da Mesa de Traballo Multilateral sobre Alcoa que reúne representantes do Estado, das Xunta, da compañía, dos sindicatos e do comité de empresa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.