Xove: Vermello de barro

Balsa e tubaxes CC-BY-SA Ramón Mariño

A maior balsa de residuos da bauxita de Galicia está en Xove. Trinta anos da súa apertura, a Xunta estreou este ano o primeiro plano de emerxencias exteriores, por se se dera o caso dunha hipotética rotura nos diques de contención. Son trinta anos de convivencia entre este depósito a ceo aberto e a veciñanza das parroquias xovenses de Lago, Morás e Portocelo.

Trinta anos da súa apertura, a Xunta estreou este ano o primeiro plano de emerxencias exteriores, por se se dera o caso dunha hipotética rotura nos diques de contención

En outubro de 2010 Hungría tinguíase de vermello. A rotura dunha balsa onde se almacenaban os residuos dunha fábrica de aluminio na localidade de Ajka, reventara. Houbo polo menos cinco persoas desaparecidas e catro mortas ademais de centos de desprazados. Entre as causas apuntábase á intensidade das choiva nos días precedentes, segundo a Magyar-Aluminium. Tamén se apuntou a un fallo humano na vixilancia e control da balsa de residuos.

Hai trinta e sete anos comezaban as obras de construción da factoría Alúmina-Aluminio en terreos dos concellos de Xove e Cervo, na costa de Lugo. Era daquela a maior factoría de aluminio do estado, con investimentos públicos e privados. En 1998 Alúmina-Aluminio e todo o grupo público Inespal foi adquirido pola multinacional ALCOA.

 

Os residuos e os plano

Cando se construíu a factoría, a novidade era que tamén produciría alúmina, o po branco que logo, mediante electrolise, se converte en aluminio. Este po sae da bauxita, unha rocha sedimentaria composta de alúmina, óxido de ferro e sílice. Grazas a un procedemento químico, sepárase a alúmina dos outros compoñentes. Nese proceso úsase hidróxido de sodio en altas temperatura e presión. O que queda é un refugallo ao xeito de barros moi líquidos que son enviados a un encoro ou balsa, onde se almacenan ata que, chegados a unha determinada cota, o encoro é selado.

No caso de Xove, considérase como data límite para o selado o ano 2020. Ata ese momento, o depósito recibe unhas 4000 toneladas de residuos vertidas por tubaxes e outras, levadas en camións

No caso de Xove, considérase como data límite para o selado o ano 2020. Ata ese momento, o depósito recibe unhas 4000 toneladas de residuos vertidas por tubaxes e outras, levadas en camións. Eses residuos veñen do procesamento de 9000 toneladas de bauxita, é dicir, case o 50% de materia prima é refugallo.

Trinta anos despois do inicio da actividade industrial e a dous anos da catástrofe húngara, a Xunta de Galicia, con competencia en materias de protección civil, crea un plano de emerxencias exteriores en vistas a reducir no posible o impacto dunha hipotética rotura nos diques de contención da balsa de lodos vermellos en Xove. Ata ese momento, como declaraba un veciño, non houbera ningunha iniciativa semellante desde as diferentes administracións, privadas ou públicas competentes na materia de seguridade e protección civil.

 

Os veciños da parroquia de Lago están afeitos ao ir e vir diario de camións cargados con residuos procedentes da fábrica de Alcoa. A primeira consecuencia máis visible desta actividade, é a cor vermella que cobre tanto a estrada de acceso á balsa, como as beiras e vexetación que ten arredor

Seguridade e veciños

Os veciños da parroquia de Lago están afeitos ao ir e vir diario de camións cargados con residuos procedentes da fábrica de Alcoa. A primeira consecuencia máis visible desta actividade, é a cor vermella que cobre tanto a estrada de acceso á balsa, como as beiras e vexetación que ten arredor.  Esta tonalidade esténdese pola estrada que une Lago coa veciña parroquia de Morás e tamén en dirección Lago-Xove. Non obstante, eses camións levan residuo sólido procedente de tarefas de limpeza. Os barros vermellos son enviados mediante tubaxes de longa distancia.

A convivencia entre a veciñanza e a balsa comezou ao mesmo tempo que nacía o enclave industrial. As autoridades daquel tempo iniciaran a expropiación de terreos para abrir o vertedoiro industrial. Avisaran do que estaban facendo. Xosé, nome ficticio dun extraballador de Alcoa, di: “Cando comezamos, leváronnos a outras factorías por Europa. Dixeran que eses barros solidificaban. Aquí non sei se solidificaron ou non”. Nos informes consultados e por declaracións doutros traballadores, o material depositado no fondo do encoro, estaría solidificado.

Durante os primeiros anos o perímetro da balsa estaba sen pechar. Podíase entrar libremente e achegarse aos barros sen restrición. Non obstante, en todo ese tempo, non se rexistrou ningún accidente con risco para a vida de persoas. Tampouco se empregaban métodos de impermeabilización para evitar filtracións aos acuíferos naturais. “Agora si que están poñendo plásticos nas paredes do encoro. Antes de que mercara todo Alcoa metéranse moitas cubas de formigón para inxectalas en bolsas de auga ou barro licuado”, di Xosé.

Un dos perigos que recolle o Plano de Emerxencias Exteriores da Xunta de Galicia de 2012, é o de inundación e por tanto, risco de rotura por aumento da presión nos diques debido a acumulación de liquido

Un dos perigos que recolle o Plano de Emerxencias Exteriores da Xunta de Galicia de 2012, é o de inundación e por tanto, risco de rotura por aumento da presión nos diques debido a acumulación de liquido. Para evitar as correntías de auga, nos primeiros anos construíronse canalizacións de formigón para desviar as augas torrenciais e que non entrasen no encoro.

O presidente da Asociación de Veciños de Lago, Jesús Santos, cando se lle pregunta sobre o acontecido en Hungría, responde: “Parece ser que a húngara tiña os diques de formigón e se non leva parrilla de ferro, pouco resiste. O dique (frontal) de aquí din que están feito de terra e barro, que son sacados das paredes laterais da balsa. No dique de cola están metendo pedra en rama, cachotes grandes con barro polo medio”. Sobre o risco das augas torrenciais, Santos lembra: “Había un regato no que meteron motobombas para logo desvíalo. Outro regato quedou sepultado. A auga co tempo buscará unha saída”.
A día de hoxe, segundo o Plano de Emerxencias Exteriores, o dique frontal ten unha altura de 86,4 metros e o de cola 26 metros. A capacidade total á que se pode chegar é de 41,21 metros cúbicos. E a superficie desta balsa supera as setenta e dúas hectáreas.

No caso dunha rotura veríase afectado o río Guilar, onde os residuos poderían remontar río arriba, segundo o PEE. Tamén se verían afectadas as instalacións acuícolas que Pescanova ten a só metros da balsa. A praia de Lago tamén se vería afectada así como o porto de Morás, as estradas circundantes e as parroquias de Morás e Portocelo.

Segundo outros ex empregados de Alcoa que traballaron na zona do encoro, este non representa un risco a día de hoxe.

Por outra parte, segundo outros ex empregados de Alcoa que traballaron na zona do encoro, este non representa un risco a día de hoxe. Efectúanse controis mensuais coa revisión de coordenadas para control de desprazamentos do muro, así como control no PH das augas que caen sobre o encoro. Tamén consideran difícil que pase algo como en Hungría e que a consistencia e espesor dos lodos en Lago son maiores que os húngaros. Por outra parte, tamén din que os refugallos como madeira ou graxas son levados a outros depósitos como o das Somozas.

Arredor dos barros vermellos tamén naceran iniciativas encamiñadas a unha posible reciclaxe destes residuos. Unha delas foi a creación dunha fábrica para ladrillos refractarios, aproveitando o contido en arxilas dos residuos. “Esa fábrica xa nin abriu. Era inviable pola materia prima. No momento que metías os lodos na prensa, todo se facía escuma”, di Jesús Santos que tamén aclara sobre a composición dos barros vermellos: “Había análises anteriores. Aí (na factoría de ALCOA) úsanse diferentes metais para cada aleación. Depende do que diga o cliente.” As instalacións están pechadas e paradas. E a materia prima está só a uns centos de metros.

 

Barros e fluor

Non obstante as suspicacias ou a desconfianza, hai veciños que recoñecen un aumento na seguridade arredor dos residuos desde a privatización de Alúmina-Aluminio. Con todo, os mesmos veciños apuntan, non sen desgusto, que foi desde a traxedia en Hungría, cando “dixeron de facer un plano de emerxencia que non había antes, e cando viñeron por aquí xornalistas. Tamén dixeron que para o verán (2012) vaise facer un simulacro”. Con anterioridade ao PEE, existía un plano de emerxencias interno, propio para ALCOA, o único que existía ata este ano.

A gran loita que manteñen as xentes que viven, e mesmo traballan en ALCOA, é pola contaminación de fluor procedente das emisións da factoría

Pero a gran loita que manteñen as xentes que viven, e mesmo traballan en ALCOA, é pola contaminación de fluor procedente das emisións da factoría. Todos os anos, os veciños recollen mostras que envían a analizar aos laboratorios de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Nos últimos, referentes ao ano 2011, Jesús Santos, apunta vía telefónica: “que son altos, nas lagoas da praia e tamén en mostras de vexetais e árbores”. Estas mostras son as que se presentan como probas nos xuízos que os veciños mantiveron con ALCOA. Ata o de agora, a maioría das veces, a xustiza fallou a favor dos veciños.

A convivencia entre residuos e veciños mantense nunha expectativa constante diante do que poda suceder. Aínda recoñecendo que as medidas de seguridade son boas e que en trinta anos non houbo un só incidente destacable, todos apuntan que non se pode prever o futuro arredor dos residuos vermellos.

Dique de cola CC-BY-SA Ramón Mariño
Dique frontal CC-BY-SA Ramón Mariño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.