Os xestores de Alu Ibérica baleiraron as contas da fábrica da antiga Alcoa na Coruña mercando criptomoedas, segundo un informe da UDEF
Os últimos donos das fábricas da antiga Alcoa na Coruña e Avilés utilizaron sociedades interpostas para mercar criptomoedas e substraer capitais e patrimonios das plantas de Alu Ibérica. É o que consta nun informe do pasado mes de xullo da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía que investiga a presunta estafa nas fábricas, segundo adianta El Periódico de España.
As novas revelacións xorden da investigación aberta logo da querela interposta na Audiencia Nacional pola Confederación de Cuadros Profesionales (CCP) á que se adheriron logo varios sindicatos tras a venda por parte de Alcoa das dúas fábricas por un euro ao fondo de investimento suízo Parter Capital, que revendeu pouco despois o 75% das compañías por 13 millóns de euros.
Nin o fondo nin o último comprador, o Grupo Riesgo, cumpriron coas promesas de investimento, parouse a produción e obviouse o previsto naquel acordo que paralizou o ERE contra 375 traballadores na Coruña (686 en total se sumamos os de Avilés) en 2019.
A Audiencia Nacional iniciou a investigación contra os directivos Víctor Rubén Domenech e Alexandra Camacho Carrascal, e outros, ao considerar que os feitos revelaban "en forma indiciaria a presunta comisión de delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal, así como fraude nas subvencións e o conseguinte branqueo dos ilícitos capitais detraídos".
Agora sábese que das pescudas da UDEF xorden novas irregularidades que explican o xeito empregado para baleirar as fábricas a través de bitcoins. "Detectáronse novas transferencias de fondos ordenadas baixo conceptos como "Pago blockhain cripto" ou "Abono facturas BC" que relacionamos coa compravenda de criptomoedas e cuxas beneficiaras son contas tituladas pola sociedade Viña y Sentido SL", unha empresa vinculada cos implicados na trama.
Grupo Riesgo pagou máis de 565.000 euros en 'bitcoins' a unha empresa comercializadora de viños vinculada aos implicados na trama
Estas transferencias son ordenadas por Logiplus Worldwide, filiald do Grupo Riesgo, e o importe destas supera os 565.000 euros. Foron 23 realizadas entre novembro de 2020 e marzo de 2021. A Policía entende que os actuais propietarios das antigas plantas de Alcoa utilizou a sociedade Logiplus "para dar cobertura ás manobras defraudatorias empregadas para detraer capitais das plantas de produción de aluminio".
Ademais, apunta que os cartos empregados por Logiplus para adquirir bitcoins proceden de "fondos das plantas de produción de aluminio", xa que moitas das transferencias foron "inmediatamente precedidas doutras por importes moi próximos e idéntica data". Todo aínda que as transferencias chegaban de contas corretes das factorías da Coruña e Avilés con conceptos como "pago de chatarra".
O enguedello é tal que, como di o informe da UDEF, a empresa receptora dos bitcoins encargábase de comercializar viño, un obxecto que foi ampliado ao investimento en criptomoedas no outono de 2020, cando xa recibira as primeiras transferencias das contas de Alu Ibérica.
No mesmo día que se muda o obxecto da empresa, foi nomeado administrador único de Viña y Sentido Francisco Alarcón Anguita, do que "constan varias detencións policiais antigas por reclamación xudicial e tráfico de drogas". Entre as posibles vinculacións, a Policía Xudicial relata que o apoderado desta firma, Francisco Javier Fernández de Bobadilla, foi apartado da dirección días despois de que a xuíza ordenara as detencións dos implicados no caso e lembra que é socio fundador e administrador do despacho Ackermann y Schwartz Attorney Al Law SLP, que tamén podería estar implicado nos feitos.
É, no fondo, unha trama da que non deixan de descubrirse protagonistas e novos capítulos. Xa en xuño, a Audiencia Nacional condenara a Alcoa a cumprir coas condicións sobre extinción de contratos que se produzan e de recolocación externa nos termos fixados nos acordos do 15 de xaneiro de 2019 co que rematou o período de consultas tras a decisión da empresa de levar a cabo un despedimento colectivo en ambas plantas.
E advertía de que nin Parter nin logo o comprador, Grupo Riesgo, cumpren "minimamente o perfil" demandado na quela operación e que, ao contrario, "resulta notoria a contribución de ambos á situación de desolación na que se atopan as plantas e os seus traballadores". O tribunal, ademais, aseguraba que era evidente Alcoa "nunca deixou de ser o empresario real dos traballadores tras a compravenda das plantas".
Antes, a xustiza xa ordenara intervir as plantas de Alu Ibérica nun auto no que se "evidenciaba" o "baleirado" económico das antigas plantas de Alcoa. No medio, sempre a multinacional do aluminio, salpicada tamén antes logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulara o ERE que impulsara na Mariña e a acusase nunha dura sentenza de actuar de "mala fe" co único obxectivo de pechar.
Todas as actuacións xudiciais abertas intentan deitar luz sobre unha estratexia global na que Alcoa buscaría pechar as súas fábricas en Galicia, eliminar competencia e desfacerse dos traballadores da maneira máis rendible posible, utilizando os procesos de negociación de venda --consumados ou non-- só como estrataxema para atrancar calquera compra por parte dun grupo do seu sector ou impulsando a adquisición a empresas tapadeira que só colaboran na súa intención final de desmantelamento.
O TSXG xa advertira da "sospeita da existencia dunha decisión estratéxica" de Alcoa para desfacerse das fábricas de Galicia da maneira máis rendible posible
A mesma maxistrada da Audiencia Nacional que agora decretou a intervención das plantas da Coruña e de Avilés, no auto de admisión a trámite da querela, xa advertía de que o TSXG atopara "mala fe" nas negociacións polo despedimento colectivo pretendido na Mariña, nun proceso no que só se buscaba apagar as cubas de electrólise para "pechar a fábrica da maneira máis rendible posible". O ditame do Superior, lembraba a xuíza, destaca que as negociacións para a venda "permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica" e que a compañía entrou na negociación "con posicións predeterminadas e un claro obstáculo de non chegar a un acordo final".
No caso da venda que finalmente si se levou a cabo na Coruña, a xuíza recordaba que Alcoa presentou como posibles compradores a Parter Capital Group e Grupo Industrial Riesgo --que finalmente levarían a cabo a operación en dúas fases-- e "excluíu competidoras con proxección internacional: Liberty, Quantum, Aludium e Cunext" tras ser presentadas como alternativas polo Ministerio de Industria". Na Mariña, e segundo o TSXG, Alcoa negociou con Liberty, a instancias tamén do Goberno central, pero sabendo que non vendería en ningún caso. O mesmo resultado pero con diferentes estratexias.