Outro golpe da xustiza a Alcoa e ao seu proceder coas súas antigas fábricas da Coruña e de Avilés. A Sala do Social da Audiencia Nacional vén de condenar a multinacional a cumprir coas condicións sobre extinción de contratos que se produzan e de recolocación externa nos termos fixados nos acordos do 15 de xaneiro de 2019 co que rematou o período de consultas tras a decisión da empresa de levar a cabo un despedimento colectivo en ambas plantas.
Na sentenza, o tribunal ordena cumprir esta medida pactada e alternativa logo de incumprir a que obrigaba á reindustrialización das fábricas e o mantemento do emprego mediante a súa compravenda "a un empresario serio, solvente e rigoroso".
A Sala advirte de que o compromiso de Alcoa só podía resultar exitoso de levar a cabo esa necesaria adaptación e reindustrialización das instalacións "para afastalas da súa actual obsolescencia", o que necesariamente "exixe cuantiosos investimentos". Tras analizar o tribunal o proceso de compravenda e adquisición por parte de Parter Capital e Blue Motion, sinala que "ningún dato ofrece Alcoa" sobre estas dúas sociedades "que permite tan sequera inferir que cumpren co perfil de comprador serio, solvente e rigoroso que debe acreditar".
A Audiencia Nacional considera que nin Parter nin Riesgo "cumpren minimamente co perfil de comprador serio, solvente e rigoroso" pactado
A Sala considera que nin Parter nin logo o comprador, Grupo Riesgo, cumpren "minimamente o perfil" demandado e que, ao contrario, "resulta notoria a contribución de ambos á situación de desolación na que se atopan as plantas e os seus traballadores". O tribunal, ademais, asegura que a proba practicada evidencia que Alcoa "nunca deixou de ser o empresario real dos traballadores tras a compravenda das plantas", segundo informa o Consello Xeral do Poder Xudicial.
O tribunal advirte de que Alcoa "nunca deixou de ser o empresario real dos traballadores tras a compravenda das plantas"
Por iso, conclúe que o proceso de venda no devandito acordo de xaneiro de 2019 "fracasou" xa que o propósito de reindustrialización para lograr a continuidade dos empregos "non se logrou por causas imputables a Alcoa".
A Audiencia activa así a obriga subsidiaria e alternativa daquel acordo: a extinción das relacións laborais nos termos, condicións e prazos establecidos. Así, recoñece o dereito do persoal das plantas cuxas extincións estaban previstas no pactado a que se dea pleno cumprimento ás condicións establecidas, incluído o plan de recolocación, e aclara que o documento asinado entre Alcoa e os sindicatos o 15 de xaneiro de 2019 está "plenamente vixente".
Naquel acordo establecíase, no caso de non atopar un comprador para as plantas, que 205 traballadores de ambas factorías seguiráin traballando, que 106 podería recolocarse na planta de aluminio da Mariña, dependendo dun plan de prexubilacións da empresa. Outros 44 poderían prexubilarse de Alcoa mentres que para o resto habería plans de formación e, no caso de non atopar emprego, 60 días de indemnización pro ano traballado sen límite de anualidades e 10.000 euros de compensación.
A sentenza estima parcialmente a demanda presentado por CCOO, UGT, CIG e a Confederación de Cuadros y Profesionales pero absolve a codemandada Alu Ibérica ao entender que os incumprimentos foron no período de consultas e a responsabilidade recae unicamente en Alcoa, que foi quen os subscribiu. Así, aclara que no caso da Alu Ibérica, a súa responsabilidade estaría vinculada só ás consecuencias derivadas da alternativa de reindustrialización e mantemento do emprego que, ao resultar fracasada, dá lugar á reactivación das extincións contratuais.