A xustiza vai deitando luz sobre a estratexia para desmantelar e saquear as antigas fábricas de Alcoa en Galicia, desta vez coa planta da Coruña. Un auto demoledor da Audiencia Nacional vén de decretar a intervención xudicial das fábricas, agora de Alu Ibérica, na Coruña e en Avilés logo da investigación aberta pola presunta "despatrimonialización fraudulenta" das factorías.
A Audiencia Nacional ordena a intervención das fábricas da Coruña e de Avilés
A maxistrada titular do Xulgado Central de Instrución número 3 do tribunal, María Tardón, adopta esta medida xa nos primeiros pasos da investigación ao considerar que a polémica revenda ao Grupo Industrial Riesgo das plantas que foran mercadas polo fondo suízo Parter foi unha operación para despatrimonializar as fábricas e quedar co seu capital.
As pescudas, que provocaron a detención da cúpula de Riesgo hai dous meses tras a investigación da UDEF, implican o propio fondo suízo, quen mercara a Alcoa as dúas plantas por un dólar, nunha artimaña que volve salpicar tamén a multinacional do aluminio que pretende negociar agora a súa venda da planta da Mariña.
Así, a Audiencia Nacional acorda no auto --ao que tivo acceso Praza.gal-- que funcionarios da Intervención Xeral do Estado e da Intervención Xeral da Seguridade Social sexan os administradores xudiciais, durante seis meses prorrogables por períodos doutros seis, de Iberian Green Aluminium Company (antiga System Capital Management), Alu Holding LC Spain --filial que controla a planta coruñesa-- e Alu Holding AVL 2019 Spain, que se encarga da de Avilés.
A xuíza, ademais de nestas , pon o foco na denominada Blue Motion Technologies, unha sociedade instrumental creada por Parter para a xestión das fábricas tras a compra a Alcoa.
O auto relata os sucesivos procesos de compravenda nas plantas e advirte de que "se pode identificar unha operación que evidenciaría a descapitalización das empresas de Alcoa Inespal Avilés e Alcoa Inespal Coruña" que, "ademais de contribuír á imposibilidade de refrotalas, co conseguinte prexuízo aos acredores e traballadores", tivo como obxectivo que os capitais fosen "desviados en beneficio de Blue Motions Technologies".
"Pódese identificar unha operación que evidenciaría a descapitalización das empresas de Alcoa Inespal Avilés e Alcoa Inespal Coruña"
Menos dun ano despois da compra das fábricas, o fondo suízo vende a propiedade das fábricas por 13 millóns de euros a System Capital Management, sociedade que, segundo a xuíza, "tería servido de canle para detraer capitais das plantas de produción". Unha operación que "neste momento inicial da instrución non pode máis que valorarse como un acto de baleiramento patrimonial delas".
O fondo Parter, a través de Blue Motion Technologies, era titular das plantas da Coruña e Avilés, que pasaron en apenas sete meses a estar controladas por un dos representantes do Grupo Riesgo, Luis Losada, a través de System Capital Management, que pasou a chamarse Iberian Green Aluminium Company, que tería sido a beneficiado do desvío de fondos.
O auto da Audiencia Nacional explica tamén a implicación de Parter xa que, segundo conta, o importe dos 13 millóns de euros pagados a esta sociedade realizouse "con fondos procedentes dos 'préstamos' que os propios centros de produción lle concederon a instancias da sociedade suíza que, como administradora única, outorgou á compradora con carácter previo á venda".
A xuíza sinala que a sociedade de Riesgo que compra as fábricas "tería servido de canle para detraer capitais das plantas" nun "acto de baleiramento patrimonial"
En resumo, o Grupo Riesgo pagou 13 millóns de euros ao fondo suízo Parter que procedían de fondos facilitados polas propias plantas. Comprou as fábricas con préstamos das propias factorías. Unha proba evidente da descapitalización e da suposta "despatrimonialización fraudulenta" que investiga a xustiza.
Así, a decisión da xuíza de intervir as fábricas enmárcase na investigación que se leva a cabo logo da querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais (CCP) contra Alcoa, Parter Capital e o Grupo Industrial Riesgo pola venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. CCP acusa as tres compañías de varios delitos, entre eles estafa agravada, insolvencia punible ou apropiación indebida, sinalando que a multinacional estadounidense entregou as dúas plantas a sociedades pantalla para evitar salvar os postos de traballo.
A propia maxistrada, no auto do pasado 27 de abril, asegura que os feitos obxectos de investigación, "revelan de forma indiciaria a presunta comisión" deses tres delitos polos que foron acusadas as empresas, ademais de "contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal, fraude nas subvencións e o conseguinte branqueo dos ilícitos capitais".
A orde de intervención das plantas responde á petición da Fiscalía Anticorrupción, que o pasado 12 de marzo solicitou esta medida cautelar, que non interrompe a actividade empresarial.
Segundo a Audiencia Nacional, Riesgo comprou as plantas a Parter por 13 millóns de euros con préstamos das propias plantas
A xuíza asegura que a decisión é a "máis axeitada e proporcionada neste momento procesual" e que polas pescudas levadas a cabo "evidénciase a indubidable necesidade de adoptar as cautelas precisas para evitar que durante a substanciación do presente procedemento as entidades quereladas poidan realizar operacións que incidan na ata o momento indiciaria actuación de descapitalización e despatrimonialización das empresas e dos centros de produción da Coruña e de Avilés".
No medio, de novo Alcoa, salpicada agora logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulara o ERE que impulsara na Mariña e a acusase nunha dura sentenza de actuar de "mala fe" co único obxectivo de pechar.
Ambas as dúas actuacións xudiciais intentan deitar luz sobre unha estratexia global na que Alcoa buscaría pechar as súas fábricas en Galicia, eliminar competencia e desfacerse dos traballadores da maneira máis rendible posible, utilizando os procesos de negociación de venda --consumados ou non-- só como estrataxema para atrancar calquera compra por parte dun grupo do seu sector ou impulsando a adquisición a empresas tapadeira que só colaboran na súa intención final de desmantelamento.
A mesma maxistrada da Audiencia Nacional que agora decretou a intervención das plantas da Coruña e de Avilés, no auto de admisión a trámite da querela, xa advertía de que o TSXG atopara "mala fe" nas negociacións polo despedimento colectivo pretendido na Mariña, nun proceso no que só se buscaba apagar as cubas de electrólise para "pechar a fábrica da maneira máis rendible posible". O ditame do Superior, lembraba a xuíza, destaca que as negociacións para a venda "permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica" e que a compañía entrou na negociación "con posicións predeterminadas e un claro obstáculo de non chegar a un acordo final".
O TSXG advertira da "sospeita da existencia dunha decisión estratéxica" de Alcoa para desfacerse das fábricas da maneira máis rendible posible
No caso da venda que finalmente si se levou a cabo na Coruña, a xuíza recordaba que Alcoa presentou como posibles compradores a Parter Capital Group e Grupo Industrial Riesgo --que finalmente levarían a cabo a operación en dúas fases-- e "excluíu competidoras con proxección internacional: Liberty, Quantum, Aludium e Cunext" tras ser presentadas como alternativas polo Ministerio de Industria". Na Mariña, e segundo o TSXG, Alcoa negociou con Liberty, a instancias tamén do Goberno central, pero sabendo que non vendería en ningún caso. O mesmo resultado pero con diferentes estratexias.
Agora, o persoal de Alcoa na Mariña, ante a parálise nas negociacións para unha futura venda, advirte de que non quere que alí pase o que ocorreu na Coruña e en Avilés. Mentres, na planta coruñesa e asturiana, o auto e unha futura sentenza contra Parter e Riesgo abren a porta a que se reverta o polémico proceso de venda e a que o Goberno central, a través da SEPI, actúe polo futuro das fábricas como pretende facer coa de San Cibrao.