O operativo policial impulsado pola Audiencia Nacional busca probas pola suposta "despatrimonialización fraudulenta" das plantas
Outro capítulo máis no enguedellado guión da antiga planta de Alcoa na Coruña. Axentes da policía nacional e da Inspección de Traballo entraron na mañá deste xoves na actual factoría coruñesa de Alu Ibérica --e tamén na de Avilés, en Asturias-- para levar a cabo un rexistro que se enmarca na investigación aberta pola Audiencia Nacional pola compravenda de ambas plantas.
A policía desenvolveu nas plantas galega e asturiana un operativo pola suposta "despatrimonialización fraudulenta" destas fábricas de aluminio antiga propiedade de Alcoa nas que se investiga se a venda implicou entregar as plantas a empresas pantalla para destruír emprego.
A investigación está dirixida polo xulgado central de instrución número 3 da Audiencia Nacional e no operativo inclúense tamén actuacións nas provincias de Madrid, Málaga e Castelló, ademais de na Coruña e Asturias, que supoñen once rexistros en domicilios de persoas físicas e xurídicas, entre eles os propios centros de produción e un despacho de avogados.
A operación policial inclúe once rexistros na Coruña, Asturias, Madrid, Málaga e Castelló
A operación está coordinada pola Fiscalía Especial contra a Corrupción e Criminalidade Organizada e busca obter probas para esclarecer os feitos. Nela participan máis dun cento de axentes, ademais de integrantes da Inspección de Traballo. Durante este xoves, a policía detivo tres mandos do Grupo Industrial Riesgo, actual propietario de Alu Ibérica, dous en Madrid, onde a emrpesa ten as oficinas centrias, e outro en Málaga, onde está domiciliada a matriz do grupo empresarial. Prestarán declaración este venres na Audiencia Nacional.
O importante operativo xorde da querela presentada pola pola Confederación de Cadros Profesionais (CCP) contra Alcoa, Parter Capital e o Grupo Industrial Riesgo pola venda das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés. CCP acusa as tres compañías de varios delitos, entre eles estafa agravada, insolvencia punible ou apropiación indebida, sinalando que a multinacional estadounidense entregou as dúas plantas a sociedades pantalla para evitar salvar os postos de traballo.
A querela foi admitida a trámite o pasado 22 de decembro e no auto daquela a xuíza María Tardón oficiaba á UDEF (Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal) para que realizase unha investigación integral respecto das persoas físicas e xurídicas contra as que se dirixe a querela para o esclarecemento dos feitos. Ademais, "tendo en conta a ausencia de claridade e concreción que se advirte na querela", a maxistrada solicitaba información sobre a "titularidade real" das dúas factorías, os seus socios, órganos de administración e representación, capital social, situación financeira e cantos elementos poidan resultar relevantes para determinar a súa posible solvencia.
A Audiencia Nacional busca deitar luz sobre a estratexia global de Alcoa para desmantelar as súas factorías en Galicia e Asturias a prezo de saldo
A actual investigación dirixida pola Audiencia Nacional chega logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulara o ERE de Alcoa na Mariña e a acusase nunha dura sentenza de actuar de "mala fe" co único obxectivo de pechar.
Ambas as dúas actuacións xudiciais intentan deitar luz sobre unha estratexia global na que Alcoa buscaría pechar as súas fábricas en Galicia, eliminar competencia e desfacerse dos traballadores da maneira máis rendible posible, utilizando os procesos de negociación de venda --consumados ou non-- só como estrataxema para atrancar calquera compra por parte dun grupo do seu sector ou impulsando a adquisición a empresas tapadeira que só colaboran na súa intención final de desmantelamento.
A maxistrada da Audiencia Nacional, no auto de admisión a trámite da querela, xa advertía de que o TSXG atopara "mala fe" nas negociacións polo despedimento colectivo pretendido na Mariña, nun proceso no que só se buscaba apagar as cubas de electrólise para "pechar a fábrica da maneira máis rendible posible". O ditame do Superior, lembraba a xuíza, destaca que as negociacións para a venda "permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica" e que a compañía entrou na negociación "con posicións predeterminadas e un claro obstáculo de non chegar a un acordo final".
A xuíza advirte da "sospeita da existencia dunha decisión estratéxica" de Alcoa para desfacerse das fábricas da maneira máis rendible posible
No caso da venda que finalmente si se levou a cabo na Coruña, a xuíza recordaba que Alcoa presentou como posibles compradores a Parter Capital Group e Grupo Industrial Riesgo --que finalmente levarían a cabo a operación en dúas fases-- e "excluíu competidoras con proxección internacional: Liberty, Quantum, Aludium e Cunext" tras ser presentadas como alternativas polo Ministerio de Industria". Na Mariña, e segundo o TSXG, Alcoa negociou con Liberty, a instancias tamén do Goberno central, pero sabendo que non vendería en ningún caso. O mesmo resultado pero con diferentes estratexias.
Agora, o persoal de Alu Ibérica na Coruña está convencido de que o rexistro deste xoves será "o principio da fin deste engano tremendo". O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, mostrou a "máxima colaboración" coas forzas de seguridade para que se estableza o que considera "a verdade". "E en base a esa verdade poder levar a cabo as actuacións xudiciais que esixan responsabilidade a todas as empresas implicadas neste engano tremendo que levamos sufrindo desde hai dous anos", explica.
Precisamente, nesta mesma semana, a xustiza condenou a Alu Ibérica por vulnerar a liberdade sindical e o dereito de folga na súa factoría de aluminio.