Tras gañarlle o sindicato varios preitos laborais, a empresa botou tres empregadas afiliadas a esa central, o que influía no resultado das seguintes eleccións sindicais na súa planta de Carnota
O Tribunal Supremo vén emitir un auto, con data do pasado 18 de outubro, co que fai firme unha condena a Conservas Dani por vulnerar a liberdade sindical con varios despedimentos na súa fábrica de Carnota. Tras gañarlle CCOO varios preitos laborais, a finais de 2020 a empresa despediu tres empregadas afiliadas a ese sindicato, o que influía no resultado das seguintes eleccións sindicais.
Varias sentenzas estableceron a nulidade dos despedimentos e condenaron á empresa a readmitir e indemnizar as traballadoras, pero a firma chegou cos seus recursos ata o Supremo. Agora o alto tribunal pon fin ao proceso e rexeita os argumentos da empresa.
O grupo Conservas Dani, do empresario catalán Daniel Sánchez Llibre, ex-presidente do equipo de fútbol RCD Espanyol e irmán do presidente da patronal catalá, ten unha conserveira en Carnota na que a representación sindical estaba conformada no momento dos feitos por dúas representantes da CIG e unha de CCOO. Segundo as sucesivas sentenzas emitidas primeiro por xulgados do Social de Santiago e avaladas despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a representación legal de CCOO gañara varios preitos laborais á empresa antes de que a finais de 2020 esta decidise despedir tres empregadas afiliadas todas elas a ese sindicato. Fíxoo argumentando baixa produtividade das empregadas.
A xustiza considerou que os despedimentos influían no resultado das seguintes eleccións sindicais, e vinculounos coas derrotas xudiciais previas da empresa, polo que considerou que había indicios suficientes para “inverter a carga da proba” e que fose a empresa quen demostrase que había razóns obxectivas e non unha represalia. Porén, a empresa non foi quen de acreditar “que o cese fora alleo á súa afiliación sindical”.
As sentenzas consideraron nulos os despidos e condenaron a empresa non só a readmitir ás empregadas senón tamén a indemnizalas por danos e prexuízos. Pero a empresa recorreu cando menos un dos casos ata o Tribunal Supremo coa intención de que o despido pasase a ser considerado improcedente en lugar de nulo, o que rebaixaría o seu custo.
A empresa non foi quen de acreditar "que o cese fora alleo á súa afiliación sindical" e foi condenada por despido nulo a readmitir e indemnizar por danos e prexuízos, o que agora avala o Supremo
Agora o alto tribunal vén de inadmitir o recurso da empresa por non achegar esta argumentos que poidan reverter as sentenzas previas. Por unha banda, a sentenza de contraste que propuxo a empresa para que o Supremo puidese determinar se os tribunais inferiores se pronunciaran neste caso de xeito incoherente a como o viña facendo a xustiza ata agora en casos similares non permitía tal contraste xa que non se refería a casos semellantes. A empresa tampouco indicou que precepto legal consideraba infrinxido por parte das sentenzas previas.
Cando o Supremo fixo ver á empresa que as eivas do seu recurso eran causa de inadmisión do mesmo a firma argumentou entre outras cuestións que tamén despedira outros traballadores non afiliados a CCOO ou que a traballadora do caso analizado se dera de alta no sindicato despois das anteriores eleccións sindicais, nas que o seu voto non podía influír. A resposta do Supremo, avalada pola Fiscalía, foi que eses argumentos “non desvirtúan en modo algún” as consideracións tidas en conta polas sentenzas previas, que puxeran o foco no efecto que poderían ter os despidos nas seguintes eleccións.