O Supremo desestima un recurso dunha empresa do grupo controlado polo Estado e fai firme unha sentenza do TSXG que obriga a indemnizar a traballadora, á que mudaran de posto e deixaran sen ocupación
Foi “discriminada pola súa afiliación e actividade sindical” e ocasionóuselle unha "vulneración da súa integridade moral [...] en relación coa dignidade da persoa recoñecida constitucionalmente”. Por iso, unha representante sindical da CIG que foi mudada de posto e deixada sen “ocupación efectiva” deberá ser indemnizada por unha empresa do grupo Indra, controlado polo Estado e socio da Xunta en varias iniciativas, segundo unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que fixo firme recentemente o Tribunal Supremo cun auto ditado este verán.
A muller que viu amparados os seus dereitos polo Tribunal Supremo o pasado xuño traballaba desde varios anos antes, e con consideración de representante sindical, para outra empresa que foi adquirida en 2018 polo grupo Indra. Cando iso ocorreu ela e outros compañeiros foron mudados de proxecto e de posto de traballo entre dous polígonos empresariais distintos da cidade da Coruña.
Malia que as avaliacións do seu traballo por parte da empresa en 2018 e 2019 tiveron como resultado a consideración de “boa execución”, foi deixada sen “ocupación efectiva” durante máis de medio ano, a finais de 2019 e comezos de 2020, ao tempo que a empresa lle remitía manuais de formación para que “os fose lendo” sen que a empresa puidese probar que fosen parte dunha “formación real e efectiva” pola súa banda.
A traballadora formulou unha demanda contra a empresa, Indra Soluciones Tecnológicas de la Información SLU, e inicialmente un xulgado do social da Coruña desestimouna en xaneiro de 2021, mesmo mes en que a traballadora foi despedida. Pero a afectada recorreu e en setembro do pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deulle a razón e considerou que a empresa vulnerara a a súa liberdade sindical e a represaliara pola súa condición de representante do persoal, no exercicio da cal tomara parte en diversas accións de reivindicacións de dereitos dos seus compañeiros.
“A ocupación efectiva é un dereito dos traballadores, que ademais incide directamente sobre o sentimento de utilidade e realización [...] elemento que pode articular, entre outros factores, o libre desenvolvemento da personalidade”, di a xustiza.
O TSXG non considerou que se vulnerase o dereito ao honor da afectada, como pedía ela, pero si a súa integridade moral. “A conduta empresarial, dada a súa persistencia no tempo, tivo potencialidade de ocasionar padecementos psíquicos e morais á recorrente”, di a sentenza do TSXG, que engade que “o cambio de proxecto unido a unha falta de ocupación efectiva era idóneo para producir un efecto de vexación ou humillación da parte, pois non pode esquecerse que a ocupación efectiva é un dereito dos traballadores/as, que ademais incide directamente sobre o sentimento de utilidade e realización que os traballadores/as poden desenvolver, e sobre o sentido da súa actividade laboral como elemento que pode articular, entre outros factores, o libre desenvolvemento da personalidade”.
O Supremo nin sequera admitiu a trámite o recurso da empresa e fixo firme a sentenza do TSXG que ordena restituír á traballadora "na integridade dos seus dereitos"
Segundo a sentenza do TSXG, iso produciuse por unha “conduta empresarial” que “carecía de toda xustificación” xa que a empresa non puido probar os motivos que a levaron a actuar así mentres que o tribunal si que detectou “indicios diversos de que obedece a unha represalia e discriminación da traballadora pola súa actividade sindical previa”.
O TSXG non puido entrar a valorar o despedimento da traballadora porque a causa xudicial orixinal abrírase antes por outros motivos, pero considerou a carta de despido como un motivo máis de proba das represalias contra a traballadora. Con independencia do que se decida na causa xudicial sobre o despedimento, o que sentenciou o TSXG no primeiro procedemento foi que a empresa debía proceder ao “cese da conduta vulneradora de dereitos fundamentais” e restituíla “na integridade dos seus dereitos” indemnizándoa economicamente.
A empresa recorreu esa sentenza do pasado setembro en casación ante o Tribunal Supremo, pero este, nun auto con data do 22 de xuño, vén de rexeitar sequera admitir a trámite o recurso e fai firme a decisión do TSXG.