Os sindicatos piden cesar o director de Xustiza da Xunta polo "colapso" ao aplicar a reforma xudicial estatal

José Tronchoni na súa toma de posesión en 2022 como director xeral de Xustiza CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nunha comparecencia conxunta SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO advirten da demora que acumulan as causas e din que non son problemas puntuais senón estendidos por todo o país

Os sindicatos representativos do persoal da Administración de Xustiza en Galicia (SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO) deron este xoves unha rolda de prensa conxunta na que pediron o cesamento do director xeral de Xustiza da Xunta, José Tronchoni, polo "colapso" na aplicación en Galicia da reforma xudicial estatal aprobada o pasado ano. Os sindicatos reclaman "medidas urxentes para evitar novos atrasos e sobrecarga laboral".

José Tronchoni, director xeral de Xustiza, nunha oficina xudicial nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os sindicatos denuncian a "grave situación que está xerando a implantación dos Tribunais de Instancia" en Galicia, cun "importante caos interno". Unhas conclusións ás que chegan logo de celebrar asembleas por todo o país e detectar problemas que "non son puntuais nin illados, senón estruturais e xeralizados en boa parte dos partidos xudiciais galegos". Segundo din, a reforma busca unha modernización da Xustiza pero a súa aplicación en Galicia "estase realizando de forma precipitada, sen a planificación necesaria e sen os recursos humanos e materiais imprescindibles". 

Durante a súa comparecencia, os sindicatos insistiron en que a súa crítica "non se dirixe só á reforma xudicial en si mesma, senón ao xeito en que se está executando en Galicia". Así, reclamaron o cesamento do director xeral da Xunta e "unha actuación inmediata para corrixir as deficiencias detectadas".

Símbolo da xustiza nun xulgado galego CC-BY-SA Praza Pública

Os sindicatos veñen realizando asembleas por toda Galicia nas últimas semanas e non descartan novas mobilizacións "se non se adoptan medidas urxentes"

Os sindicatos salientaron que o seu diagnóstico é "resultado dunha ampla labor de escoita realizada nas últimas semanas mediante asembleas realizadas en distintos partidos xudiciais de Galicia". "En todas elas, os traballadores e traballadoras trasladaron unha mensaxe practicamente unánime: a implantación dos Tribunais de Instancia estase levando a cabo sen a planificación necesaria", din. 

As organizacións sindicais continuarán trasladando este problema ás administracións competentes e non descartan "novas accións de denuncia e mobilización se non se adoptan medidas urxentes que permitan evitar o deterioro do servizo e das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do sector". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.