Once treitos cun cento de accidentes e 17 persoas falecidas en apenas tres anos. Son tramos de estradas que oscilan entre os 7 e os case 20 quilómetros polos que circulan, de media, uns 85.000 vehículos cada día. Estas son as cifras máis destacadas da avaliación da rede de estradas do Estado realizado polo departamento de seguridade viaria do RACE dentro do European Road Assesment Program (EuroRAP), un programa da Comisión Europea xunto con fundacións e clubs automobilísticos que analiza periodicamente os datos de accidentes de tráfico e as características das vías.
Nun contexto no que Galicia figura como a comunidade autonóma con máis treitos de risco dentro da rede estatal de estradas, catro deles figuran con índices de risco alto, aqueles nos que se rexistra un maior número de accidentes mortais e graves por cada 1.000 millóns de vehículos que pasan por cada quilómetro. Cun valor de 122,2 neste índice destaca unha das estradas que articula a contorna da Ribeira Sacra, a N-120 entre Següín (Lugo) e Penalba (Ourense), onde entre 2013 e 2015 se rexistraron 8 accidente con 11 persoas feridas de gravidade. Xusto a continuación, no tramo da mesma estrada que chega ata a cidade de Ourense, no mesmo período producíronse 6 sinistros, con dúas persoas mortas e 5 máis con feridas graves.
Nos 11 treitos identificados polo informe faleceron 17 persoas en accidentes de tráfico nos últimos tres anos
Nuns niveis semellantes de perigosidade está, segundo este informe, o treito entre Melide e Boente da N-547, que segue a articular boa parte do centro de Galicia e a absorber un amplo volume do tráfico entre Lugo e Santiago mentres non é concluída a autovía A-54. Tamén presenta un alto risco de accidentes, segundo este estudo, o tramo da N-640 que une Caldas de Reis con Vilagarcía -13 accidentes, dúas mortes e 15 persoas feridas no período-, e o percorrido da N-541 entre Sacos (Cotobade) e a estrada provincial PO-224.
Os demais treitos galegos sinalados neste informe atópanse en nivel vermello, de risco medio-alto. É o caso do tramo da N-642 que transcorre por 8 quilómetros da beira da ría de Ribadeo ou dos primeiros 18 quilómetros da N-640 entre as provincias da Coruña e Lugo, que serven de conexión dos tráficos procedentes das autovías A-6 e A-8 cara a Santiago e o sur de Galicia. A N-VI á altura da variante de Betanzos, a conexión de Guntín e Lugo pola N-540 e esta mesma estrada á altura de Cambeo, en Ourense, a N-550 dende a cidade de Pontevedra e ata Briallos ou a N-540 entre Bandeira e Foxo son outros dos puntos especialmente perigosos da rede viaria estatal en Galicia.