Ferrol podería completar en 2017 o proceso de peonalización da maior parte das rúas do seu centro histórico, o barrio da Magdalena. A cidade mudaría deste xeito por completo a súa paisaxe urbana, seguindo o exitoso exemplo doutras urbes, como Pontevedra ou Compostela. O Goberno local presentoulles este mércores aos grupos da oposición o proxecto, que prevé que o tráfico rodado se limite ás rúas Sol, Igrexa, Lugo e San Diego.
Na actualidade xa son peonís as rúas Real, Dolores, Galiano, Carme e Manuel de Cal e parte das rúas María e Magdalena. Coa reforma completaríase a peonalizacións destas últimas dúas vías, e tamén serían peonís Carme, Rubalcaba, Terra, Concepción Arenal, Coruña, Sánchez Barcáiztegui, Méndez Núñez, Gravina e Arce, aproveitando ademais a remodelación da Praza de Armas.
A peonalización podería realizarse a vindeira primavera, nun proceso no que o Goberno local quere acadar o consenso político e social na cidade, e que acompañará doutras medidas para asegurar alternativas de aparcamento para residentes e visitantes. De momento, o BNG amosou o seu apoio á medida, pedindo que se inclúan melloras no transporte público, mentres que PP e Ciudadanos foron críticos coa reforma.
Na actualidade practicamente todas as cidades galegas teñen os seus centros históricos completamente peonalizados, avanzando no obxectivo de que os centros urbanos sexan espazos compartidos por peóns, ciclistas e automobilistas. O Barrio da Magdalena foi declarado Conxunto Histórico-artístico en 1983 e constitúe -xunto co Arsenal e os castelos que dominan a entrada á Ría- a principal razón que levou a UNESCO a incluír Ferrol entre as súas candidatas á declaración como Patrimonio da Humanidade. Este luns a tenente de alcalde, Beatriz Sestayo (PSdeG-PSOE) destacou que a peonalización "foi boa alí onde se aplicou" e apuntou que a medida podería revitalizar unha cidade que leva décadas perdendo poboación.
Compostela
Os que teñan máis idade poderán aínda lembrar o tempo en que os coches percorrían con normalidade a Rúa do Franco de Santiago. O Casco Histórico compostelán foi pechado ao tráfico conformando unha paisaxe urbana que hoxe ninguén pon en cuestión. O seguinte paso foi a humanización do ensanche, ensanchando beirarrúas e limitando as vías a un só carril. Nos últimos meses o Goberno local puxo en marcha o proxecto de peonalización da Rúa de San Pedro, eixo dun dos barrios máis activos da cidade e porta de entrada de moitos dos peregrinos que se achegan ao Obradoiro. En xullo comezou a primeira fase deste proceso, limitando a circulación aos e ás residentes e comerciantes do barrio.
Pontevedra
Se Compostela foi pioneira na peonalización, Pontevedra fixo destes procesos un dos símbolos da cidade e da xestión municipal do seu Goberno local. Dende o ano 1996 o tráfico total no seu centro urbano reduciuse nun 60%, mediante a supresión total (nunha superficie de 400.000 metros cadrados) ou a limitación da circulación de vehículos de motor nunha parte moi importante das súas rúas, recibindo varios premios internacionais. O proceso continúa neste momento, nas rúas Castelao, Cruz Gallástegui ou Benito Corbal. Ou co proxecto de peonalizar a Ponte do Burgo, presentado este verán.
A Coruña
Aínda que a cidade herculina conta con algunha vía peonil de importancia en varios dos seus barrios (Rúa Barcelona na Agra, Rúa Ángel Senra nos Mallos...), o groso dos espazo reservado aos peóns concéntrase no seu centro histórico (nomeadamente nas vías que percorren a Peixería, coma a Rúa Real). A finais da pasada lexislatura iniciouse o proceso na Cidade Vella, un proceso que segue avanzando e que se completará en 2017. Ademais, crearase unha senda peonil no barrio de Montealto, que facilitará os desprazamentos internos na zona, enlazando a praza de España coa avenida de Navarra.
Lugo
En Lugo case todo o casco histórico é peonil e, de feito, no interior das murallas tan só catro rúas permiten o tráfico rodado. No exterior do recinto amurallado as zonas peonís son polo de agora escasas, aínda que nos últimos anos deuse o paso na ponte romana, na que se suprimiu o tráfico de vehículos a motor. Un dos retos inmediatos para o Goberno local é levar a cabo este proceso -xa aprobado polo pleno- na Rolda da Muralla, en concreto na zona da Mosqueira, entre a Praza da Constitución e a Porta de San Pedro, que se unirá ao espazo próximo ao Seminario, xa peonil.
Vigo
En Vigo a aposta nas últimas décadas dirixiuse máis á limitación do tráfico que á súa supresión total, mediante humanizacións que convertían as rúas en vías dun único carril. Destaca, no entanto, o proceso que se levou a cabo no barrio do Calvario e a eliminación da circulación da zona vella.
Ourense
En Ourense está prohibida a circulación de vehículos de motor na meirande parte do seu casco histórico, ademais dalgunha outra rúa nalgún dos outros barrios da cidade. Esta primavera o Concello iniciou o proceso para a peonalización de tres novas rúas: Reza, Xocas e un treito de Cardenal Quevedo.