Vinte e cinco proxectos gandeiros contribúen a que o monte lucense sexa "o que non arde"

Vacas nos Ancares, pertencentes á cooperativa A Carqueixa © Deputación de Lugo

O programa O que non arde, da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, naceu no ano 2020 inspirando a súa denominación na película O que arde de Óliver Laxe, que apadriñara a iniciativa centrada na prevención de incendios mediante accións como fomento das especies arbóreas autóctonas, ademais de acción de limpeza de franxas de risco, entre outras. Aquela primeira iniciativa centrárase en achegas aos concellos e continuou no ano seguinte procurando a colaboración das comunidades de montes.

Na edición d'O que non arde deste 2022 a institución provincial lucense buscou a alianza coas gandarías para promover o pastoreo. Este 10 de decembro o Diario Oficial da Provincia publica a resolución das axudas que recibiu luz verde este venres sen Xunta de Goberno, pola cal "vinte e cinco beneficiarios que están a desenvolver proxectos de pastoreo en distintos puntos da provincia", avanza a deputada Mónica Freire (BNG), responsable da área.

Mónica Freire, deputada de Medio Rural da Deputación de Lugo, presentando a edición 2022 de 'O que non arde' © Deputación de Lugo

"Por terceiro ano consecutivo esgotamos o orzamento do programa", dotado desta volta con 60.000 euros, "demostrando que traballando da man dos gandeiros e gandeiras e atendendo ás necesidades que formulan, podemos avanzar cara a un modelo de xestión do monte que fomente a actividade produtiva e prime o coidado e a conservación do territorio". Porque esta, di Freire, é unha maneira de tender "barreiras fronte á ameaza dos incendios".

A Deputación de Lugo aproba as axudas da terceira edición do seu programa de prevención de incendios, que neste 2022 financian instalacións fixas e móbiles para o pastoreo como valados, comedeiros ou un refuxio modular e desmontable, ademais de accións formativas

Concretamente, vinte e unha das entidades beneficiarias son gandarías. "Levarán a cabo investimentos na adquisición, reparación ou instalación de valados fixos ou móbiles e pastores eléctricos", tamén de elementos como "curros, mangas de manexo, comedeiros e bebedeiros móbiles". Todo, sinala a Deputación, para "facilitar o manexo e rotación do gando". Ademais, O que non arde financia "actuacións e deseños innovadores" como "un refuxio modular e desmontable para o gando" ou "mallas de control de malas herbas".

As catro adxudicacións restantes son para asociacións gandeiras que "xa están aplicando programas de asesoramento e fomento do silvopastoreo cos seus asociados". Accións coma estas, lembra a Deputación de Lugo, non só atoparon eco entre as persoas e entidades destinatarias das axudas, senón que tamén recibiron recoñecementos como os da ONG ambientalista WWF, que "a seleccionou entre os tres mellores proxectos de apoio á gandaría extensiva desenvolvidos dende as administracións locais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.