Mulleres contra o lume: "Imos conquistando terreos; este, tamén"

Antía, Leticia, Vanessa e Begoña, traballadoras do servizo de prevención e extinción de incendios CC-BY-SA Praza Pública - Cedidas

As duras vagas de incendios que Galicia sufriu este verán volveron pór de manifesto a dureza do traballo do persoal que loita contra o lume. Arriscando a vida ante uns fogos cada vez máis intensos, virulentos e difíciles de apagar, son homes os que adoitan poñer rostro e testemuños aos labores de prevención e extinción que cada vez contan con máis mulleres, malia seren clara minoría.  

Algo máis de 500 mulleres traballan no servizo de prevención e extinción de incendios en Galicia, arredor do 8% do total do persoal

Moi "masculinizado" aínda, como recoñecen, o traballo contra o lume forestal vai gañando protagonismo feminino, pero aos poucos. Nesta altura, en temporada de alto risco, máis de medio milleiro de mulleres traballan no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) de Galicia. Supoñen entre o 7% e o 8% do total, que pasa das 7.000 persoas. 

"Agardemos que aínda teña máis, que as mulleres sigan incorporándose; é un traballo duro e complexo, no que arriscas a túa vida, pero a muller vai conquistando terreos e ímonos situando en todas as categorías profesionais. Nesta, tamén", di Vanessa Adrover, xefa de brigada no distrito forestal XVIII, o que corresponde á área de Vigo e do Baixo Miño. Nel son 25 mulleres entre un total de 166 traballadores, o 15%. 

Antía Soto, vixilante fixa no distrito forestal de Vigo-Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Cada vez somos máis, pero a porcentaxe aínda é moi baixa, sobre todo nos equipos de extinción; nas seis ou sete brigadas da nosa base, só hai seis mulleres", aclara Vanessa que, como tantos outros compañeiros, preto dun milleiro en Galicia, pertence ao colectivo de fixos discontinuos que desenvolven o seu traballo tan só seis meses ao ano no operativo de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural. 

"É un traballo duro no que arriscas a vida, pero a muller vai conquistando terreos; este, tamén", di Vanessa, xefa de brigada

Empezou en 2017 no Seaga e desde 2019 coa Xunta. "Levaba moito tempo apuntada nas listas pero movíanse moi pouco, así que traballei de camareira, de xardineira... Ata que me chamaron, empecei e gustoume. En realidade, gústame moito malia o risco que ten", explica. 

Antía Soto leva máis tempo. Hai quince anos que empezou como bombeira forestal. Exerceu tamén como vixilante -móbil e fixa- ata que volveu á extinción sobre o terreo durante uns anos. Desde 2019 exerce a vixilancia desde unha das casetas repartidas polo país para non quitar ollo do lume. "Sempre me chamou a atención; houbo un verán no que me dedicaba a saír de traballar e poñerme a apagar incendios... Foi así como empecei", di quen estudou un grao de Formación Profesional de capataz forestal. 

"O sector está moi masculinizado. Naquela aula, de 25 alumnos, só sete eramos mulleres", lembra quen pescuda o terreo para detectar posibles focos. "O meu labor é estar atenta ás alarmas, mirar onde hai fume e dar o aviso ao distrito para que envíen os medios necesarios. É importante coñecer ben a zona, as aldeas, as montañas, a vexetación...", explica. 

"O sector está moi masculinizado, sobre todo nas brigadas e equipos de extinción", di Antía, vixilante fixa

A pé de terreo, como peón de brigada, traballa Leticia González, que leva doce anos loitando contra o lume. Primeiro tres ou catro meses no verán, compaxinándoos cos seus estudos de forestal. "Era unha forma de meterme no sector mentres estudaba; sempre me gustou e é algo moi vocacional. Gústame malia o risco que corres, a dureza e a cantidade de horas que botas", di. "A pesar de todo, cando estás satisfeita co que fas, ás veces non precisas nin que cho agradezan porque é o que queres facer", resume quen tamén foi xefa de brigada.  

Cunha ducia de anos traballando -primeiro en Seaga, logo nalgún concello, en Tragsa e desde 2019 no servizo da Xunta-, Leticia advirte dunha presenza feminina cada vez maior, pero tamén dunha circunstancia que engade máis temporalidade e precariedade á que denuncia todo o sector. "Cando eu empecei, nas brigadas que traballabamos só tres meses mesmo había máis mulleres que nas de medio ano. Pouco a pouco vai habendo máis, pero entre quen traballa todo o ano a presenza feminina é moito menor que no resto", conta. 

Leticia, brigadista, traballando na extinción dun incendio CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Nunca tiven problema ningún na brigada; si hai algún comentario machista en xente máis veterana. Son xeracións diferentes"

Así, é entre a vixilancia e o traballo na emisora onde maior porcentaxe de mulleres hai. "Nas brigadas e equipos de extinción a presenza feminina é escasa, pero entre as emisoristas e técnicas hai moitas máis", aclara Antía e tamén Begoña Puga, unha destas persoas que detrás dunha emisora se encarga de "transmitir información e facer traballo administrativo". "Digamos que son a intermediaria entre os técnicos e o persoal de extinción", explica quen acabou no seu posto actual logo de traballar durante anos no sector agrario. 

No seu posto, Begoña di que "nunca" sentiu "discriminación" por ser muller. Non é -ou foi- igual entre as brigadistas. "Traballando de bombeira si escoitei os típicos comentarios sobre a suposta incapacidade feminina para facer determinados traballos... Ás veces non son directos e claro que non é todo o mundo, pero sempre hai algunha insinuación sobre os labores que debemos ou non facer, un trato diferente", explica Antía Soto. 

"No tempo que levo na brigada cos meus compañeiros non tiven problema ningún nese sentido", explica Vanessa, que si percibiu algún comentario machista ou discriminatorio "en xente máis veterana". "Son xeracións diferentes; as cousas agora non son coma antes", explica. Corrobórao algún compañeiro -home- que gaba o "trato correcto e respectuoso" que sempre apreciou entre traballadores e traballadoras. 

"Houbo xente que dubidou da capacidade das mulleres e acabou mandando rapaces con nós para que aprendesen", conta Leticia, brigadista

Leticia ratifica que entre compañeiros non hai problema, pero si lembra algún episodio alleo. "Houbo un ano no que nunha brigada eramos tres mulleres e un home; cando chegabamos a un incendio adoitaba haber algún comentario do tipo 'pero estas onde van?', 'igual vós non podedes facelo...' Máis dunha vez acabaron o día dicíndolle a algún rapaz que viñese co nós para 'aprender", conta. "Comproban que traballamos igual que os homes, que esa suposta menor capacidade física que nos limitaría non é tal e que non é só forza, senón maña, ganas e experiencia", engade. 

Todos, homes e mulleres, coinciden en denunciar a precariedade que sofren nun colectivo que, ademais, traballa só medio ano como reforzo malia que "cada vez os invernos son máis secos" e a pesar do "moitísimo traballo de prevención que hai que facer en Galicia". "Estar só seis meses contratada faise difícil e cada vez é máis complicado compaxinar traballos ou atopar unha alternativa laboral no inverno... Ademais, non sempre tes acceso ao paro ou a axudas e, así que formas unha familia e vas facendo a túa vida, a cousa é máis complexa", engade Vanessa, agora embarazada de sete meses. 

Ata 2019, lembra agora Antía, a tempada só lles duraba tres ou catro meses. Desde aquela, dura seis, síntoma inequívoco do que o cambio climático e o progresivo abandono do rural están a influír tamén no aumento do risco de lume. E debía durar máis, na súa opinión ou na de Leticia: "Canto máis tempo se traballe no monte, máis se axuda a diminuír os riscos". 

Begoña Puga, emisorista, no seu posto de traballo CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Fai falta máis prevención, máis traballo todo o ano para coidar o monte e mudar os seus usos para que sexan produtivos", di Begoña, emisorista

"No monte hai moito traballo que facer; non quero dicir que todo teña que estar rozado e limpo porque, tal e como medra a vexetación en Galicia é algo inviable, pero é moi necesario tamén manter as pistas, controlar os cultivos, limpar as pozas...", explica Antía. 

"É necesaria máis prevención, máis traballo durante todo o ano para coidar o monte e evitar problemas posteriores", coincide Begoña, que reclama tamén medidas máis estruturais para poñer fin a unha lacra, a dos incendios, que non ten trazas de mellorar. "Hai que traballar máis na organización e planificación dos montes, en cambiar os seus usos para que sexan espazos produtivos e con valor para que todos tamén nos impliquemos máis no seu coidado", receita. 

"Os efectos do cambio climático fano todo máis difícil, con máis risco e perigo; hai que ter o monte máis coidado e, sobre todo, buscar un equilibrio porque dá para todo: para pasear, para os animais, para usos produtivos... A solución é complexa e debe ser estrutural. Non fai falta ter todo o monte limpo, pero tampouco pode converterse nunha matogueira pechada e sen accesos", engade Leticia. 

"Falta profesionalización; estamos a medio camiño entre un servizo de emerxencias e outro de prevención"

Vanessa engade outra reflexión: "Falta profesionalizar o servizo correctamente; a tal hora estamos a medio camiño entre un servizo de emerxencias e outro de prevención, e moitas veces non fas nin unha cousa nin a outra". "Hai que ter a formación adecuada e é moi necesario practicar e practicar", insiste esta xefa de brigada que recalca que, "aínda que o lume non é moitas veces predicible, canta máis experiencia, mellor se enfronta unha a el". "Por iso sería moi importante que tamén se traballase no inverno nese aspecto: en facer simulacros, analizar o comportamento dos incendios e traballar co persoal sobre o terreo", explica.  

De baixa polo seu embarazo, viviu este duro verán de incendios "desde fóra, con pena e tensión. Antía, pola súa banda, recoñece que foi "especialmente tenso" polas condicións climatolóxicas, o elevado risco e o "temor cada vez maior" a que o lume acabe afectando gravemente a poboacións. "A situación é moito peor que hai anos por múltiples razóns: o tempo extremadamente seco, o masivo abandono rural, o tipo de plantacións... Antes os terreos de cultivo rodeaban as casas, pero agora o monte chega ao pé das vivendas e onde había leiras agora hai silveiras, xestas e matogueira", explica. 

Vanessa Adrover, xefa de brigada no distrito forestal Vigo-Baixo Miño CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Un verán especialmente duro"

"Foi un verán especialmente duro", coincide Begoña, que como emisorista viviu tamén "moito estrés e tensión" nos últimos meses. Con longa experiencia no rural e no mundo agrario, comproba con desolación como "as temperaturas son cada vez máis extremas e a seca máis prolongada". E os riscos, xa que logo, enormes. Tamén nos núcleos poboados, unha advertencia na que coinciden todas as compañeiros e compañeiros.

Así, Vanessa sinala a "mala xestión" do monte que "desemboca nunha situación moita máis perigosa", tamén pola tendencia a "construír máis en plena vexetación". "No noso distrito hai zonas onde hai casas rodeadas completamente de eucalipto; onde antes había animais, terra cultivada ou traballo forestal, agora hai maleza ou mesmo vivendas", advirte. 

"Só hai que fixarse nas cifras: o maior incendio rexistrado na historia de Galicia aconteceu este ano... No noso distrito non houbo fogos tan grandes, pero tivemos que ir a algún en Oímbra e Verín e a situación foi moi complicada, especialmente cando hai nordés", lembra Leticia, que advirte de que "a cousa vai a peor cada ano" e que reclama estar alerta ante o inmediato. "A chuvia que caeu polo momento non foi nada, a vexetación segue medrando e a ver como chegamos a outubro", di. 

Todas coinciden na necesidade de que se cubran as baixas de longa duración nas brigadas: "É un problema do que poucas veces se fala"

Ela, como as súas compañeiras, reclaman unha maior "estabilización" dos postos de traballo, profesionalización e mellores recursos. Tamén para cubrir as baixas, unha eiva que sinalan ao unísono e da que, din, pouco se fala. "Notouse moito a falta de persoal porque dá igual se nunha brigada son sete persoas cando un día que hai algún de baixa e outros de permiso non se cobren as ausencias", contan. "Houbo xornadas nas que o pasamos mal", relatan.

"Levamos tempo sen que se cubran baixas, algo que é moi grave e que afecta moito cando son de longa duración", explica Leticia, que lembra que a Xunta adoita cifrar os dispositivos antiincendios "por brigadas e non por número de persoas". "É algo do que poucas veces se fala, pero no noso caso levamos todo o ano sendo tres persoas cando a brigada está composta por catro", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.