Arder casas tamén...

Vivenda calcinada en Alixo (O Barco de Valdeorras), nunha imaxe divulgada polo concello valdeorrés este 18 de xullo © Concello do Barco

Arde Carballeda, Oímbra, Cervantes, O Courel dos tesos cumes... Arde o monte e arde a vida. Arden tamén, con intensidade e en varios puntos, as casas. As casas. Ese lugar do que a humanidade se dotou para abrigarse do exterior, para acubillarse e protexerse dun medio que puña en risco a súa vida. Diranme que os incendios queimaron casas outras veces. Pero nunca en tanta cantidade, nunca tantas xuntas, nunca en tantos lugares ao mesmo tempo. Arden as casas porque estamos a vivir as consecuencias dos incendios que afectan a un rural abandonado e non só porque falta xente, non. O rural está abandonado á súa sorte por parte dos mesmos que en breves falaran de incendiarios, desalmados, terroristas... xa están tardando.

Ardeu Vilar do Courel. Hai poucas semanas estabamos alí falando con Juan, entrevistándonos con el, preguntándolle pola música e o baile, pola sega e as estivadas, por unha vida de antes que el se afana en conservar mediante retallos no seu museo. Falabamos coa calma que un día festivo de maio pode dar, a carón dun portal que agora, sen adobíos, a televisión mostra derruído e fumegante tralo paso das lapas.

Arde o Courel igual que arden outras partes desa Galiza que xa se lle puxo o adxectivo de moda: “vaciada”. Palabras que, coma sempre, serven para nomear algo pero ás veces dan a sensación de edulcorar, mesmo ocultar baixo un nome a triste realidade á que aluden. O lume sinala co seu tórrido sino unha realidade que hai anos viñamos advertindo: Un rural sen xente pero non só. Un rural sen investimentos.

Porén non faltará unha administración que me apoña que é falso, porque si se gastan cartos no rural. Cartos. Velaí a palabra máxica. Cheques antes. Transferencias agora. Mesmo poderán argumentalo con partidas orzamentarias e cantidades.

O rural require dabondo máis ca cartos. O investimento debe contemplar a  dotación de servizos para que, aquelas persoas que están vivindo e coidando do territorio, sexan efectivamente cidadáns

Pero falar de investimentos non é so falar de cartos. Hai dous meses, de volta da viaxe que fixen ao Courel, entrevistado por Marcos Pérez para este mesmo medio, respondía que o rural require dabondo máis ca cartos. O rural require plans e seguimento dos mesmos. Plans que contemplen polo menos dúas vertentes: A económica, mediante o apoio a sistemas de desenvolvemento que dean oportunidade de explotación dos recursos para que a xente poida vivir no medio agrario e natural, e a social, que repare da vertente económica e sen converter o rural nun monocultivo ou nun macro parque eólico. O investimento, ademais, debe contemplar a dotación de servizos para que, aquelas persoas que están vivindo e coidando do territorio, sexan efectivamente cidadáns, que teñan as necesidades cubertas dun xeito semellante a calquera persoa que resida no medio urbano.

Non hai moitos meses anunciouse que se ía proceder á retirada dos fíos de cobre que permiten unha precaria comunicación nas aldeas pero aínda non chegou (nin se agarda) a cacarexada febra que o ía substituír e da que só sabemos polo que nos di a propaganda oficial. Porque é precisamente nas aldeas onde as escasas coberturas móbiles non permiten unha conexión estable a internet e mesmo aparecen dificultades de acceso á rede de voz. Porque os camiños que van ás casas están en mal estado ou directamente non existen. Porque reducen o persoal médico e as escolas públicas. Porque non se inviste en atención á terceira idade, precisamente onde máis persoas de idade avanzada temos e onde se requiren pediatras e centros educativos cerca para que lle resulte atractivo quedar no rural á xente moza.

O río Pequeno e a súa contorna, no Courel, nunha imaxe de arquivo © Raúl Hidalgo

Pode parecer que non é así, pero investir no rural é tamén loitar contra os incendios

Pode parecer que non é así, pero investir no rural é tamén loitar contra os incendios. Elaborar plans que contemplen o desenvolvemento integral das zonas rurais, que eviten o abandono e intenten remediar a precaria división das leiras con moitas delas a descoñecido, que aposten decididamente pola produción de proximidade, a diferenciación e a calidade dos produtos, que poñan en valor a produción local. Elaborar plans implica diferenciar claramente as zonas rurais do País, pois non teñen as mesmas necesidades as montañas de Lugo e Ourense e algunhas áreas do interior que noutras de maior dinamismo agrario. Elaborar plans para delimitar as zonas onde plantar segundo que especies establecendo descontinuidades e non aforrar en medidas contra o monocultivo. Elaborar plans implica seguimento, apoio técnico e humano, colaboración coas persoas que manteñen o territorio e a necesaria cintura para flexibilizar ou mesmo cambiar aquilo que se ve que non funciona. E para isto si que se necesitan cartos, pero desde logo non só realizando transferencias, senón establecendo sistemas públicos que dean servizos de calidade.

Sigo pensando en Alixo, na Veiga de Cascallá, en Vilar do Courel. Quen vai reconstruír agora as edificacións queimadas? Quen vai restaurar todo ese patrimonio cultural, artístico, natural, agrario que as lapas levaron por diante? Arde e pararanse as lapas. Faltaría máis. Pero o problema non só é o lume que o soterrou, senón o que queda despois.

A realidade dos macroincendios destes días é que está afectando non só a espazos naturais únicos senón tamén ao patrimonio, un patrimonio que transcende o persoal e aséntase no común. A lamentación, a tristura non abondan se non se canalizan a través da necesaria carraxe que deberamos sentir. Porque unha cousa é un accidente e outra moi distinta ver como, detrás do desleixo das Administracións públicas, ven este regueiro queimado de desastres que se viña anunciando desde hai anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.