Nas principais vagas de incendios de principios deste século as escenas máis repetidas levábanos a localidades do eixo atlántico: núcleos de vivendas en espazos máis ou menos urbanizados, plantacións de eucaliptos calcinadas, a AP-9 cortada. E de fondo, en segundo plano, o interior. Por exemplo, para lembrar que determinadas parroquias do Macizo Central ourensán volvían arder un ano máis, coma sempre.
Na vaga de incendios deste xullo de 2022, como xa sucedera en anos anteriores -pero con dimensións moito menores-, as contornas máis azoutadas sitúanse no interior do país. Especialmente en áreas de montaña de Lugo e Ourense, zonas con altos valores naturais e etnográficos e con presenza anecdótica ou mesmo nula do eucalipto, das que tamén veñen saltando aos titulares de cando en vez nas informacións a respecto do despoboamento, das aldeas abandonadas física, económica ou politicamente, ou da escaseza de nacementos.
É o que viña sucedendo en Valdeorras e no Courel, onde múltiplas aldeas pasaron a noite deste luns cercadas polas lapas ou simplemente queimadas mentres as forzas de seguridade instaban ao seu desaloxo. En total, segundo a Xunta, arredor dun milleiro de persoas tiveron que ser evacuadas. Pouco despois das 8 da mañá, a Consellería do Medio Rural actualizaba os seus datos, que para o conxunto de Galicia xa superan as 18.000 hectáreas ardidas.
A actual vaga de incendios concéntranse en espazos de alto valor natural e patrimonial en áreas de montaña de Lugo e Ourense, entre eles espazos protexidos como a Serra da Enciña da Lastra e O Invernadeiro. Ademais de arrasar milleiros de hectáreas de monte, pon en risco e xa calcinou vivendas en varias aldeas
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o incendio máis amplo en termos de hectáreas é agora o que arde dende hai cinco días en Carballeda de Valdeorras, onde xa desapareceron unhas 7.500 hectáreas de monte, segundo as medicións provisionais. Nas primeiras horas deste martes os servizos de extinción aínda consideraban en risco o núcleo habitado de Candeda e por iso mantiñan activa o dispositivo de emerxencia denominado como Situación 2 mentres a Xunta confirmaba que o lume xa entrou no parque natural da Serra da Enciña da Lastra.
No Courel, os incendios son agora dous tras xuntárense varios dos que comezaron por mor das treboadas da pasada semana. O máis amplo e destrutivo é o que atinxe aos concellos de Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón, resultado da unión de catro focos distintos que xa queimaron case 5.000 hectáreas, na súa maioría de alto valor ecolóxico máis tamén patrimonial. Parada dos Montes, Carballal ou Busto son algúns dos núcleos de poboación ameazados e este luns foron tamén ordenadas evacuacións en Seoane do Courel, entre outros puntos.
O segundo foco de relevancia no Courel leva tamén ardendo cinco días e tivo a súa orixe na parroquia de Seceda. Xa queimou algo máis de 1.000 hectáreas. Segundo Medio Rural, na suma de ambos incendios actuaron practicamente 200 brigadas de bombeiros forestais e case unha trintena de medios aéreos de extinción, entre avións e helicópteros. En ambos foron despregados tamén, ademais dos efectivos contra incendios da Xunta e do Estado, membros da Unidade Militar de Emerxencias.
O que tamén está activo dende o pasado día 14 é outro incendio que atinxe a un espazo de gran valor natural ameazado polo lume en múltiples ocasións, o parque natural do Invernadoiro. Orixinado na parroquia de Pradoalbar, en Vilariño de Conso, a primeiras horas deste martes xa afectara a unhas 2.650 hectáreas de monte. Na provincia de Ourense destacan tamén na información de Medio Rural -que segue sen garantir que os datos divulgados sexan completos e referentes a todos os incendios que existen- outros dous que afectan ao concello de Oímbra e que, resalta a Consellería, "entraron dende Portugal". Ambos suman algo máis de 1.000 hectáreas e un deles, o da parroquia de Rabal, afectou durante horas a zonas habitadas.
Os restantes incendios dos que informa Medio Rural son de menor entidade en canto a superficie ardida ata o momento, pero varios deles moi relevantes polo seu impacto. É o caso, por exemplo, das máis de 200 hectáreas ardidas en tres incendios no Concello de Cervantes, isto é, na área dos Ancares. O de maior extensión é o que comezou na tarde do pasado domingo na parroquia de Noceda e que afecta a unhas 100 hectáreas, segundo as medicións provisionais.
Pola contra, a información oficial sobre a vaga de incendios non recolle ningún no eixo atlántico e só un fóra das provincias de Lugo e Ourense, aínda que tamén no interior, en Rodeiro, cunhas 200 hectáreas ardidas na parroquia de Guillar.
Pedro Sánchez, en Valdeorras
Mentres todo isto sucede, no ámbito político rexorde a petición de explicacións ante as queixas por carencias nos medios de extinción, pero tamén o debate sobre a necesidade de abordar as causas estruturais dos incendios forestais e os seus vencellos coa crise demográfica e climática. Mentres, dende o Goberno galego, o presidente, Alfonso Rueda, asegura que as lapas están a ser abordadas con "todos" os medios dispoñibles.
Rueda, que se desprazou este luns a varios dos concellos afectados polo lume, ten previsto visitar este martes o centro de coordinación do operativo contra incendios, en Santiago. Mentres, o Goberno de España confirma a presenza de Pedro Sánchez no posto de mando situado no Barco de Valdeorras na tarde deste martes. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén acode este martes a Valdeorras e ao Courel