A vaga de incendios xa supera as 12.000 hectáreas, máis do ardido en toda Galicia durante 2021

Incendio en Folgoso do Courel o 17 de xullo de 2022 © Deputación de Lugo

O pasado 2021 foi excepcional -por positivo- nos montes galegos en canto a hectáreas ardidas en incendios forestais. Segundo o balance oficial da Xunta, feito público a pasada primavera ao publicar o plan de defensa contra incendios para este ano -o Goberno galego nunca divulga datos completos antes dese documento-, a superficie perdida a causa do lume o pasado ano quedou na contorna das 4.400 hectáreas, no que foi o ano con menor número de focos en catro décadas.

O groso da superficie ardida nese ano de bo balance en termos xerais concentrárase en boa medida nas provincias de Lugo e Ourense e o mesmo está a suceder na primeira gran vaga de incendios deste 2022, agravada pola vaga de calor e as treboadas. Contra a fin da mañá deste luns, 18 de xullo, os focos comunicados pola Consellería do Medio Rural xa superaban as 12.000 hectáreas e máis dunha quincena de incendios forestais dos que case a metade poñen ou puxeron en risco contornas habitadas.

Sempre tendo en conta a parcialidade dos datos divulgados polo Goberno galego a este respecto -a súa política informativa sobre os incendios dende 2009 implica ofrecer datos só dos que superan as 20 hectáreas ou dos que, segundo o criterio da propia Xunta, poñen en risco zonas habitadas ou ambientalmente sensibles-, os incendios máis virulentos están a padecelos nesta vaga Folgoso do Courel e Carballeda de Valdeorras, ambos concellos con focos que xa entran na categoría de gran incendio forestal ao superaren moi amplamente as 500 hectáreas ardidas.

Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Carballeda de Valdeorras e Vilariño de Conso son os concellos afectados polos principais focos tras "descontrolarse" a situación durante as treboadas da pasada semana, segundo Medio Rural

No caso de Folgoso do Courel, o maior incendio foi inicialmente o da parroquia de Vilamor, cunhas 2.500 hectáreas ardidas dende o pasado xoves, 14 de xullo, e ata o domingo e a situación 2 (figura contemplada no plan contra incendios cando hai risco para zonas habitadas) decretada pola "proximidade do lume ao núcleo de Parada dos Montes", sinala Medio Rural. Ás 40 brigadas de bombeiros forestais, 7 avións e 9 helicópteros que traballan na zona uniuse tamén a Unidade Militar de Emerxencias.

A mesma parroquia de Vilamor sufriu un segundo incendio igualmente dende o xoves de superficie moito menor (300 hectáreas), pero tamén con risco para as vivendas. A ambos sumouse o da parroquia de Seceda, que comezou o venres, día 15, e que a primeiras horas deste luns xa arrasara 1.100 hectáreas. Alí acudiran ata o domingo unha trintena de brigadas de bombeiros forestais, unha ducia de medios aéreos e militares da UME.

Na Pobra do Brollón van ardidas arredor de 750 hectáreas en dous incendios na parroquia de Saa e un deles obrigou tamén a activar a situación 2 por proximidade ás casas. Contra as dúas e media da tarde deste 18 de xullo, a Xunta deu por "unidos" todos os incendios do Courel cunha suma conxunta dunhas 4.500 hectáreas.

Incendio en Pradoalbar (Vilariño de Conso) este 17 de xullo de 2022, no parque do Invernadeiro, nunha imaxe tomada por bombeiros forestais da Brif de Laza © Brif Laza

En máis de media ducia de incendios os focos puxeron en perigo contornas habitadas e unha trintena de núcleos de poboación tiveron que ser desaloxados

Xunto co incendio da montaña lucense, ten magnitude semellante en termos de hectáreas ardidas o que afecta ao concello ourensán de Carballeda de Valdeorras. Son xa arredor de 4.600, segundo as últimas actualizacións.

Reactivado por mor dun cambio de vento, segundo Medio Rural, tamén alí foi necesaria activar a situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ao núcleo habitado de Candeda. Varias casas resultaron completamente calcinadas.

Tamén entra ata o momento na categoría de gran incendio forestais o de Vilariño de Conso. No concello ourensán, recorrentemente afectado polo lume forestal, arderon xa unhas 1.800 hectáreas dentro do parque natural do Invernadeiro dende o pasado venres. 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu este luns a este concello lucense para reunirse con responsables do dispositivo de extinción. Alí evidenciou que a situación segue a ser "moi complicada" especialmente tras unhas horas nas que varios incendios xa foran "perimetrados", fase previa ao control, pero despois foron "reavivados polo vento". Segundo Rueda, foron ata 30 os núcleos de poboación desaloxados cunhas 750 persoas fóra das súas casas, máis da metade (arredor de medio milleiro) na provincia de Lugo e as restantes, na de Ourense. Cando menos unha parte foron acollidas no pavillón da Pobra do Brollón. Na comitiva de Rueda estivo Elena Candia, presidenta provincial do PP en Lugo e vicepresidenta do Parlamento, pero sen cargo ningún no Goberno galego.

Estas cifras rexístranse nun contexto no que Medio Rural subliña que "a gran maioría" destes incendios "foron producidos por raios". Durante a xornada do domingo, o conselleiro José González admitía que a situación "se desbordou na noite do xoves, por tormentas secas" nunhas horas nas que caeron máis de 6.000 raios e "fixeron dano onde non houbo choiva", mentres que "onde choveu, fomos capaces, xunto co servizo de prevención e extinción de incendios, de parar ese lumes", evidenciou.

Durante a mañá do luns, a devandita situación 2 por proximidade ás casas foi desactivada en dous destes incendios. Primeiro, en Oímbra e despois, en Palas de Rei. Mentres, nos principais focos (O Courel, A Pobra do Brollón e Carballeda de Valdeorras) continúa activada esta figura de emerxencia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.