A Xunta di que "empeza a controlar" os incendios con máis de 4.400 hectáreas ardidas e oito lumes activos

Un helicóptero sobre a zona afectada polo lume en Folgoso do Courel, incendio que se complicou este domingo © CRTVG

Segundo a última actualización da Xunta, van 4.430 hectáreas de superficie ardidas ata o mediodía deste domingo con oito lumes activos no país. O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou que os lumes non están estabilizados, pero si ″perimetrados″. 

O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou que os incendios activos en Galicia non están estabilizados, pero si ″perimetrados″. ″Empezamos a controlar unha situación que se desbordou na noite do xoves por tormentas secas. Caeron máis de seis mil raios en Galicia e fixeron dano alí onde precisamente non houbo choiva. Onde choveu fomos capaces, xunto co servizo de prevención e extinción de incencios, de parar eses lumes", asegurou.

Segundo a última actualización da Xunta, van 4.430 hectáreas de superficie ardidas ata o mediodía deste domingo con oito lumes activos no país. É preciso lembrar que desde o ano 2009 Medio Rural só informa dos lumes que afectan a máis de 20 hectáreas, a espazos protexidos ou que poden pór en risco á poboación. 

″Nestes momentos, podemos dicir que os incendios non están avanzando″, aseverou José González, quen debullou que o traballo a esta hora está centrado en rematar a delimitación dos lumes para evitar que ardan máis hectáreas. A partires de aí, queda un traballo ″moi forte″ de refrescar estas zonas para impedir a reprodución do lume nos vindeiros días.

O conselleiro do Medio Rural, José González, este domingo na Pobra do Brollón con autoridades locais e técnicos da Xunta © Consellería do Medio Rural

O conselleiro salienta que "o perigo" para as vivendas na Pobra do Brollón "xa pasou" e que se mantén a Situación 2 por “prevención"

José González achegouse este domingo ao concello da Pobra do Brollón, con ″seis lumes activos″, desde onde recoñeceu que a "simultaneidade" dos incendios está a complicar os labores de extinción. Nesta zona permanece activada a Situación 2 pola posible afectación ás aldeas, aínda que o conselleiro asegurou que "o perigo" para as vivendas "xa pasou" e que se mantén por “prevención". Ata o de agora, o Goberno galego informa de que se teñen mobilizado para o control dos lumes neste municipio lugués "3 técnicos, 21 axentes, 32 brigadas, 20 motobombas, 1 pa, 5 avións e 4 helicópteros". Esta tarde, a Dirección General de Tráfico (DGT) ordenou varios cortes de tráfico na a estrada provincial LU-P-4701 polos lumes. 

"As altas temperaturas, a baixa humidade e –nalgunhas zonas– o propio vento dificultan moito a extinción. Pero é que ademais está é unha zona cunha orografía moi complicada, o que provoca que os nosos medios non se poidan achegar coa celeridade suficiente para poder rematar xa cos incendios", detallou o conselleiro, para apuntar que desde a Unidade de investigación de incendios forestais sinalan que "parece ser que un dos incendios foi provocado por unha chispa eléctrica, pero a práctica totalidade dos que se produciron na tarde noite do xoves foron por raios".

A Consellería do Medio Rural traslada esta información da situación dos incendios forestais este domingo ata as 13.30 horas, cunha actualización ás 16.00 horas:

  • A Pobra do Brollón: Mantense a Situación 2 como medida preventiva no incendio rexistrado na parroquia de Saa, que afecta a unhas 600 hectáreas. Un segundo lume activo na mesma parroquia rolda as 50 hectáreas provisionais. O alcalde da localidade, José Luis Maceda, lamentou especialmente que ardan terreos en Saa porque ten "un dos montes con máis riqueza forestal" do concello e –según dixo– do sur da provincia de Lugo.
  • Folgoso do Courel: Permanece decretada a Situación 2 polo lume na parroquia de Seceda, que afecta a unhas 1.100 ha de superficie provisional. A Consellería di que no lugar levan traballado "un total de 19 axentes, 28 brigadas, 13 motobombas, 6 avións e 6 helicópteros". Ademais, están participando efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Na parroquia de Vilamor tamén continúa decretada a Situación 2 como medida preventiva polo incendio que afecta a unhas 300 ha. Un terceiro lume, tamén en Vilamor, afecta unha superficie estimada de 500 hectáreas e complicouse este domingo, decrétase a Situación 2 pola proximidade ao núcleo de Parada dos Montes.
  • Quiroga: Continúa activo o lume na parroquia homónima da localidade lucense, que rolda as 90 hectáreas de superficie afectada. Segue controlado desde a pasada noite outro incendio na parroquia Outeiro, que afecta a unhas 250 hectáreas provisionais. Como tamén continúa controlado o terceiro incendio de Quiroga, na parroquia de Nocedo, que –segundo as últimas medicións sobre o terreo– rolda as 15 hectáreas.
  • Vilariño de Conso: Segue activo o incendio da parroquia de Pradoalbar, que afecta a unhas 160 hectáreas do parque natural do Invernadeiro.
  • Carballeda de Valdeorras: Reactivouse o lume da parroquia de Riodolas no mediodía deste domingo por un cambio na dirección do vento. Solicitouse a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume a núcleos poboacionais como o de Candeda. Ao longo da tarde, varios municipios coma este foron desaloxados e o lume chegou ata o Barco de Valdeorras. Antes de que cambiase o vento, estimábase que afectaba a unhas 1.100 ha de superficie.
  • Rodeiro: Controlado o lume na parroquia de Guillar, que rolda as 200 hectáreas de afectación provisional.
  • Ribadavia: Mantense controlado o lume que se iniciou o pasado luns na parroquia homónima desta localidade ourensá, que afectou a arredor de 65 ha de superficie.

Na tarde deste domingo, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou de que a institución reforzou os medios cos que colabora co operativo que loita contra os lumes na Pobra do Brollón e O Courel e ten mobilizados a 10 bombeiros, catro bombas nodrizas pesadas e un vehículo todo
terreo.

O ente provincial enviou medios persoais e técnicos para cortar as estradas LU-P-4701, que une Pobra do Brollón e O Courel e dá acceso ao núcleo de Parada dos Montes, onde o lume ameazaba con chegar ás casas e que quedou xa desaloxado a primeira hora da tarde, así como a LU-P-4710, que comunica Salcedo e A Estación, na Pobra do Brollón, como medida de seguridade pola evolución dos incendios.

Por outra banda, o presidente da Deputación e presidente do Consorcio Provincial de Lugo
para a prestación do Servizo contra incendios e salvamento trasladou que a entidade leva
"apoiando desde o venres os labores de control e extinción dos lumes da zona sur e A Montaña
da provincia desprazando tanto efectivos, como bombas nodrizas pesadas (con capacidade
para 8.000 litros de auga), pick ups e todo terreos dos parques de bombeiros de Monforte de
Lemos, Sarria e Chantada".

A portavoz parlamentaria de montes do BNG María Albert CC-BY-SA BNG

O director xeral de Defensa do Monte di que houbo máis de 50 lumes simultáneos en toda Galicia

Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte, destacou na Pobra do Brollón que a peculiaridade dos lumes desta semana é a "mega tormenta que abarcou 200 quilómetros de diámetro e dispersou raios por toda Galicia", que afectaron principalmente a zonas de "media montaña". Trátase de incencios "moi rápidos" cunha evolución de "difícil prognóstico". 

"O problema na primeira etapa, cando comezou a tormenta, foi que tivemos que atender cincuenta e tantos incendios simultáneos en toda Galicia, priorizando cales eran os máis perigosos. Fomos pechando lumes, e agora mesmo nos quedan os máis complexos pola orografía e situación", afirmou Rodríguez.

Comparecencia "urxente" no Parlamento

O Bloque Nacionalista Galego solicitou este domingo a comparecencia "urxente" do conselleiro do Medio Rural na Deputación permanente do Parlamento, para que explique que as medidas que está adoptando a Xunta. A formación que lidera Ana Pontón levará esta petición a reunión da Mesa da Cámara que se reúne este luns.

O BNG critica que espazos naturais como o Courel, o Invernadeiro ou Trevinca non conten cunha "protección especial" e "medidas específicas"

"É realmente preocupante que estean chegando denuncias de distintas partes do territorio de brigadas que están sen a metade dos seus efectivos, incluso casos nos que a brigada só conta cun profesional, o que supón un risco contra a seguridade do propio traballador ademais de impedir afrontar a loita contra os lumes coas garantías necesarias", censurou a portavoz parlamentaria de montes, María Albert.

A deputada do BNG por Ourense subliñou que os lumes están afectando a zonas de importante valor ambiental e natural, "que deberían ter unha protección especial, como é o caso do Courel, o Invernadeiro ou Trevinca". Albert criticou que non "contasen con medidas específicas" pese a que "xa teñen sido pasto das lapas nos últimos anos e mesmo nos último meses".

085

A Xunta ten o número de teléfono gratuíto 085 a disposición da cidadanía en caso de detectar algún lume forestal. Á parte, a Consellería do Medio Rural lembra que o 900 815 085 é o número de teléfono gratuíto para "denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento".

Bombeiros forestais ao baixar do helicóptero para atender o lume de Vilariño de Conso, na parroquia de Pradoalbar, este domingo © @BrifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.