Medio Rural salienta que "a gran maioría dos lumes” se iniciaron polos raios das treboadas nun contexto no que a vaga de calor segue afectando a Galicia
A última actualización da Consellería do Medio Rural indica que permanecen activos once incendios forestais en Galicia, que suman 3.980 hectáreas ardidas, segundo as estimacións da Xunta. Nun contexto de vaga de calor, coas provincias de Ourense e Lugo en alerta laranxa por altas temperaturas, preocupan especialmente os lumes de Folgoso do Courel (Lugo), A Pobra do Brollón (Lugo) e Carballeda de Valdeorras (Ourense) pola proximidade ás vivendas, polo que xa se produciron algúns desaloxos.
Na tarde do pasado xoves só había dous incendios de relevancia e este venres Medio Rural xa informou de 1.300 hectáreas ardidas. Agora que se achegan ás 4.000 cómpre lembrar que desde o ano 2009 esta Consellería só informa dos lumes que afectan a máis de 20 hectáreas, a espazos protexidos ou que poden pór en risco á poboación.
Na actualización sobre a situación dos incendios de Medio Rural ás 14.00 horas, estes son os lumes activos dos que se informa:
- A Pobra do Brollón: Na parroquia de Saa segue decretada a Situación 2 como medida preventiva polo risco de que o lume chegue á poboación, arderon unhas 550 hectáreas. Hai un segundo incendio nesta mesma parroquia que rolda as 50 hectáreas provisionais.
- Folgoso do Courel: A Situación 2 tamén permanece na parroquia de Seceda, onde o lume xa afecta a 950 ha. Na parroquia de Vilamor hai outros dous lumes activos, un leva 300 ha e se estima que o outro 500 ha.
- Quiroga: Unha superficie de 250 ha ardeu neste lume que segue activo na parroquia de Outeiro. No mesmo municipio, na parroquia de Nocedo, o lume arrasou 180 hectáreas. Hai un terceiro lume que afecta á parroquia de Quiroga, que rolda as 90 ha.
- Vilariño de Conso: Segue activo o incendio na parroquia de Pradoalbar, que afecta a unhas 160 hectáreas do parque natural do Invernadeiro.
- Carballeda de Valdeorras: Permanece activo na parroquia de Riodolas, que leva unhas 950 hectáreas de superficie ardidas.
Medio Rural tamén traslada que segue controlado o incendio da localidade pontevedresa de Rodeiro, concretamente na parroquia de Guillar, que rolda as 200 hectáreas de afectación provisional. Así como o lume rexistrado o pasado martes no concello ourensán de Melón, na parroquia de Quins, cunhas 50 hectáreas afectadas.
Desde a Xunta salientan que "a gran maioría dos lumes –rexistrados entre antonte e onte– foron producidos por raios, dadas as treboadas" que se produciron nas últimas horas.