Os incendios forestais son, dende o inicio da autonomía galega, motivo habitual de tirapuxa político. Xa sexa para sinalar supostas tramas ou accións "terroristas" incendiarias con intereses políticos ou para presentar os malos resultados en canto a hectáreas ardidas como sinónimo de incompetencia do Goberno.
Así, por exemplo, é coñecido que os incendios de 1989 (con máis de 180.000 hectáreas ardidas, a maior superficie nun ano dende que hai datos comparables) foron clave para que o Goberno tripartito (PSdeG-CG-PNG) chegase ás eleccións con menos posibilidades de vitoria. Tamén son lembradas as esixencias de responsabilidades ao respecto durante os Executivos do PP de Fraga tras varios anos con máis de 40.000 hectáreas ardidas ou a dura oposición que despregou Feijóo contra a coalición PSdeG-BNG na durísima vaga de 2006 (máis de 90.000 hectáreas).
De 2006 en diante, tanto co Executivo de socialistas e nacionalistas como co PP de Alberto Núñez Feijóo, a tendencia xeral veu sendo unha diminución do número de incendios e das hectáreas ardidas mentres as características do lume ían cambiando. Menos incendios, pero máis episodios explosivos e con proximidade a vivendas que deron lugar a picos na serie de superficie ardida como os de 2011 (máis de 40.000). Ou, moi especialmente, como en 2017, con máis de 60.000 hectáreas ardidas, 50.000 delas nuns poucos días de outubro tras os que Feijóo resucitara nunca probada tese terrorista.
CIG e BNG advirten de que brigadas municipais contra incendios están sen constituír ou padecen escaseza de medios, o PSdeG sinala a "lentitude" da actuación en áreas coma o sur de Lugo. Rueda "garante" que están a actuar "todos os efectivos dispoñibles"
A parte galega da actual vaga de incendios que padecen múltiples puntos da Península Ibérica no contexto da vaga de calor das últimas semanas tamén ten a súa derivada política. E, outra volta, nela conflúen as esixencias máis conxunturais, como a reclamación de completar brigadas municipais contra o lume, como as reclamacións de mudanzas estrututurais.
Neste contexto, este mesmo luns a CIG puxo foco en que, "en plena vaga" de incendios se volven "suceder as denuncias de falta de medios e situacións de abuso" para o persoal que traballa no monte. "A Xunta -di o sindicato- volveu ao sistema de contratación de brigadas de extinción municipais mentres segue escatimando en persoal propio". Así, agregan, "as brigadas municipais non estarán activas ata entrado agosto" mentres "á dificultade para asinar convenios" coa Xunta para financiar estas agrupacións se suma a "desesperación dos concellos por atopar material de extinción e mesmo vehículos en condicións". Mentres, advirten, "o cadro de persoal é o mesmo que no mes de maio".
Á cuestión das brigadas municipais apuntaba tamén este luns a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Para a líder do primeiro grupo da oposición, existen "fallos que non se pode permitir un goberno" como que "aínda non se constituísen a maioría" destas brigadas, que algunhas operen "coa metade de efectivos que marca a normativa" ou que "falten convenios cos concellos para dotalos de recursos básicos como a motobomba". Tamén o PSdeG, a través do seu vicevoceiro parlamentario, Julio Torrado, observa bombeiros forestais "cos medios e recursos xustos" ou "lentitude na posta en marcha dos recursos no sur de Lugo, onde non chegaron ata a pasada fin de semana.
O presidente da Xunta, pola súa banda, nega eivas neste ámbito. Durante a súa visita a zonas afectadas polo lume, este luns, Alfonso Rueda "garantiu" que a Xunta "traballa con todos os efectivos e medios dispoñibles". "Está despregado e operativo o dispositivo de loita contra incendios na súa totalidade", mantén o xefe do Goberno galego, quen agrega que os medios estatais e galegos están "coordinados baixo o mando único" da propia Xunta.
Abordar causas estruturais
Ante a actual vaga de incendios agroman tamén advertencias de maior percorrido, coma o impacto da crise climática ou o abandono da actividade agrogandeira
Alén da conxuntura desta vaga en concreto e da petición de axuda para a persoas que están a perder vivendas e outros bens a causa dos incendios, as intervencións da oposición parlamentaria e dalgúns sindicatos apuntan tamén á necesidade de abordar as causas estruturais do problema. "Hai que ir a medidas para loitar contra o lume traballando todo o ano na limpeza, na ordenación e no aproveitamento integral do monte dentro dun rural vivo", resume Pontón, que destaca "abandono, despoboamento e falta de ordenación e de políticas para poñer o país a producir" como parte dun problema que vira máis "urxente" nun "contexto de emerxencia climática".
Nun sentido semellante exprésase o sindicato Unións Agrarias, que chama a ir "alén das condicións meteorolóxicas excepcionais que están a vivirse", tanto polas altas temperaturas como pola seca. "A virulencia e a perigosidade dos incendios que estamos a ver estes días ten moito que ver coa acumulación de combustible no territorio debido ao abandono da actividade agrogandeira" e por iso, din, ven preciso facer un "chamamento á reflexión" sobre a necesidade de "redobrar esforzos, alén da extinción", para "dotar o rural galego dunha xestión territorial axeitada, co foco na prevención e na seguridade das persoas". "O abandono do rural é a mellor receita para o desastre ambiental", conclúen.