No verán de 2006 Galicia vivía a peor vaga de incendios en dúas décadas. En plena vaga de lume a Cadena SER sacaba á luz un informe remitido polo PP da Coruña aos seus alcaldes na provincia, na que o partido incluía as instrucións que debían seguir os rexedores á hora de asinar os convenios para constituír as brigadas municipais de incendios, que se viñan organizando en colaboración coa Xunta. Os conservadores admitían que, "a verdade", non existían "grandes diferenzas" entre as condicións que impuña o bipartito e as que anteriormente estipularan os gobernos de Manuel Fraga, pero instábaos a desenvolver unha "estratexia baseada na dilación" para atrasar a posta en marcha do dispositivo.
Quen asinaba aquela instrución era a secretaria de organización provincial do partido, María Faraldo, quen despois sería alcaldesa de Betanzos e actualmente, deputada coa permanencia no escano en cuestión tras ser procesada "pola eventual comisión dos delitos de prevaricación administrativa e falsidade documental" na súa etapa como rexedora betanceira. Faraldo, que xa puxo o seu posto á disposición do partido, indicaba naquel informe de 2006 que "non parecía" que as "diferenzas" entre as condicións do bipartito e as anteriores tivesen "suficiente entidade" para "xustificar" unha "decisión dos concellos do PP de non asinar os convenios", esencialmente porque "se houbese moitos lumes, a Xunta tentaría responsabilizar o PP ante a opinión pública por esta decisión". Así, animaba a obstaculizar o proceso pero sen chegar á "negativa".
Faraldo, como secretaria de organización do PP da Coruña, instou a "dilatar" a contratación das brigadas en 2006
"Non se pode, en ningún caso, admitir as présas e os prazos a modo de ultimátum que está dando a Consellería", indicaba Faraldo, quen lles sinalaba aos seus compañeiros de filas que debían "recordarlles" aos responsables do departamento daquela dirixido polo nacionalista Alfredo Suárez Canal que "levan un mes de atraso nos trámites" e que "un Concello ten os seus procedementos". Ademais, animábaos a ser "especialmente celosos" no cumprimento da legalidade "á hora de seleccionar o persoal". "Se trata, en definitiva -resumía- de transmitirlle á opinión pública" que "os concellos do PP están dispostos (...) a colaborar a tope na loita contra os lumes forestais" pero "a lentitude da Xunta e as variacións introducidas nos convenios alargan os procedementos e provocan atrasos de máis de dous meses".
Expediente informativo
Case oito anos despois daquel episodio, que Alberto Núñez Feijóo reducira a un "parágrafo infeliz" e que Alfonso Rueda apoiara "absolutamente", a dirección galega do PP ten de novo a Faraldo entre as súas preocupacións, pero polo devandito procesamento. Segundo o auto ditado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a raíz do procedemento no que o Concello de Betanzos é parte acusadora, na súa etapa como alcaldesa o director do conservatorio da localidade "considerou necesario contratar un novo profesor que o axudase nas súas tarefas docentes" aínda que "en contra do que alegaba, non houbo incremento no número de alumnos, senón que diminuíu nun". Para cubrir este posto "púxose en contacto" cun "antigo alumno" que se atopaba en situación de desemprego e a quen procedeu a "presentar e darlle a benvida" ao claustro do centro docente como "novo integrante do profesorado" mentres se tramitaba a súa contratación.
O TSXG procesa a Faraldo por presunta prevaricación e falsidade na contratación dun profesor na súa etapa como alcaldesa
Unha vez iniciados os trámites administrativos, explica o xulgado, o secretario do Concello comunica que "non se pode proceder á alta" porque "non consta proceso de selección nin trámite ningún para a súa contratación", ademais de que tal posto non figuraba na correspondente relación de postos de traballo. "A daquela alcaldesa", María Faraldo, "é perfecta coñecedora da situación, ata o punto de que" en outubro dese mesmo 2009 "procede á contratación de profesores do conservatorio".
Sempre segundo o auto, para esquivar "as dificultades" e "darlle satisfacción ás pretensións" do director do conservatorio, nomeado por ela mesma, "toma por si mesma, sen suxeción a expediente ou proceso selectivo ningún, un contrato verbal de prestación de servizos en calidade non de profesor do conservatorio, senón, seguindo as instrucións do director, de reparador e afinador de instrumentos musicais como autónomo, aínda que non lle constaba nin sequera que tivese algún título específico ao efecto". "Segundo parece", determina o xuíz, Faraldo realizou estas accións para "dar satisfacción aos desexos e recomendacións do director do conservatorio" malia "ser coñecedora da imposibilidade xurídica de contratar en termos laborais un novo profesor".
O PP defende que a acusación se refire a "un proceso puramente administrativo" e a oposición pide a dimisión da deputada
Ante esta situación a vicevoceira do PP no Parlamento, Marta Rodríguez, confirma que Faraldo "xa presentou un escrito" poñendo o seu cargo "á disposición" do partido tras o que define como "unha nova declaración indagatoria sobre uns contratos subscritos na súa etapa como alcaldesa". Faraldo, di Rodríguez, "cumpriu en todo momento o código ético dos deputados" do PP, que "recolle a obrigatoriedade de que os deputados informen da súa situación procesual". O partido, pola súa banda, indica que está "estudando" o auto e instruíndo un "expediente informativo" sobre a deputada, aínda que partindo da base de que a acusación se refire a un "proceso puramente administrativo" no que "non hai por medio ningún ánimo de lucro nin beneficio para a deputada". A oposición parlamentaria, pola súa banda, xa esixiu a dimisión da parlamentaria.