- A Fiscalía desbota a teoría das tramas e do terrorismo incendiario que alentou a Xunta
- Rueda nega que a Xunta apuntase a "tramas criminais" nos incendios de outubro
"Esta actividade incendiaria é impropia; estamos afeitos a este tipo de actividades, pero o que está ocorrendo en zonas habitadas da área metropolitana de Vigo preocúpanos. Están xogando con vidas". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosaba a súa preocupación polos incendios que naquela fin de semana de outubro asolaban a contorna da maior cidade galega, que atribuía a esa "actividade incendiara homicida" que, tal e como aclaran as investigacións recompiladas polo informe da Fiscalía, non existiu de forma coordinada, nin como trama nin como acto de grupo terrorista ningún. O caso da urbe viguesa é debullado polo documento presentado este luns ao ser a "primeira vez" que unha vaga de lume "ataca de maneira frontal un núcleo urbano habitado desta entidade". A situación causou escenas de pánico, alarma e moreas de rumores que atribuían os focos a cidadáns organizados, ben fose en moto con garrafas de gasolina ou mesmo a través de sofisticados artefactos incendiarios. Nada diso existiu segundo as pescudas dos corpos de seguridade e o Ministerio Fiscal.
Os investigadores conclúen que "os incendios que arrasaron Vigo teñen a súa orixe en dous focos ou frontes concretas"
De feito, a hipótese dos investigadores que traslada a Fiscalía é que "os incendios que arrasaron a cidade de Vigo teñen a súa orixe en dous focos ou frontes concretas": un na parroquia de Morgadáns, en Gondomar, que avanzou cara ao norte polo monte Galiñeiro ata alcanzar Zamáns e Valadares; e outro desde Nigrán, nas parroquias de Camos e Parada, que avanzou por Chandebrito e entrou en municipio vigués polo monte Alba, o monte dos Pozos e Coruxo, afectando a Fragoselo, Matamá, Comesaña, Navia, Alcabre ou a confluencia das rúas Porto Rico con avenida de Madrid e San Xoán do Monte.
"As brasas ou faíscas poden chegar a caer, incandescentes, a unha distancia de entre 1 e 5 quilómetros e iniciar alí de novo lume"
En ambos casos, a Garda Civil entende que foron incendios intencionados a varios quilómetros de Vigo e que desde aí foron propagándose ata chegar mesmo ao núcleo urbano ou a diferentes parroquias do municipio, alentados polas excepcionais condicións climatolóxicas de calor, escasa humidade e fortes ventos. Así, como explica a Fiscalía, "as brasas ou faíscas poden chegar a caer, incandescentes, a unha distancia de entre 1 e 5 quilómetros e iniciar alí de novo lume". Foi o que pasou na contorna viguesa naquela fatídica noite do 15 ao 16 de outubro.
Apareceron "focos secundarios fóra do perímetro" de grandes incendios, o que causou "unha grande alarma social entre as testemuñas ou a poboación, que en ocasións descoñecen a dinámica do lume ao pensar que distintas persoas están a causar incendios en diversos lugares, cando en realidade proceden dunha única fronte". "Este fenómeno repetiuse na cidade de Vigo", advirte o informe, que dá conta da nova, perigosa e daniña tipoloxía de incendios que o comité de expertos encargado polo Parlamento portugués debulla en varias das súas investigacións.
A aparición de "focos secundarios fóra do perímetro" doutros incendios creou "alarma social" ao pensar as testemuñas que distintas persoas estaban a prender lume en varios puntos
O documento pon varios exemplos de como se espallaba o lume: o incendio nunha casa en Freixeiro de Alcabre por unha partícula incendiaria transportada polo aire; os focos da avenida Europa, provocados tamén por estas partículas, "algo corroborado pola existencia de restos de eucalipto e de piñeiro na zona, onde non existe este tipo de vexetación"; ou os de Matamá e Santo André de Comesaña, tamén moi próximos a outra fronte pero separados e causados por follas incandescentes que chegaban voando.
"Houbo infinidade de informacións non contrastadas que derivaron en rumores e malos entendidos que xeraron unha forte e estendida alarma social e pánico"
A situación, con partículas de lume provocando focos en varios puntos, "xerou unha alarma que se ía estendendo á vez que a nube de fume cubría a cidade", conta a Fiscalía, que constata "unha infinidade de informacións non contrastadas que derivaron en rumores e malos entendidos que xeraron unha forte e estendida alarma social e pánico". "Están bordeando o homicidio", dicía Feijóo naquelas horas nas que o lume asolaba zonas urbanas como a de Vigo.
O fume dos incendios cobre a cidade de Vigo, rodeada polo lume / CC BY-NC-SA GzContrainfo
As forzas de seguridade chegaron a "comprobar todas as chamadas e manter entrevistas persoais" con todos aqueles veciños que chamaron advertindo de persoas incendiarias, pero "ningún deles puido afirmar que vise alguén prendendo lume". "Máis ben expresaron as súas sospeitas sobre a posibilidade de que así fose", din. Igual ocorreu no caso dos máis de 50 correos electrónicos recibidos, que eran "máis opinións que informacións".
Por que iso? Porque "a opinión xeral era que o lume aparecía en distintos puntos do monte, por sorpresa, sen que se vise nada máis no momento de aparición dos focos". A partir de aí, como indica o informe, "foron estendéndose polas redes sociais e demais medios de difusión particulares certos rumores e boatos non confirmados".
A Fiscalía advirte da "utilización e influencia das redes sociais na conciencia colectiva" á hora de estender rumores sobre os incendios
A Fiscalía encárgase de desmontar todos aqueles rumores e chega a reparar na "utilización e a influencia das redes sociais na conciencia colectiva". E advirte de que o "tratamento dos datos, informacións, rumores, feitos ou indicios ten na rede, e o que iso significa á hora de afrontar unha catástrofe desta natureza, ten unhas consecuencias que sen dúbida cumprirá analizar dunha maneira máis profunda e seguramente noutro foro que non é este informe de incendios".
Nin había unha parella en moto incendiando montes, nin grupos organizados, nin bengalas que causaran lume
Así, aquel home que supostamente percorría os lugares incendiados para avivar o lume era, en realidade e logo das investigacións, unha persoa que acudía aos incendios móbil en man para gravalos e subir as imaxes en directo ao Facebook. Outros tres cidadáns que foran acusados de ter relación con algúns focos "só colaboraban en labores de extinción". E as bengalas localizadas nunha zona de matogueira xunto a unha casa afectada en Fragoselo "estaban intactas e limpas", mentres que outra aparecida nun monte era "en realidade unha bomba de palenque que, polo seu estado de conservación, descártase como elemento iniciador dos fogos".
Outro dos boatos máis difundidos, mesmo mediante mensaxes a través de grupos de whatsapp, foi aquel que facía mención á presenza dunha parella de persoas novas que circulaba nunha moto portando unha garrafa de gasolina e que serían as responsables da aparición de lume na cidade. Incluso se difundira a matrícula do vehículo. Unha vez localizadas pola policía, as dúas persoas "afirmaron que era certo que se moveron por Vigo portando unha garrafa que contiña gasoil, pero que a intención era levarlla a unha amiga que tiña un coche co depósito baleiro nunha zona afectada polo lume e que pretendía poñelo a salvo".
Tampouco tiña relación cos incendios aquela parella que colgara unha foto difundida polas redes sociais cunha candea. Ante os comentarios vertidos nas redes sociais, eles mesmos "decidiron presentarse en comisaría, onde deron as oportunas explicacións.". Era un xogo que nada tiña que ver coa vaga de lume, aclara a Fiscalía.
Nin ningún deses rumores chegou a confirmarse nin os investigadores detectaron nas zonas dos diferentes focos "a presenza de substancias iniciadoras ou acelerantes do lume". "Tanto das manifestacións das testemuñas como do resultado das inspeccións técnicas realizadas nos distintos focos detectados, todo indica como máis plausible a propagación dos incendios o desprazamento polo aire de restos incendiados procedentes doutros focos preexistentes fóra da demarcación, que unha vez depositados no chan sobre restos vexetais secos prendían de maneira natural, ao que colaboraban de maneira destacada as inusuais circunstancias climatolóxicas que coincidiron ese día", explica o informe, que desbota tramas, organizacións terroristas, coordinación ou mesmo actos vandálicos ou imprudencias naquela fatídica noite en Vigo.