Na primeira quincena de agosto arderon 8.100 hectáreas, que se suman ás máis de 34.000 queimadas na vaga de xullo
Ás dez da noite deste xoves 18 de agosto a Xunta informou da extinción do incendio da parroquia de Frontón, en Pantón, tras queimar unhas 35 hectáreas. Tras o seu apagado, e grazas ás chuvias do comezo desta semana, este venres é o primeiro día desde hai máis dun mes no que o Goberno galego xa non comunica a existencia de ningún incendio forestal en toda Galicia. Unha ausencia de lumes que chega tras arderen máis de 42.000 hectáreas no último mes, o que sitúa 2022 como o segundo ano con máis superficie queimada desde 2006, só por detrás de 2017.
A Xunta só informa dos incendios que queiman máis de 20 hectáreas ou dos que afectan a poboacións ou espazos protexidos. Con ese criterio, o Goberno galego vén comunicando a existencia de incendios activos, controlados ou estabilizados en diversos puntos do país de xeito ininterrompido desde comezos do mes de xullo. Antes mesmo da vaga de incendios que provocou a tormenta de raios do día 14 do mes pasado xa había activos varios focos, desde o día 12 de xullo, en Ribadavia e Melón. Desde aquela e ata este mércores non houbo un día no que a Xunta non comunicase a existencia dalgún incendio.
O peor momento deste último mes rexistrouse na terceira semana de xullo, cando tras os raios do día 14 desatáronse os principais incendios do ano, entre eles os dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros, no Courel e Valdeorras, con máis de 10.000 hectáreas cada un deles. En total, só durante a vaga de incendios de xullo, entre o día 14 e finais dese mes, arderon en toda Galicia máis de 34.000 hectáreas.
Pero apagados aqueles lumes non deixou de haber incendios en ningún momento ata agora e no que vai de agosto xa son máis de 8.100 as hectáreas ardidas en toda Galicia.