Case todas as parroquias en zonas de alto risco e con vixilancia especial por parte da Xunta sufriron algún incendio en 2025. Das 26 incluídas na listaxe de Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), 19 sufriron un ou máis focos no peor ano de lume nos montes galegos desde que hai rexistros.
En 19 das 26 parroquias de alta actividade incendiaria, onde aumenta a "vixilancia" e se aplican "medidas extraordinarias" , houbo algún foco en 2025. Así o acreditan os datos completos dos incendios do pasado ano, logrados e liberados por Praza.gal
Os datos completos de todos os focos rexistrados en Galicia o ano pasado, obtidos por Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia, confirman que case o 75% destas PAAI sufriron lume, sendo nalgúns dos casos o punto de inicio dalgúns dos maiores incendios do pasado ano e da historia de Galicia.
Nestas zonas de alto risco houbo máis de 80 incendios. Nunhas áreas onde a Xunta realiza "un seguimento exhaustivo" das actividades no territorio e "intensifica as actuacións de vixilancia e disuasión" ante as lapas. Son núcleos que, "polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia", precisan "medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles", tal e como explica a lei de Montes.
Pero ás veces nin esa vixilancia chega. Un dos grandes incendios do verán foi o que acabou unindo nunha única fronte tres focos iniciados nas parroquias de Parafita, Requeixo e Mormentelos dos concellos de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso. Arderon, en total, case 24.700 hectáreas, e o balance oficial definitivo ao que vimos de ter acceso di que 6.320,64 queimáronse no incendio iniciado en Requeixo, unha das parroquias incluídas nas de especial vixilancia.
Dous dos maiores incendios da vaga do pasado verán comezaron en núcleos con vixilancia especial da Xunta: Requeixo, en Chandrexa, e A Granxa, en Oímbra
Tal e como explicaba o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) do pasado 2025, a de Requeixo fora unha das dúas parroquias que se incorporaron á listaxe de PAAI do ano anterior. Para este 2026, Requeixo mantense no grupo, do que saen dúas parroquias pero entran outras once ata quedar o número total en 35.
Nesta lista que se renova cada ano está tamén —e estivo nos últimos anos— a parroquia da Granxa, en Oímbra, onde comezou outro dos incendios máis importantes da vaga do verán pasado, que queimou máis de 22.300 hectáreas.
Segundo os datos completos de todos os incendios, en 19 destas 26 parroquias —sinaladas como de alto risco e onde se reforza a vixilancia e a disuasión ante o lume— houbo incendios o pasado ano.
En só cinco das 26 parroquias con especial vixilancia non houbo incendios o pasado ano
Ademais dos dous grandes de Chandrexa de Queixa e Oímbra, declaráronse fogos en Carballo, Cures e Santa Baia (Boiro), Tállara (Lousame), Quins (Melón), San Millao (Cualedro), San Martiño e San Pedro, Pentes e O Tameirón (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita), Chaguazoso (Vilariño de Conso), Randín (Calvos de Randín), Prado de Limia e Requiás (Muíños), Santa María de Dozón (Dozón), Mourentán (Arbo), San Salvador de Budiño e Pontellas (O Porriño) e San Xurxo de Salceda (Salceda de Caselas).
Só cinco das 26 parroquias de alta actividade incendiaria (Montes, en Cualedro; Santigoso, na Mezquita; Santa María, en Oímbra; Castiñeira, en Vilariño de Conso; e Calvos, en Calvos de Randín) non sufriron incendio ningún en 2025.
Con todo, o impacto do lume non foi nin moito menos igual en todos estes núcleos. Así, en Carballo, por exemplo, houbo un total de 13 incendios en 2025 nos que arderon menos de 15 hectáreas, a maioría nun declarado a principios do mes de agosto. En Cures, Boiro, cinco focos superaron as 43 hectáreas, aínda que case todas as afectadas foron arrasadas nun no mes de xullo, cando o lume afectou tamén á parroquia lindeira de Tállara, en Lousame (máis de 30 hectáreas), onde houbo cinco incendios máis no pasado ano.
Impacto desigual
Na parroquia de San Millao, en Cualedro, un único foco roldou o cento de hectáreas, e en Requiás (Muíños), catro incendios superaron as seis. No resto de zonas de alta vixilancia, o impacto do lume foi escaso, nalgúns casos nin tan sequera alcanzando a hectárea de superficie ardida.
Pero é a repetición e a superficie afectada polo lume nos últimos tempos o que marca as áreas de risco. A listaxe de PAAI vai mudando cada ano e nela inclúense localidades segundo varios criterios. O primeiro deles abrangue aquelas parroquias que tiveron en media anual sete incendios ou máis nos últimos anos, mentres que o segundo inclúe as localidades con dous fogos ou máis maiores de 200 hectáreas nos últimos dez anos e nas que a superficie total media por incendio sexa igual ou superior ás 9 no mesmo período.
En Carballo, por exemplo, e malia que a superficie total queimada nos últimos dez anos non chega ás 60 hectáreas, rexistráronse 40 incendios no último lustro. En Cures, Boiro, van 17 incendios en cinco anos e case 2.500 hectáreas arrasadas nunha década.
Seguindo estes criterios, foron once os núcleos incluídos na lista de PAAI para este 2026: Nieva (Avión), Castro de Escuadro e Santiso (Maceda), San Cibrán de Padrenda (Padrenda), Casaio, (Carballeda), Parada da Serra (A Gudiña), Chaguazoso e A Vilavella (A Mezquita), Vilar de Cervos (Vilardevós) e Rebordechau (Vilar de Barrio). Ademais, inclúese tamén a cidade de Ourense ao ter sufrido sete ou máis incendios desde que saíra do listado anterior. Das once parroquias que entraron no listado neste 2026, seis delas xa estiveran nalgún momento nos últimos tres anos.
O número de núcleos incluídos entre as parroquias de alta actividade incendiaria sobe ata as 35, tras a caída de dúas e a incorporación de once novas
Máis aló dunha maior vixilancia e disuasión nesas parroquias, a inclusión na listaxe de PAAI supón tamén un "control exhaustivo das axudas públicas concedidas", así como que non se concedan "autorizacións extraordinarias para a práctica do pastoreo nos terreos queimados".
Ademais, as poboacións das parroquias de alta actividade incendiaria son prioritarias, por exemplo, nas accións formativas que a Xunta leva a cabo en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, a través de cursos. Nestes, o obxectivo é preparar a veciñanza "para afrontar situacións de risco coas mellores garantías de seguridade", especialmente nestes núcleos sinalados.