A nova lei de incendios, que o Goberno galego prevé levar ao Parlamento o vindeiro mes de outubro, prevé cambiar o modelo actual de prevención e adaptarse á nova realidade e tipoloxía do fogo forestal, máis voraz, impredicible e perigoso para a poboación. Así o aseguraron tanto o presidente Alfonso Rueda como a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, logo de que o Consello da Xunta analizase na súa reunión semanal o anteproxecto.
A Xunta anuncia que a nova lei terá que adaptarse á nova realidade e tipoloxía dos incendios, cada vez máis perigosos e voraces
Entre as principais novidades, o texto quere endurecer as sancións ás persoas propietarias no caso de non cumprir coa limpeza das franxas, con sancións de ata 100.000 euros, así como ampliar a distancia de seguridade destas faixas que rodean núcleos de poboacións, podendo duplicarse en "zonas estratéxicas" e de especial risco e pasar dos actuais 50 metros aos 100. Ademais, e como outros dos obxectivos importantes, a norma conta con "ordenar o territorio para crear descontinuidades que dificulten a propagación do lume", como dixo a conselleira. "Paisaxes cortalumes ou mosaico" para os que a administración colaborará a través dos plans de ordenación.
En definitiva, crear "áreas delimitadas para frear os grandes incendios mediante a implantación de actividades agrícolas ou a plantación de frondosas autóctonas", dixo Gómez sobre o "obxectivo" de "crear descontinuidades estratéxicas do combustible [vexetal] mediante a produtividade do territorio".
O anteproxecto prevé elevar ata 100.000 euros as sancións a que non limpe as franxas ou duplicar a distancia aos núcleos en zonas estratéxicas: de 50 metros a 100
Esta medida é repetida desde hai anos por expertos, que sinalan os exemplos neste eido como modelo a imitar para evitar a propagación sen control e durante quilómetrosde grandes incendios forestais, como os que asolaron a provincia de Ourense no verán de 2025. O último informe do Eixo Atlántico incidía hai só uns meses na necesidade de recuperar a actividade en moitas zonas do rural para evitar a perda deste tipo de paisaxes. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Morrazo lanzou tamén hai pouco unha campaña incidindo na mesma idea.
Segundo a conselleira, a idea da nova lei —que renovará a aprobada hai case 20 anos aínda que con modificacións polo camiño e que este martes se verá no Consello Forestal— é pasar dun "modelo de prevención homoxéneo" para todo o país a un que teña en conta as características e o nivel de exposición ao lume de cada zona. "Permitirá que as medidas preventivas poidan ser diferentes segundo o territorio", aclarou.
Medio Rural prevé impulsar "paisaxes mosaico": "Áreas delimitadas para frear os grandes incendios coa implantación de actividades agrícolas ou plantación de frondosas autóctonas"
Entro outras das "principais novidades" Gómez sinalou a creación do concepto interface urbano-forestal, en relación a ese territorio urbano lindeiro con terreos agrícolas ou forestais que tamén é sinalado por servizos de extinción e expertos como os máis perigosos pola situación de perigo para as poboacións e as dificultades nas tarefas de extinción. Nestas zonas a limpeza ou xestión de biomasa "deixa de ser subsidiaria para converterse en obriga legal directa", dixo a conselleira, que avanzou logo que as sancións por non cumprir coa roza requirida poderían supoñer ata 100.000 euros.
Por outra banda, os axentes da autoridade poderán ditar ordes verbais de execución inmediata no territorio, como o desaloxo de áreas recreativas ou o peche de camiños por risco "sen agardar trámites administrativos". Ademais, prevese a protección estratéxica de puntos de vixilancia e auga, garantindo o acceso a calquera servizo de emerxencia, obrigando aos concellos a instalar tomas compatibles nas súas redes municipais e prohibindo calquera uso da auga almacenada que non sexa a extinción de incendios. Tamén se veta calquera construción ou plantación nun radio de 50 metros arredor destes postos de vixilancia.
"Política forestal e de incendios"
A nova lei levaba seis anos aparcada. O Goberno de Feijóo anunciouna por primeira vez en 2020 para remudar a do Goberno de PSdeG e BNG e o de Rueda presentouna outra volta en 2023
Para a conselleira, a nova lei suporá "un antes e un despois" na loita contra os incendios ao apostar por unha prevención "vinculada ao territorio" e á "xestión da paisaxe", coa "protección e a autoprotección da poboación" como claves. "Integra política forestal e de incendios, dando prioridade á protección da poboación e á planificación estratéxica do territorio", concluíu.
Será unha nova lei que fai xa seis anos aparcada. En 2020 o Goberno de Feijóo anunciou por primeira vez unha nova lexislación para remudar a elaborada en 2007 polo Goberno de PSdeG e BNG, a primeira da historia da autonomía que agora xa acumula máis de dez reformas.
Medio Rural chegou a presentar un anteproxecto da nova lei en 2023. Canda novas medidas como un "mapa dinámico" de riscos de lume ou novas accións forestais incluía a prohibición da "difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais", unha medida moi criticada.