As zonas que perden poboación e envellecen rexistran "maior superficie afectada polo lume e exposición crecente a incendios de grande magnitude", ratifica un informe que vén de presentar o Eixo Atlántico
O despoboamento e envellecemento do medio rural aumentan o risco de incendios e serven de combustible para a súa propagación. Esta é a principal conclusión dun estudo impulsado polo Eixo Atlántico que advirte que o abandono e a crise demográfica, unidas ao cambio climático, explican moitos dos grandes e extremos fogos que se dan en Galicia e noutras partes da península ibérica.
O informe, elaborado polo enxeñeiro forestal e un dos maiores expertos no lume Juan Picos, confirma e dá continuidade ao estudo xa publicado polo Eixo Atlántico en 2018, cando advertía de que monte descoidado achegaban a Galicia os "letais" incendios de sexta xeración e que as características do noroeste peninsular e o abandono do territorio situábano xa "na dinámica propia de zonas de grandes fogos".
Abofé que se cumpriu, tal e como reflicte a histórica vaga de lume do verán pasado e as consecuencias cada vez máis graves do lume. O informe Análise da relación entre o despoboamento rural e o cambio nos réximes de incendios no suroeste europeo confirma que aqueles territorios que perden poboación e envellecen rexistran "unha maior superficie afectada polo lume e unha exposición crecente a incendios de grande magnitude".
"O envellecemento, a perda de servizos básicos e o abandono das actividades tradicionais de xestión do territorio reducen a capacidade de prevención e resposta aos incendios"
E os datos tamén o confirman. Tal e como explicaba esta reportaxe en Praza.gal, os concellos máis afectados polos incendios de agosto pasado estaban entre os máis envellecidos e despoboados de Galicia. Os cinco meirandes fogos daquel mes afectaron 33 dos municipios máis vellos pero tamén dos que máis poboación perderon nas últimas dúas décadas e dos que rexistran unha maior porcentaxe de vivendas non ocupadas habitualmente.
A perda progresiva de poboación rural e o abandono da actividade agrícola, gandeira e forestal, di o informe, "favoreceu a expansión da matogueira e das masas forestais non xestionadas, aumentando a continuidade e acumulación de combustible vexetal". O resultado son incendios que "tenden a alcanzar dimensións maiores, presentan comportamentos máis extremos e son máis difíciles de controlar", segundo indica un estudo que analiza a evolución demográfica e os incendios rexistrados entre 2016 e 2026 en máis de 4.400 unidades administrativas de España, Portugal e Francia.
E vai máis aló ao indicar que "o envellecemento da poboación, a perda de servizos básicos e o abandono das actividades tradicionais de xestión do territorio contribúen a reducir a capacidade de prevención e resposta aos incendios forestais, aumentando a vulnerabilidade social e ecolóxica dos territorios rurais". E aquí outra clave da falta de actividade: a perda da paisaxe en mosaico, un elemento clave para frear a propagación do lume.
Despoboamento e envellecemento son "factores estruturais que aumentan a vulnerabilidade territorial" ante o lume
Con todo, o estudo aclara que esta relación entre despoboamento e lumes non é "lineal nin homoxénea". É dicir. a diminución de presenza humana tamén reduce as ignicións de orixe antrópica porque hai menos posibilidades de que a acción humana as provoque, pero ao tempo "aumenta a perigosidade da paisaxe fronte a incendios de gran magnitude". Xa que logo, o despoboamento rural debe entenderse como "un factor que modifica a dinámica de propagación e gravidade dos incendios no canto de como unha causa directa do incremento absoluto de ignicións".
En resumo, o informe aclara que o despoboamento e o envellecemento deben interpretarse como "factores estruturais que aumentan a vulnerabilidade territorial fronte a incendios de gran magnitude". Ademais, aclara que os grandes incendios forestais (GIF, aqueles que superan as 500 hectáreas) non dependen unicamente do número de fogos, senón da "combinación entre abandono territorial, continuidade do combustible, acumulación de biomasa e condicións climáticas extremas".
Ante esta situación, especialmente daniña en Galicia, o estudo salienta a "importancia de incorporar a dimensión demográfica á análise da vulnerabilidade territorial fronte aos incendios". E sinala a relevancia de manter poboación que traballe a terra, máis aló de procurar rehabitar as zonas sen que haxa quen xestione o monte e o territorio.
O informe pide políticas públicas para fixar poboación, oportunidades económicas e reforzar a resiliencia do rural fronte ao climático"
Por iso, o informe formula unha folla de ruta para reducir a incidencia dos grandes incendios forestais. Entre as medidas propostas figuran a recuperación da actividade agropecuaria e forestal, a conservación de paisaxes diversificadas que actúen como devasas naturais, o impulso á remuda xeracional, o mantemento dos servizos públicos e unha xestión activa do territorio que limite a acumulación de biomasa.
Así, aclara tamén que a prevención non pode apoiarse unicamente nos dispositivos de extinción, senón que require "políticas públicas orientadas a fixar poboación, xerar oportunidades económicas e reforzar a resiliencia do medio rural fronte aos efectos do cambio climático", como se indicou na presentación levada a cabo na Deputación de Lugo.
O estudo, elaborado no marco do programa europeo SUDOE, pretende ser tamén para os municipios de Galicia e do norte de Portugal unha ferramenta de referencia para orientar as políticas locais de prevención de incendios e de ordenación do territorio.