O GDR Pontevedra - Morrazo lanza unha campaña para, partindo da "evidencia científica" sobre "planificación forestal e adaptación ao cambio climático", advertir de que a política contra incendios "non pode fundamentarse unicamente nos medios de extinción"
"O lume comeza moito antes" de que o incendio forestal arrase o monte. Faino "cando deixamos de mirar o territorio, cando o esquecemento prende primeiro". Estas reflexións chegan tras imaxes dun bombeiro forestal esgotado de loitar contra as lapas nun monte galego e ilustran a acción coa que o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra Morrazo chama a "planificar a paisaxe" para "fortalecer a prevención estrutural" fronte aos incendios.
"Hai lugares onde o monte volve ter sentido", resalta o vídeo elaborado polo GDR pontevedrés como peza visual central da campaña Paisaxes Resilientes contra o lume que, explican, "parte da evidencia científica e técnica" de que "a maior parte dos grandes incendios están asociados a paisaxes homoxéneas, degradadas, con elevada continuidade horizontal e vertical do combustible". E isto, resumen, é resultado "do abandono rural, da fragmentación da propiedade e da expansión de monocultivos forestais altamente inflamables" coma o eucalipto.
A "mensaxe central" que procuran transmitir, abondan, é que "a prevención" das consecuencias dos incendios forestais "non pode fundamentarse unicamente nos medios de extinción". Ten que pasar, advirten, pola "planificación paisaxística" e a "creación de infraestruturas verdes" que "reduzan a posibilidade" de que o lume prenda e, se o fai, "limiten a velocidade e intensidade da propagación", "melloren a seguridade das comunidades" e "aceleren a recuperación natural post-incendio". E para facelo cómpre "integrar factores ecolóxicos, socioeconómicos e territoriais", atendendo "as máis recentes recomendacións de planificación forestal e de adaptación ao cambio climático".
"Investir en resiliencia paisaxística reduce a dependencia de medidas de extinción caras e temporais, multiplica beneficios ambientais e socioeconómicos e recupera o vínculo co rural"
Sobre estes principios apuntan a catro eixes, a comezar por "configurar paisaxes-mosaico", con "fragmentación planificada das grandes masas forestais" mediante "pradeiras, cultivos, arborado autóctono, faixas abertas e espazos multifuncionais". Vencellados con isto ten que estar, resaltan, a "diversificación forestal e a silvicultura preventiva", integrando "especies autóctonas menos inflamables" en "modelos silvícolas orientados á resiliencia, biodiversidade e estabilidade estrutural".
Neste sentido, a "xestión do combustible" no monte ten que pasar, salienta o GDR, polo "uso do pastoreo, cultivos e zonas agrícolas como ferramentas de xestión" ao tempo que "reforzan o tecido socioeconómico rural". En paralelo, conclúen, debe estar a "ordenación territorial e a planificación da interface urbano-forestal", con "faixas de protección, corredores verdes, infraestruturas de baixa inflamabilidade, planificación de usos do solo e gobernanza cooperativa da paisaxe".
Porque "investir en resiliencia paisaxística reduce a dependencia de medidas de extinción caras e temporais, multiplica beneficios ambientais e socioeconómicos e recupera o vínculo co rural". É, sintetizan, "unha aposta pola innovación na xestión do risco" de incendios.