O 5 de agosto foi o día no que comezaron máis lumes, 37, pero o Goberno galego só informou de 4
O venres 1 de agosto de 2025, ás 23.04 horas da noite, comezou en Vilardevós, na parroquia de Terroso, un incendio que queimaría 563 hectáreas. Foi o primeiro gran incendio (os que superan as 500 hectáreas) dunha vaga que se estendería exactamente durante todo o mes, ata que o domingo 31, ao mediodía, a Xunta deu por extinguidos os tres últimos que quedaban pendentes.
Polo medio, como se pode comprobar nos datos oficiais obtidos por Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia, nese mes de agosto arderon 113.700 hectáreas nun total de 655 incendios distintos (no resto do ano 'só' se queimaron outras 5.000 hectáreas noutros 820 incendios). Porén, durante ese mes de agosto a Xunta só foi informando de 54 incendios, ocultando información dos restantes 601, unha media de 20 ao día.
O día no que se rexistrou o comezo dun maior número de incendios foi o 5 de agosto, con 37 lumes distintos. Pero nesa xornada e nas seguintes a Xunta só divulgou información de catro deles, en Mondariz, Ponteceso, A Fonsagrada e Camariñas.
A información restrinxida da Xunta, a diferenza do que sucedía ata 2009, impide coñecer a sobrecarga de traballo dos dispositivos de emerxencias, que en agosto non eran quen de atender todas as chamadas recibidas
Ese día, a comezos de agosto, nin sequera se podía falar aínda do descontrol da situación que se rexistrou unha semana máis tarde, xa que no que ía de mes só se informara dun total de dez incendios, incluídos os desa mesma xornada, na que o moi incompleto parte oficial da Xunta divulgado a media tarde só informaba de que en toda Galicia había dous incendios activos, dous estabilizados e dous controlados.
Unha ocultación que responde á política informativa aplicada polo PP dende o seu retorno á Xunta en 2009. Foi daquela cando, alegando diferentes razóns, decidiran informar publicamente só dos incendios que superen as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que poñan en risco zonas habitadas ou espazos naturais protexidos.
Este procedemento informativo evitaría informacións alarmistas sobre ducias ou mesmo centos de incendios a arder por toda Galicia ao mesmo tempo, como ocorreu durante a vaga de 2006. Pero en anos como o pasado, con incendios de moi gran tamaño desenvolvéndose de xeito simultáneo ao tempo que seguían saltando novos lumes por todo o país, o silencio informativo impediu coñecer a sobrecarga de traballo dos dispositivos de emerxencias e propiciou informacións sobre a frustración de cidadanía que non obtiña ningunha resposta aos seus avisos de novos focos.
O Colexio de Xornalistas pediu en agosto á Xunta, sen éxito, que ofreza máis información e en formatos abertos e reutilizables, comos os que agora publica Praza.gal
A ocultación de datos sobre os incendios vén sendo sistematicamente rexeitada polas forzas políticas da actual oposición, colectivos ambientalistas e tamén o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que reclamou ao Goberno galego durante a vaga de lume de agosto de 2025 máis transparencia coa información sobre os incendios.
O Colexio reclamou tamén que "ademais de comunicados de prensa, se forneza tamén a información sistematizada en formatos abertos, que permitan reutilizar e comparar os datos", como esixe a Lei de Transparencia. Esa información en formato aberto e reutilizable é agora ofrecida por Praza.gal.