Un Xefe de Brigada improvisado en Lugo, exemplo dun sistema de loita contra o lume "ineficaz e precario"

Loita contra o lume en Folgoso durante os incendios de xullo de 2022 CC-BY-SA ATBrif

A precariedade laboral duns contratos de só tres meses e a competencia entre municipios pola contratación dos mesmos perfís profesionais fan que moitos concellos non atopen persoal, sobre todo, para o posto de xefe de brigada

Unha das bases do sistema de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia son as brigadas municipais. Cada ano os concellos asinan candanseu convenio coa Xunta para a constitución destes equipos, que teñen encomendados labores de prevención, de vixilancia e de defensa contra o lume. Porén, estas brigadas presentan numerosas eivas e problemas de funcionamento, que dende anos veñen sendo advertidas por partidos da oposición, sindicatos e polos propios concellos.

De feito, son moitas as localidades que nin sequera son quen de constituír estes equipos, que deben estar formados por un xefe de brigada, un peón condutor e tres peóns de brigada, que durante tres meses, entre xullo e outubro, quedan baixo o mando organizativo e funcional do distrito que corresponda. A precariedade laboral duns contratos de só tres meses e a competencia entre municipios pola contratación dos mesmos perfís profesionais fan que moitos concellos non atopen persoal, sobre todo, para o posto de xefe de brigada ou capataz.

Esta competencia entre concellos deriva en parte do propio deseño do convenio da Xunta no que cada localidade decide datas de selección e condicións laborais. A fuxida de traballadores dun concello a outro con mellores condicións desestabiliza os equipos e desvirtúa o obxectivo do programa.

Un brigadista observa os efectos do lume na Proba do Brollón © Concello da Pobra do Brollón

Moitas veces as convocatorias quedan desertas ou non permiten completar todos os postos necesarios. No ano 2016 chegaron a funcionar 263 brigadas municipais, mentres que en 2023 o seu número se reducira a 151. Nese ano mesmo 78 concellos gobernados polo PP non constituíron a súa brigada municipal

Moitas veces as convocatorias quedan desertas ou non permiten completar todos os postos necesarios para constituír as brigadas. No ano 2016 chegaron a funcionar 263 brigadas municipais, mentres que en 2023 o seu número se reducira a 151. Nese ano mesmo 78 concellos gobernados polo PP non constituíron a súa brigada municipal. O PSdeG solicitou no Parlamento datos sobre as brigadas constituídas en 2024, pero non obtivo do Goberno galego a información solicitada. Outras veces, a brigada confórmase, pero posteriormente perde algún dos seus traballadores.

Neste contexto de atrancos para a constitución das brigadas e de eivas estruturais do sistema debe entenderse a situación que se está a vivir no Concello de Lugo. O Goberno de PSdeG e BNG, acordara non constituír a brigada municipal, atendendo aos problemas que o propio modelo presenta. Porén, tras a moción de censura que, co voto unha edil trásfuga, levou á Alcaldía ao PP, o Goberno de Elena Candia si apostou por facelo entre críticas ao anterior Executivo. O empeño dos populares chocou coa realidade e a dificultade para atopar un Xefe de Brigada que liderase o equipo. 

O anterior Goberno municipal lucense acordara non constituír a brigada municipal, atendendo aos problemas que o propio modelo presenta. O Executivo de Elena Candia si apostou por facelo entre críticas ao anterior Executivo. O empeño dos populares chocou coa realidade e a dificultade para atopar un Xefe de Brigada

Chegou a haber unha persoa seleccionada que finalmente optou por marchar á brigada doutro concello, unha situación de competencia entre localidades que se dá habitualmente. O Concello tentou a contratación por outras vías, mesmo recorrendo ás listas do servizo de emprego, sen éxito. 

Finalmente, o Goberno municipal decidiu a adscrición temporal para o posto dun Xefe de Servizo funcionario, para que figure como Xefe de Brigada e así poder facilitar a súa constitución, aínda que fose só a nivel formal. Dáse a circunstancia, ademais, de que previamente formara parte do tribunal que seleccionaba os integrantes da brigada. Trátase dunha decisión que desvirtúa o propio convenio de constitución de brigadas, que prevé a contratación de persoal para a realización destes labores, non a adscrición a estes equipos de traballadores xa contratados noutras funcións.

Casa do Concello de Lugo © Google

Finalmente, o Goberno municipal decidiu a adscrición temporal para o posto dun Xefe de Servizo funcionario, para que figure como Xefe de Brigada e así poder facilitar a súa constitución, aínda que fose só a nivel formal. Porén, a brigada segue sen constituírse a finais de agosto

En realidade, a brigada municipal lucense segue sen constituírse oficialmente cando xa levamos dous meses de verán, a piques de rematar o mes de agosto. "O empeño de Candia en crear a brigada responde á súa necesidade de defender un modelo que non funciona" e de "xustificar as críticas" que no seu momento lanzou contra o Goberno municipal progresista, salientan dende o PSdeG lucense. "Evidenciouse que nin sequera facendo falcatruadas son quen de constituír a brigada", destacan. Lembran que o Concello gastou xa catro mil euros en crear o equipo e que, de non constituílo, tería que devolver os 16.000 euros recibidos da Xunta para a súa conformación. 

Carmen Rodríguez Dacosta, deputada do PSdeG no Parlamento galego, cualifica a decisión de "chapuza" e alerta do prexuízo que esta fórmula ten non só para a calidade do traballo da brigada, senón para a propia seguridade do persoal e da cidadanía. "Non se pode entender como esta persoa pode duplicar a súa actividade. Necesítase un xefe de brigada a tempo completo", di. "Poñen á poboación nunha situación de vulnerabilidade moi grande porque se teñen que actuar ante un incendio, non contan coa formación axeitada", destaca de igual xeito dende o PSdeG.

Un sistema "ineficaz, inseguro e precario"

Dende hai anos son numerosas as voces que reclaman unha reformulación do sistema de brigadas municipais, "avanzando cara a un sistema que garanta maior estabilidade, profesionalización e continuidade dos traballos preventivos", subliña o PSdeG

Dende hai anos son numerosas as voces que reclaman unha reformulación do sistema de brigadas municipais, "avanzando cara a un sistema que garanta maior estabilidade, profesionalización e continuidade dos traballos preventivos", subliña o PSdeG. O sistema actual é "ineficaz, inseguro e precario" e está "a poñer en risco tanto a seguridade das persoas que o integran como a dos propios territorios que debe protexer", sinala Carmen Rodríguez Dacosta.

Os socialistas alertan dunha "formación escasa e insuficiente", con pouco mais de 16 horas presenciais e unha xornada lectiva a maiores. "Unha formación ridícula para persoas que están obrigadas a participar no operativo de extinción, fronte a incendios de quinta e sexta xeración" e que constitúe "un risco evidente para a súa propia seguridade", sinala a deputada.

Elena Candia e María Reigosa, a edil tránsfuga que lle deu a Alcaldía ao PP © Concello de Lugo

O sistema actual é "ineficaz, inseguro e precario" e está "a poñer en risco tanto a seguridade das persoas que o integran como a dos propios territorios que debe protexer", sinala a deputada Carmen Rodríguez Dacosta

Critícase igualmente a existencia de "obxectivos inasumibles de rozas e desbroces", difíciles de cumprir en función da situación meteorolóxica (se chove, non desbrozan) ou da necesidade de realizar traballos de extinción de incendios. O PSdeG critica que no caso de que as brigadas municipais non cumpran obxectivos "se penaliza aos concellos restando a subvención". E, igualmente, alerta da carga económica que as brigadas supoñen para os municipios, "que deben asumir os custes dos EPI, da maquinaria e das ferramentas necesarias".

A estes problemas únese o feito de que o sistema permite que unha parte as brigadas se constitúa xa avanzada a campaña de verán, a finais de xullo, cando Galicia se atopa en plena época de alto risco de incendios forestais. "Isto evidencia unha das principais contradicións do modelo: recursos destinados teoricamente á prevención comezan a traballar cando os labores preventivos máis importantes deberían estar xa executados", critica o PSdeG. 

"A prevención non pode comezar cando Galicia xa está en plena época de alto risco. A prevención require planificación, continuidade, coñecemento do territorio, tratamentos preventivos, silvicultura e presenza no monte antes da chegada das condicións de maior perigo", engaden os socialistas.

"Non podemos seguir afrontando lumes do século XXI cun modelo fragmentado, precario e improvisado do século pasado", conclúe a parlamentaria

En 2019 o Grupo de Expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galicia propuxo reformular o modelo de brigadas municipais incidindo en dúas claves mínimas: a reorientación cara a labores de prevención real e o reforzo da profesionalización do servizo, primando experiencia, formación e aumentando a duración dos contratos ata seis meses.

Carmen Rodríguez Dacosta subliña que este modelo de brigadas municipais "non é operativo, non é seguro, non é profesional. E está facendo que os concellos asuman competencias impropias, concretamente en extinción de incendios, que é competencia exclusiva da Xunta", engadindo que Galicia precisa "un servizo público único, profesional, estable e equipado, dependente directamente da Consellería con competencias, como o SPIF". "Non podemos seguir afrontando lumes do século XXI cun modelo fragmentado, precario e improvisado do século pasado", conclúe.

Carmen Rodríguez Dacosta, deputada do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.