Rueda anuncia 42 novas brigadas contra incendios pero espera que as poñan os concellos

Rueda nun dos incendios forestais de agosto de 2025 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Este será o primeiro ano no que o persoal fixo descontinuo traballará 9 meses, pero reclama facelo todo o ano

O presidente Rueda avanzou este luns que o venres a Xunta levará ao Consello Forestal a actualización para este ano do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia (Pladiga), que posteriormente deberá aínda ser aprobado en Consello da Xunta. Segundo avanzou o presidente, o plan deste ano  contará con "42 novas brigadas" con 168 persoas máis que o dispositivo do pasado ano. Porén, dependerán da "disposición dos concellos a incorporar medios propios".

Segundo o presidente, coas 42 novas brigadas de catro compoñentes cada unha (un xefe e tres peóns) haberá máis de 3.000 persoas traballando no servizo de loita contra incendios forestais. Rueda foi preguntado expresamente sobre que administración achegará esas novas brigadas, ao que respondeu que "xa veremos, hai que esperar a ver a disposición dos concellos a incorporar medios propios". "Se non, a Xunta de Galicia os cubriría", asegurou o presidente.

Mobilización do persoal do SPIF ante a sede da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Rueda salientou que este ano será o primeiro no que o persoal fixo descontinuo traballará durante 9 meses ao ano. Culmina así a súa promesa de que o persoal que en 2023 só traballaba 6 meses ao ano pasase a facelo 7 meses en 2024, 8 meses en 2025 e 9 meses en 2026. Porén, o persoal segue reclamando traballar todo o ano.

Este ano tamén aumentarán os directores de extinción, pasando de 9 a 15 expertos.

Rueda salienta o aumento do orzamento para prevención de incendios mentres segue estancada a ordenación forestal

O presidente tamén salientou que os orzamentos da Xunta aumentan para este ano a partida destinada a prevención de incendios ata os 75 millóns de euros, un 50% máis. Porén, o que reflicten as contas públicas é que todo o programa de prevención e loita contra o lume acada xa os 214 millóns de euros tras dispararse desde os 100 millóns de 2018 mentes que o programa de ordenación das producións forestais segue estancado en 85 millóns, malia que debera ser superior.

Rueda tamén avanzou que a Xunta lanzará este ano unha aplicación móbil para alertar de incendios de xeito "sinxelo". Un sistema tecnolóxico que se unirá ao tamén sinxelo teléfono 085.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.