- A Xunta non aumenta o persoal de loita contra o lume nin introduce grandes cambios na súa estratexia
O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA) da Consellaría de Medio Rural, presentado o pasado xoves, delimita 77 parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), ben polo gran número de incendios sufridos nos últimos anos, ben pola extensión dalgún deles. Neste senso, quedan definidas como PAAI aquelas parroquias que tiveron en media anual 7 incendios ou máis nos últimos 5 anos ou tamén aquelas que tiveron 2 incendios ou máis, maiores de 200 hectáreas nos últimos 10 anos e nas que a superficie total media por incendio sexa igual ou superior a 9 hectáreas no mesmo período. Este ano entran na lista 10 novas parroquias, ao tempo que outras 6 saen deste rexistro.
Aplicado estes criterios delimítase un mapa da Galicia máis castigada polo lume, sobre todo a castigada de forma máis reiterada. E, polo tanto, zonas que son susceptibles de sufrir de novo o golpe dos incendios forestais. Nestas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria a Xunta realizará "un seguimento exhaustivo de calquera actividade incluída no territorio" e intensificaranse "as actuacións de vixilancia e disuasión". Así mesmo, nestas zonas realizarase "un control exhaustivo das axudas públicas concedidas e non se concederán autorizacións extraordinarias para a práctica do pastoreo nos terreos queimados".
Das 77 parroquias, 52 sitúanse na provincia de Ourense, o territorio no que o lume arrasou máis superficie nos últimos anos e de forma máis repetida. 15 están en Pontevedra, 9 na Coruña e só unha en Lugo. Por concellos, A Gudiña é o que suma máis parroquias de alta actividade incendiaria (6), seguido de A Mezquita (4) e de Ribeira, Manzaneda, Oímbra, Lobios e Vilariño de Conso (3).