Por primeira vez, o Ministerio para a Transición Ecolóxica fixo públicos os datos para Galicia sobre as estimacións das absorcións de gases de efecto invernadoiro (GEI) asociados ao uso da terra e a silvicultura. Ata agora só debullados a nivel estatal, o Ogacli (Observatorio Galego da Acción Climática) accedeu ás cifras que demostran que, principalmente, os bosques autóctonos e as masivas plantacións de piñeiros e eucaliptos actúan no país como sumidoiro destes GEI.
O sector que abrangue o uso da terra, cambios no uso da terra e silvicultura (LULUCF polas súas siglas en inglés) dá lugar a unhas absorcións de dióxido de carbono (CO2), pola vexetación e os solos, que superan as súas propias emisións de CO2, óxido nitroso (N2O) e metano (CH4). E, xa que logo, contribúen a reducir considerablemente as emisións netas de gases de efecto invernadoiro, aqueles que causan o quecemento global e contribúen a agudizar a emerxencia climática.
Porque cando se fala das emisións de GEI, adoitan considerarse só as emisións brutas: as de todos os sectores agás a do LULUCF. Con estes datos, advírtense as emisións netas, as resultantes de restar ás brutas as absorcións de CO2 debidas, basicamente, aos bosques e as plantacións forestais, pero tamén a outros usos da terra.
Transición Ecolóxica fixo públicos por primeira vez os datos para Galicia sobre absorcións de gases de efecto invernadoiro (GEI) asociados ao uso da terra e a silvicultura
Así, os datos que vén de facer públicos o Ogacli advirten de que estas absorcións creceron máis dun 85% desde 1990 e ata 2021 —o último ano con datos dispoñibles—, pasando dos -5,3 millóns de toneladas de CO2 equivalente aos -9,8 millóns en tres décadas.
Ademais, se en 1990, tamén pola elevada emisión contaminante, a absorción por parte do terreo forestal supoñía arredor dun 20% do total de gases de efecto invernadoiro, en 2021 roldaba xa o 50%, descontando xa as emisións netas que pode supor algunha superficie forestal, aínda que en niveis mínimos.
Xa que logo, as terras forestais absorben aproximadamente a metade dos gases de efecto invernadoiro que se xeran en Galicia: 9,67 millóns de toneladas captadas por estes terreos con vexetación leñosa fronte aos máis de 19 millóns de emisións brutas.
"Son cifras máis elevadas das que a Xunta deu algunha vez", explica Xosé Veiras, biólogo, ecoloxista e promotor de Ogacli, que destaca a "elevada contía" destas absorcións netas, principalmente debidas "ás terras forestais, superficies arborizadas ou en proceso de cubrirse de árbores, ben sexa por plantacións ou pola propia rexeneración do bosque".
As absorcións de gases de invernadoiro en Galicia medraron máis do 85%, por mor sobre todo das terras forestais
A proliferación das plantacións de eucaliptos e piñeiros, fundamentalmente, e mais o aumento da produción da madeira e da superficie arborizada, sobre todo coa rexeneración levada a cabo en moitas zonas do interior de Galicia e vinculada ao abandono dos usos agrarios, explican este aumento das absorcións nos últimos anos, fundamentalmente desde finais dos 90.
Ata 1997, o crecemento destas absorcións foi pequeno, impulsado polo aumento das absorcións en terras forestais e pola baixada das emisións en terras de cultivo agrícola. Entre 1997 e 1999, destaca o Ogacli, rexistrouse "un forte aumento das absorcións, que pasan de -6 a -8,8 millóns de toneladas, debido á maior capacidade de absorción das terras forestais". De aí en diante, a absorción de CO2 volveu medrar a un ritmo cativo pero constante, con pequenas diminucións nos anos 2006 e 2017, os dous con maior número de hectáreas ardidas en incendios forestais —con diferenza— neses últimos trinta anos. Con todo, o impacto do lume nesta captación de GEI foi moito menor do que se adoitaba pensar.
Hai que ter en conta que a área forestal arborada galega pasou de algo máis de 1,13 millóns de hectáreas de 1975 aos 1,416 millóns de 2011, segundo a interpretación que a Asociación Forestal de Galicia fixera do inventario estatal que daquela publicara o Ministerio de Agricultura. O Inventario Forestal Continuo de Galicia, con datos deste ano, eleva o total actual a 1,457 millóns, 41.300 hectáreas máis que doce anos antes e unhas 327.000 máis que cinco décadas atrás.
"Desde o punto de vista da mitigación do cambio climático, os datos son positivos, pero hai que ter en conta os problemas ambientais que causa a xestión do monte"
"Desde o punto de vista da mitigación do cambio climático, e considerando unicamente este aspecto, os datos son claramente positivos, pero hai que ter en conta outras variables e atender aos matices porque hai problemas ambientais doutro tipo relacionados coa xestión do monte", apunta Veiras. Así, o Ogacli xa advirte que en Galicia a absorción de CO2 "depende de xeito importante das plantacións de eucaliptos, cuxa superficie, hoxe claramente excesiva, cómpre limitar por razóns de conservación da biodiversidade e outras".
Porque os datos que achega Transición Ecolóxica son claros: Os bosques e as plantacións forestais son as superficies nas que teñen lugar a práctica totalidade das absorcións netas de CO2 en Galicia. Case toda a capacidade de sumidoiro de GEI provén desas terras forestais, que en 2021, por exemplo, supuxeron o 99,2% do total de captacións de CO2.
As plantacións de eucaliptos, claves
E ademais, tal e como destacan traballos realizados polo investigador Esteban Gómez García, as especies que maior cantidade de carbono acumulan nos montes galegos son os eucaliptos (30%), os piñeiros (27%) e os carballos e cerqueiros (26%). Ademais, son as árbores máis novas as que teñen maior capacidade para actuar como sumidoiros dos GEI, polo que aquelas de crecemento rápido serían tamén máis efectivas como absorbentes de CO2, de aí que as plantacións forestais de alta produtividade sexan claves neste aspecto.
En cifras, o catedrático de Edafoloxía dea Universidade de Santiago de Compostela Francisco Díaz-Fierros, apuntara a EFE que o 39% do CO2 que se captura en España corresponde aos montes galegos e que o 67% do carbono é absorbido por eucaliptos, o 25% por piñeiros e o resto por castiñeiros e outras especies de crecemento rápido. O influxo do poder e impacto da industria madereira en Galicia é clave tamén estes datos.
En Galicia, e segundo os datos do inventario forestal, os eucaliptos supoñen o 28% da superficie arborada galega, unhas 410.000 hectáreas. Son 41.000 máis que en 2011, ano do anterior inventario. Nese período, no entanto, reduciuse a superficie de coníferas en favor das frondosas, ocupando o piñeiro case 140.000 hectáreas menos que hai doce anos, gañando presenza carballos e castiñeiros.
Alén deste tipo de monte, outras dúas categorías que contribúen de forma significativa ás absorcións de CO2 na nosa terra, "aínda que en moitísima menor medida que as terras forestais", como aclara o Ogacli, son os produtos madeireiros e, de xeito continuado a partir de 2007, a superficie de terras de pastoreo. De moita menos importancia aínda son as zonas húmidas ou as terras de cultivo.
"É fundamental non sobrevalorarmos o papel das absorcións na mitigación da crise climática e, sobre todo, non utilizalas como argumento para atrasar ou bloquear a transición enerxética e outras medidas necesarias para reducirmos todo o posíbel e canto antes as emisións brutas", di o Ogacli, nunha tese na que incide Xosé Veiras.
"Non sería a primeira vez que a Xunta ou o sector da madeira empregan este argumento como coartada para continuar cunhas políticas forestais que van en contra da biodiversidade e causan problemas medioambientais en Galicia", di, quen tamén advirte de aludir á capacidade de absorción dos GEI por parte das plantacións masivas "como escusa para non tomar as medidas que hai que tomar" para reducir as emisións.
"Unha política climática ambiciosa e globalmente xusta debería aspirar a lograr a neutralidade climática en 2040, a máis tardar, en lugar de atrasala a 2050, como se propón a Xunta actualmente", di o Ogacli.
"Se se reducisen as emisións brutas nun 65% para 2030, en comparación con 1990, a neutralidade climática xa estaría moi próxima, sempre supondo un nivel de absorcións como o estimado oficialmente en 2021. Mesmo limitando o recorte ao 55% para 2030, como pretende a Xunta, semella factíbel acadar a neutralidade climática na década de 2030", lembra.
Malia todo, o Ogacli advirte que a estimación das absorcións/emisións do sector LULUCF presenta "un elevado grao de incerteza" e destaca tamén que "as absorcións son reversíbeis". "Superficies que agora actúan como sumidoiros poderían ser emisoras no futuro, o que dependerá en parte da evolución da crise climática", resume.