Paula Prado atribúe ao BNG e "os seus satélites" o rexeitamento ao fábrica que se quere instalar en Palas de Rei
A número 2 do PPdeG, Paula Prado, centrou na fábrica que Altri quere instalar en Palas de Rei a rolda de prensa que adoita ofrecer todos os venres. Unha comparecencia na que a popular comezou amosando o seu "apoio" á instalación pero na que, na quenda de preguntas e ante as dúbidas que o proxecto suscita entre veciñanza da comarca, admitiu que non coñece en profundidade o proxecto.
Prado comezou a súa rolda de prensa deste venres amosando novamente a condena do partido polo asasinato machista rexistrado esta semana en Ribeira e dando conta do novo reparto de funcións no grupo parlamentario do PPdeG tras as eleccións do 18F. Pero o groso da súa intervención centrouno en defender o proxecto de Altri en Palas de Rei e en cargar contra BNG e PSdeG.
"Nuns días nos que tanto se está a falar do proxecto de Altri en Palas de Rei eu quero insistir no apoio do PPdeG á creación de emprego e de riqueza da man de todas aquelas iniciativas e empresas que se queiran instalar en Galicia", dixo a popular, que proseguiu acusando ao BNG de estar en contra de calquera iniciativa de progreso para Galicia e ao PSdeG de non ter clara a súa postura sobre este proxecto.
Tras a súa intervención inicial, a primeira pregunta que recibiu Prado foi unha sobre as dúbidas que o proxecto de Altri está a suscitar entre veciñanza da comarca na que se implantará. A súa resposta foi dubitativa ao comezo para despois insistir no seu discurso de que o rexeitamento é do BNG: "Ben, eh..., a ver, eu eh... non coñezo en profundidade o proxecto de Altri, pero como calquera proxecto estratéxico, novidoso e innovador é lóxico que poida xerar inquedanzas na veciñanza, sobre todo xera máis se hai grupos políticos interesados en intoxicar como é o BNG con todos os seus satélites".
Prado asegurou que "non hai ningunha dúbida de que se van cumprir todos e cada un dos parámetros medioambientais" e que "a Xunta será escrupulosa" coas súas autorizacións ao proxecto.
As declaracións de Prado chegan despois de que este xoves o BNG fixese oficial o seu rexeitamento ao proxecto de factoría tal e como está formulado para Palas. E ao tempo que este venres o PSdeG amosaba tamén as súas dúbidas.
Este xoves o BNG fixo oficial a súa postura en contra da fábrica en Palas tal e como está formulada e este venres o PSdeG amosou as súas dúbidas ante os cambios sufridos polo proxecto
A nivel local os socialistas xa se pronunciaran en Palas en contra da fábrica de Altri pero este venres foi o portavoz parlamentario e candidato a secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen amosou dúbidas sobre viabilidade do proxecto tras os cambios que sufriu desde as propostas iniciais da Xunta. "Hai cousas que parece que son distintas do que se dixo nun principio", criticou Besteiro, para quen "ía ser unha fábrica téxtil ecolóxica" e "agora parece que ten unha parte importante de celulosa", ademais de reducirse o emprego directo previsto.
Este venres tamén o Concello de Melide amosou o seu rexeitamento ao proxecto de Altri co voto das forzas que conforman o goberno local (Adiante Melide e BNG) e mais o PSdeG,
[O que aprobou (e o que non) o Parlamento por unanimidade a prol da fábrica de Altri]