“Estarei máis orgulloso aínda cando haxa catro directoras mulleres nominadas. E tamén cando teñamos uns políticos que se sintan orgullosos do noso cine e da nosa cultura e a empreguen como bandeira e non como barreira”. Díxoo Dani de la Torre ao recoller un dos 12 premios que levou, na gala dos Mestre Mateo 2016, O Descoñecido. E non foi o único que proclamou o orgullo polo audiovisual galego. Nin a demanda dun esforzo moito maior por acadar a igualdade de xénero no sector e en toda a sociedade.
O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, comezou, de feito, o seu discurso, lembrando as 16 mulleres asasinadas, vítimas da violencia machista, no que vai de ano. “Temos que deixar de alimentar o machismo e a desigualdade”, dixo. Non esqueceu, tampouco, aos profesionais do sector que non atopan traballo, nin á xeración “mellor preparada” que non atopa oportunidades. Pediu medidas contra a precariedade, a fin dos límites á liberdade de expresión impostos por policías e xuíces, a unidade do sector ou un diálogo constante coa administración, entre outras cuestións. E sinalou a necesidade de “presumir” do talento galego, que no audiovisual se mide nos festivais internacionais máis importantes en pé de igualdade co de calquera outro país. “Somos imprescindibles”, asegurou, pois “o mundo sería máis triste sen nós”, e a sociedade menos “libre”.
“Temos que deixar de alimentar o machismo e a desigualdade”, dixo Carlos Ares
O realizador Xavier Villaverde, premio de honra Fernando Rey, subliñou tamén que “sería marabilloso ter nomeadas películas de directoras galegas, así como directoras de arte, sonidistas…”. Porque a profesión tamén “reproduce roles tradicionais”. Lamentou, tamén, que siga habendo mozos e mozas que se ven “obrigados” a emigrar. Xusto despois, a realizadora e actriz Sonia Méndez e a actriz Isabel Blanco subiron ao escenario para entregar parte dos últimos premios, e Méndez comentou que ela tamén quería “máis mulleres” en escena, mentres que Isabel Blanco remarcou que “é unha mágoa que teñamos que seguir recordando isto”.
A profesión tamén reproduce roles tradicionais, admitiu Xavier Villaverde
Non houbo, polo demais, grandes sorpresas na gala, celebrada este ano no Pazo da Ópera da Coruña. O Descoñecido, de Vaca Films e Atresmedia Cine, con participación da TVG, levou unha ducia de premios: mellor longametaxe, mellor interpretación masculina protagonista para Luís Tosar, mellor interpretación masculina de reparto para Javier Gutiérrez, mellor interpretación feminina protagonista para Paula del Río, mellor interpretación feminina de reparto para Elvira Mínguez, mellor dirección, mellor dirección de fotografía para Josu Incháustegui, mellor dirección de produción para Carla Pérez de Albéniz, mellor guión para Alberto Marini, mellor montaxe para Jorge Coira, mellor música orixinal para Manuel Riveiro e mellor son para David Machado, Nacho Arenas e Jaime Fernández.
Javier Gutiérrez dedicou o seu premio aos preferentistas, vítimas da “gran estafa” que é en realidade a crise
Javier Gutiérrez dedicou o seu premio aos preferentistas, vítimas da “gran estafa” que é en realidade a crise; Elvira Mínguez enviou a través do director, Dani de la Torre, a mensaxe de que “se fagan máis papeis para mulleres maduras”; Luis Tosar -por teléfono, pois chamouno Emma Lustres e puidemos escoitalo-, afirmou que rodar O Descoñecido fora unha das mellores experiencias da súa vida; Dani de la Torre agradeceulle o seu apoia a todas as persoas que creron nel, sobre todo cando había quen lle dicía que en Galicia non se podía facer cine de acción; e Emma Lustres (de Vaca Films), afirmou que O Descoñecido subira a “autoestima” dos galegos, sinalou que a súa produtora trata de “sacar xente de aquí”, e desexou que os directores, e directoras -sobre todo-, do país estean onde merecen, que é “moi alto”. Salientou, tamén, que o recoñemento dos Mestre Mateo foi “o mellor que nos pasou”, nin “Málaga, nin Venecia, nin San Sebastián, nin os Goya…”, -en referencia a outros premios e festivais polos que pasou o filme-.
Marta Anta lamentou que siga habendo persoas que se vexan obrigadas a deixar o seu fogar
Outra das favoritas da noite, -14 nominacións-, Lobos sucios, levou o premio a dirección de arte para Antonio Pereira, e o premio a mellor vestiario para Marta Anta, que lamentou que siga habendo persoas que se vexan obrigadas a deixar o seu fogar. O premio para a mellor curtametraxe foi para Eco, de Xacio Baño; -o único recoñecemento do chamado Novo Cinema Galego nos Mestre Mateo, malia que Las altas presiones de Ángel Santos tamén contaba con nominacións-; o de mellor documental para Os días afogados, de Amanita Films; o de mellor serie de televisión para Serramoura -que tiña nove nominacións-; o de mellor serie web para El método sueco, de Porco Bravú. Recolleu o premio a mellor curtametraxe o actor Xosé Barato, -Eco é un proxecto seu, que lle encargou a Xacio Baño-, que subliñou que o cinema, “se non doe, non paga a pena”.
Recolleu o premio a mellor curtametraxe o actor Xosé Barato que subliñou que o cinema, “se non doe, non paga a pena”
O premio á mellor curtametraxe de animación foi para O Terceiro Porco, do IES de Imaxe e Son; a de mellor realización para José Villaverde por Land Rober; o de mellor videoclip para Buscando a superfama, de Heredeiros da Crus; o de mellor anuncio publicitario para Imposible sen ti, De Tex45 Producións en colaboración con Ainé; o de mellor comunicador de TV para Martín Barreiro; o de mellor maquillaxe e perruquería para Óscar Aramburu, Sabela Sanmartín, e Alberto Hortas, por Hospital Real, -que acumulaba 10 nominacións-, e mellor programa de TV para Zig Zag Diario. Pilar G. Rego reivindicou o traballo dos redactores deste espazo televisivo, varias veces premiado nos Mestre Mateo.
Marga Pazos e Xosé A. Touriñán foron os presentadores dunha gala de ritmo irregular na que faltaron quizais, nalgúns momentos, orixinalidade ou discursos máis reivindicativos, na que si se subliñou a relevancia do traballo dos técnicos e se recordou que hai 100 anos se estreou o primeiro filme galego, Miss Ledya. Pazos comentou que Castelao creu na capacidade de crear do país, e que 100 anos despois de Miss Ledya, froito desa creatividade, mantense o sector audiovisual, ademais dunha televisión pública.
Como se pode cuantificar, -dixo en referencia á televisión-, a difusión dunha forma de pensar, de ser, de dicir? Proclamou, tamén, despois de citar a Manuel María e a súa reivindicación do idioma, a necesidade de estarmos orgullosos “do bo”, mais tamén de fomentar o talento e a creatividade do país e de pagar salarios dignos por eles. “Aquí non sobra ninguén”, -sostivo”, e “xa nos faltan moitos, e botámolos de menos”, -a conto dos profesionais do sector que faleceron recentemente, homenaxeados cunha proxección de fotografías-. A gala contou cunha banda de música formadas por alumnas da facultade compostelá de Comunicación que forman parte da chamada Xeración Xabarín. Entregaron os premios, ademais dos xa citados, Sonia Castelo e David Melero, Camila Bossa e Miguel Barbosa, Miguel de Lira e Laura Martelo, Mabel Rivera e Lorena Vilas, Roberto Vilar e Lola Dapena e Marcos Pereiro e Jaime Pérez.