Persoal da CRTVG cre que a dirección controla internet para frear as denuncias de manipulación

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Dende o pasado día 10 o persoal da CRTVG ten que andar con tino á hora de acceder a internet no seu posto de traballo. Como adiantou este diario, unha instrución interna ditada polo director xeral dos medios públicos galegos, Alfonso Sánchez Izquierdo, advirte de que a compañía pode "monitorizar" en calquera momento os sitios web que consultan os traballadores e traballadoras, así como ler as mensaxes que envían e reciben nas súas contas corporativas de correo. Ao tempo, a norma prohíbe que o persoal acceda ás instalacións da TVG ou da Radio Galega con ordenadores, tabletas ou dispositivos semellantes, polo que o único xeito de acceder á rede é facelo baixo o ollo da dirección. As primeiras reaccións entre a representación dos traballadores vinculan directamente estas restricións ás denuncias de manipulación informativa.

A xuízo da CUT, que ostenta actualmente a presidencia do comité interempresas da compañía, a resolución do director xeral, "elaborada e publicada de costas á representación sindical", "criminaliza e pon baixo sospeita a todo o persoal no uso cotián que realiza dos sistemas de información" e ten a finalidade de "reprimir e sementar o terror entre os traballadores e traballadoras" para que "depoñan actitudes xurdidas nos últimos meses, como a participación na elaboración do blog Eu non manipulo, que denuncias as prácticas de manipulación informativa na televisión pública".

A CUT coida que a dirección da empresa tenta "reprimir" as "denuncias de manipulación informativa" como 'Eu non manipulo' e estuda accións legais

Explica esta central sindical que a empresa pública xa contaba cun "réxime disciplinario moi completo", polo que son máis que razoables as "dúbidas sobre as razóns polas que se publica esta normativa", ante a que xa valoran emprender accións legais nos vindeiros días. Polo momento, a CUT xa lle esixiu á dirección "a retirda da normativa, que foi rexeitada" coa xustificación de que as novas normas son "un instrumento de protección da información corporativa". No entanto, dende a óptica do sindicato, o que realmente se tenta facer é, por exemplo, "entorpecer a obtención de documentación que os traballadores e traballadoras precisan para achegar nos xulgados como probas cando interpoñen demandas despois dunha violación sistemática dos dereitos laborais". "A norma -abondan- podería vulnerar tamén dereitos fundamentais que protexen a representación sindical, que non queda exenta do control e monitorización dos equipos informáticos e das comunicacións".

A CUT enmarca os novos controis nunha "escalada represiva" na que tamén inclúe "outra circular", difundida pola empresa "só uns días antes", nas que estipula "as normas que deben rexer o estilimso e a vestimenta de todo o seu persoal". Ademais de recomendacións máis ou menos xenéricas, esta instrución "pretende disuadir da utilización de slogans, chapas ou camisetas contra a manipulación informativa" baixo a advertencia de poder ser obxecto dunha sanción. Todas estas restricións, conclúen, son "unha grave irresponsabilidade", maís aínda porque chegan "en plena negociación do convenio colectivo", que se aborda nunha mesa de negociación que "constituiría o ámbito lexítimo e razoable para tratar de consensuar medidas de protección da información, no caso de que ese fose o obxectivo real da empresa".

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.