#Caretasfóra. Ese foi o cancelo empregado polo persoal mobilizado da CRTVG no 41º venres negro, no que segue a clamar “contra a manipulación” e polo cumprimento da Lei de Medios. De novo de loito, boa parte dos traballadores dos medios públicos volveron dar a cara cando se cumpren nove meses desde que comezaran as protestas. “E todo segue igual... Ou peor”, destacan.
O persoal mobilizado insiste en advertir da “manipulación” na TVG e na Radio Galega, unhas acusacións que volveu rexeitar o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha nova comparecencia na comisión de control parlamentaria na que mesmo virou o foco para acusar de manipular aos que se din sufrir a manipulación.
Sánchez Izquierdo acusa de "empregar as mellores técnicas manipuladoras" a quen denuncia a manipulación na CRTVG
“Moitas veces quedo sorprendido de que os máis grandes reivindicadores de formulacións non manipuladoras empregan as mellores técnicas manipuladoras”, dixo este pasado xoves no Parlamento, tras acusar aqueles que protestan de “seguir tirando pedras contra o tellado da CRTVG,que soporta milleiros de traballadores, vertebra o máis e é o maior altofalante de Galicia aquí e no mundo”.
Sánchez Izquierdo vestiu o papel de vítima ante “quen contrúe un relato” que “non beneficia” nin os traballadores nin o sector audiovisual. E foi aínda máis lonxe ao insistir na “infinidade de bulos e fakes que determinadas plataformas políticas e sindicais utilizan”. “Para nós sería unha tentación extraordinaria aplicar toda a nosa potencia e polemizar, pero non é o noso papel”, dixo tras presumir do proceso de dixitalización da canle, do paso á emisión en alta definición ou das audiencias. “Non parece que case coa precariedade laboral, o desmantelamento e a crise xeralizada que se denuncia”, insistiu.
O director xeral da CRTVG advirte da "infinidade de 'bulos' e 'fakes' utilizados por determinadas plataformas políticas e sindicais" respecto dos medios públicos
Mentres, desde Defende A Galega, colectivo que organiza as protestas do persoal, advirte de que “son tempos de implicación” e insisten en pedir que “rematen as represalias contra traballadores que só reivindican uns medios públicos de todas e para todas”. Refírense aos expedientes ou decisións tomadas con xornalistas como Alfonso Hermida, Tati Moyano, Carlos Jiménez ou Marga Pazos.
Preguntado pola deputada do BNG, Noa Presas, sobre as supostas represalias sufridas por esta última xornalista logo da súa participación en protestas polos medios públicos, tras denunciar o boicot da CRTVG á folga do 8-M ou tras gañar un xuízo que lle recoñecía un complemento de nivel, Sánchez Izquierdo negouno todo.
“Recursos Humanos tomou unha decisión axeitada, cumpre coa sentenza dun xuíz e non podo censuralo. Rexeito calquera tipo de conexión entre unha decisión laboral e unha repercusión política”, dixo, logo de que Presas falase de “caza de bruxas”. Para Sánchez Izquierdo, é “inaceptable” que se insinúe unha “correlación, aínda que sexa velada” entre unha decisión laboral e unha “intencionalidade política”. “Se houbese algún tipo de represalia por unha posición activa nunha folga, pódolle citar varias traballadoras que leron manifestos e seguen nos seus postos de traballo, algunha delas con cargos de responsabilidade”, dixo.
“Non estamos no medio dunha política represiva”, insistiu o director xeral dos medios públicos, que negou unha “confrontación política” que “moitos queren manter”. “O que non pasa na CRTVG é o uso de contidos informativos, como se fai noutras televisións do Estado”, rematou.