0 Gardados para despois

Non criticarás a Xunta

Anxo LugildeAnxo Lugilde | @anxoluxilde


Criticar a Xunta é moi doado, pero non é patriótico, díxome en directo na TVG, durante o bipartito, un veterano compañeiro que de aberto defensor do fraguismo se reciclara en afín ao nacionalismo entón cogobernante. A min aquilo lembrárame o que contaba con graza o xornalista Fernando Jáuregui no seu libro sobre Fraga de que nos anos 80 en Galicia lle era case imposible atopar un xornalista galego de política que non falase marabillas do todopoderoso vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro. Como relatou Xosé de Cora en Barreiro contra Barreiro, o fillo do carteiro de Forcarei tivo un papel fundamental en conseguir que, contra o criterio dalgúns na rúa Génova, a TVG nacese hai 33 anos como unha canle monolingüe en galego e cunha apertura á creatividade que hoxe semella futurista. Mais a pegada de Barreiro, como o señor das tebras da Galicia autonómica, tamén está presente no xurdimento no modelo galego de control mediático que, sen que chegase co bipartito o tan prometido cambio, nos nosos días acadou niveis sobre os que hai a moi reveladora controversia na profesión de se son iguais ou peores que os dos primeiros tempos do fraguismo.

En presenza do presidente da Xunta e nun venres dos da loita contra a manipulación dos medios autonómicos, Moyano explicou que vestía de negro non por casualidade, senón porque esa é a cor das protestas, ao que seguiu un aplauso do público

Como afortunadamente existe Praza Pública, e tamén as redes sociais, o pasado xoves coñeceuse que a dirección do TVG lle abriu xa hai semanas un expediente a Tati Moyano, xunto a Alfonso Hermida a presentadora dimisionaria do Telexornal Serán, o principal informativo da canle. Foi pola súa participación nunha gala contra o cancro o 22 de xuño. En presenza do presidente da Xunta e nun venres dos da loita contra a manipulación dos medios autonómicos, Moyano explicou que vestía de negro non por casualidade, senón porque esa é a cor das protestas, ao que seguiu un aplauso do público.

 

Segundo fontes presenciais, aínda que logo no discurso non falase diso, Feijóo deixou ver o seu desagrado coa intervención de Moyano, que estaba acompañada polo xornalista Luís Pardo. Opinaba que a referencia á loita de Defende a Galega non era nin oportuna nin elegante nese contexto dunha gala contra o cancro, malia ser unha nota a rodapé. E insistiu en que, como xa dixo nunha conferencia de prensa do Consello da Xunta, el non dirixe os medios públicos, o que semella ser, por outra parte, rigorosamente certo pois diso xa se ocupa a súa vicepresidenta na sombra, Mar Sánchez Sierra, quen segundo fontes populares leva anos vetando a creación dese consello de informativos incluído contra o seu criterio na lei dos medios públicos e cuxa posta en marcha se reclama nos Venres Negros.

O apercibimento a Moyano debeuse oficialmente ao uso de medios da compañía, suponse que da maquillaxe, sen unha autorización expresa, mais o numeroso grupo de presentadores que saíu internamente na súa defensa afirma que o que ela fixo foi seguir a práctica habitual na casa, o que incluía a comunicación previa á xefatura de que collía o día libre para ese fin. Así se albisca que o verdadeiro problema reside, ao meu modo de ver, en dicir o que dixo e, sobre todo, diante de quen o dixo, nun xesto de coraxe nada común, por máis que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, viñera afirmar recentemente no Parlamento que valentes eran os que corrían diante dos grises.

Eses feitos da gala contra o cancro producíronse xusto despois de que se coñecese a renuncia de Hermida e Moyano a seguir presentando o Telexornal da nova tempada da canle pública que comezará en setembro, no contexto da súa participación nos Venres Negros. Trátase dunha renuncia pola manipulación dos medios públicos que, logo da súa publicación en Praza Pública, apenas tivo eco na prensa galega de papel. Se ese feito se producise en TV3 evidentemente sairía nas portadas. Pero incluso se fose en calquera televisión autonómica é probable que aparecese como noticia nalgunha páxina, agás que sucedese nunha en concreto, a de Galicia, precisamente. E iso é o preocupante, na medida en que reflicte unha patoloxía do sistema político.

Se ese feito se producise en TV3 evidentemente sairía nas portadas. Pero incluso se fose en calquera televisión autonómica é probable que aparecese como noticia nalgunha páxina, agás que sucedese nunha en concreto, a de Galicia, precisamente

“As pessoas têm medo de participar seja no que for, têm medo de se pronunciar contra o Governo porque têm medo de retaliaçôes”. Estas verbas foron ditas en portugués, pero a mesma frase, en galego, sobre o temor ás represalias polas críticas ao executivo, podía pertencer ao debate político da Galicia de hoxe. Tratábase da denuncia contra a “asfixia democrática” por parte do entón Goberno socialista luso que fixo a candidata a primeira ministra do conservador PSD nas eleccións lexislativas de 2009, Manuela Ferreira Leite, próxima ao daquela presidente da República Aníbal Cavaco Silva. A denuncia de Ferreira Leite referíase sobre todo á supresión dun informativo, o Jornal Nacional da TVI, moi crítico co primeiro ministro do momento, José Sócrates, quen anos máis tarde acabaría en prisión provisional e procesado por presuntamente acumular unha fortuna en Suíza procedente de mordidas.

Alén do terrible escándalo de corrupción de Sócrates, pendente de xuízo, o que atinxe ao funcionamento das institucións da mensaxe de Ferreira Leite é moi interesante, porque sinala o que supoñen as eivas nun dos alicerces básicos da democracia, a liberdade de información. Estaba feita ademais pola líder do partido irmán do PPdeG, co que os populares galegos manteñen moitas ligazóns, cultivadas ao longo do tempo, xa desde o fraguismo. E en Galicia vense arestora tamén síntomas desa “asfixia democrática”.

 

¿Gonzalo con medo?

 

Vanse cumprir dous meses da moción de censura de Pedro Sánchez, que proporcionaba moitas posibilidades para que se movese un posto na candidatura socialista de Pontevedra das últimas eleccións autonómicas de xeito que o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, entrase no Parlamento. Mais se segue sen albiscar movementos nesta dirección. Esta situación pode reflectir, por unha banda, que, malia que no seu momento fose difícil de crer, o secretario xeral do PSOE galego seica era sincero cando aseguraba que se non collía o escano era porque aínda non estaba dentro dos seus plans, xa que agora dá a impresión de que se produce exactamente ese suposto. Pero tamén empeza a gañar forza a tese de que ten medo escénico a ingresar no Parlamento e enfrontarse directamente a Feijóo nas sesións de control quincenais. A tese oficial do partido é que o segundo dos Caballero está concentrado na reconstrución da organización por Galicia adiante, mentres continúa a compaxinar ese labor coa docencia na Universidade de Vigo. Mais vendo que nin ten o dominio do partido, nin Sánchez o considera o seu grande interlocutor en Galicia, pois abriu outras vías co nomeamento de Javier Losada, para afianzarse no posto e darlle un pulo ao labor de oposición no Parlamento a Gonzalo cumpriríalle comezar o curso político en setembro ocupando xa un escano, adiantando así o seu plan orixinal de facelo despois das municipais.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"Barreiro o bo" tamén caeu co marianismo

“Barreiro o bo”. Así foi como presentou Manuel Fraga o seu entón vicepresidente segundo, José Manuel Barreiro Fernández, cando no congreso popular do 2004 no recinto feiral madrileño do Ifema este se incorporou á dirección española do PP. O Barreiro de Lugo, exconcelleiro da capital, profesor no campus da cidade das murallas e frustrado candidato á presidencia da Deputación, era o “bo” porque o patrón da dereita galega e española quería distinguilo así de Xosé Luís Barreiro Rivas, ao que chamaba o “felón”, pois considerábao un traidor polo seu papel na moción de censura contra Fernández Albor e ata o chegou a ameazar con que o metería “varios metros” baixo terra. Feijóo seica non concorda con esas apreciacións do que foi o seu antecesor no liderado no PPdeG, non só porque en coincidencia con Rajoy rehabilitou a Barreiro Rivas nos últimos anos, senón porque para el o outro Barreiro, o de Lugo, nunca deixou de ser o que ousou competir con el pola sucesión de Fraga ata que o derrotou, sen darlle despois pouco máis que un carteliño que puña que era vicepresidente do PPdeG.

Segundo o relato que fan fontes próximas a Barreiro de Lugo da sucesión de Fraga, o patrón estaba con el, versión que tamén ten transmitido o equipo de Feijóo. Mais a realidade o que amosa é que a única vez que Fraga se tivo que pronunciar, no verán de 2004, cando nomea os dous vicepresidentes para que Rajoy lle deixe recuncar, chega a intentar non poñer a ningún por enriba doutro. Pero como iso era legalmente imposible, acabou situando a Feijóo de primeiro, malia que non era deputado e por tanto non o podía substituír, como se viu dramaticamente no momento do seu desmaio no Parlamento. E que ao final, como xa pasara en certa medida co outro Barreiro, Fraga sempre dixo estar coa parte autóctona do partido, a da boina segundo a terminoloxía de Baltar I, pero á hora da verdade situouse cos afíns á rúa Génova, a sede central que el mesmo creou.

As outras notas destacadas do novo organigrama do PP están no reforzamento do presidente provincial da Coruña, Diego Calvo e a aparición da antiga secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Feijóo Marta González como vicesecretaria de Comunicación

A cuestión de Barreiro o bo cobrou actualidade estes días porque, de novo, o lucense volveu sucumbir nun congreso do PP fronte ao bando de Feijóo, neste caso o de Casado, apoiado polo presidente da Xunta a través dos baróns provinciais da Coruña e Pontevedra, mentres que o seu antigo opoñente de 2006 estaba con Soraya. Este movemento de Barreiro semellou ser máis ben un último xesto de fidelidade marianista, pois coincidiu coa posición que adoptou o círculo de Pontevedra máis próximo a Rajoy, o do seu cuñado, Francisco Millán Mon, e a expresidenta do Parlamento galego Pilar Rojo.

Despois de conectar con Mariano na campaña rural pola provincia de Lugo en 2009, do Courel á Mariña, Barreiro encontrou no entón presidente do partido o apoio que non recibiu na Galicia de Feijóo, sobre todo tras os seus fracasos electorais na loita pola Deputación de Lugo. Rajoy fíxoo voceiro no Senado e o lucense converteuse nun dos máis fieis defensores do presidente do PP, do que falaba coma un dos maiores estadistas planetarios. Agora, coas remudas que fixo Casado, Barreiro perdeu o cargo.

En clave galega as outras notas destacadas do novo organigrama do PP están no reforzamento do presidente provincial da Coruña, Diego Calvo, pola súa conexión persoal directa con Casado, e a aparición da antiga secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Feijóo Marta González como vicesecretaria de Comunicación. Está por ver cal será o seu papel, pero a súa presenza na cúpula, co cargo que tiña antes Casado, reflicte o peso que mantén agora o líder do PPdeG, maior que na xeira de Rajoy.

Ese sería neste momento o escenario máis complicado para Feijóo no PP, o dun eventual novo congreso o ano que vén, no que se tivese que ver de novo ante a disxuntiva de ter que dar un salto no baleiro cara a Madrid

Mais a gran cuestión é se, como parece que calcularon os que o apoiaron nesa cruzada antiSoraya na que se acabou convertendo o congreso do PP, Casado vai saír ben do caso do seu incrible máster, da mesma factoría que o de Cifuentes. Ese cálculo semella consistir en que se no peor dos casos para el a xuíza que leva o sumario intenta imputalo, como ten que enviar a instrución ao Supremo, porque o presidente popular é deputado, o alto tribunal non procederá contra el. Ese escenario seica é o máis probable, aínda que existe unha incógnita filla tamén da nova paisaxe institucional creada tras a moción de censura, o da posición que poida adoptar a fiscalía. Non parece probable que Casado acabe tendo a condición de investigado, imputado que se dicía antes, mais se así fose, no ciclo electoral que empeza coas andaluzas, teríao moi difícil seguir. E ese sería neste momento o escenario máis complicado para Feijóo no PP, o dun eventual novo congreso o ano que vén, no que se tivese que ver de novo ante a disxuntiva de ter que dar un salto no baleiro cara a Madrid. Pero de momento a situación é ben distinta, pois está marcada pola xestión e dixestión da derrota da súa maior inimiga interna, Soraya Sáenz de Santamaría.