O persoal mobilizado da CRTVG supera os seis meses de protesta coa celebración do seu 28º venres negro, a xornada reivindicativa en protesta "contra a manipulación informativa e polo cumprimento da Lei de Medios" que coincide, desta vez, cunha nova xornada de paros parciais pola folga que profesionais nos medios públicos secundan tamén desde hai dez días.
Todos os grupos da oposición reclamaron a Sánchez Izquierdo que atendese ás demandas do persoal mobilizado na CRTVG
Ante esta situación, o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, viuse obrigado a responderlle a todos os grupos da oposición na comisión parlamentaria deste venres sobre a "atención das demandas" que o persoal dos medios públicos vén manifestando nos últimos meses, "sobre as razóns da intensificación" desas protestas nos últimos tempos, así como sobre as "actuacións previstas" polo Goberno galego ao respecto. Pero negou tanto a "manipulación" como o "desmantelamento" que denuncian os traballadores e defendeu a súa xestión presumindo de investimentos, unha produción propia superior ao 52% ou os bos datos de audiencia.
O director xeral da CRTVG nega "manipulación" ou "desmantelamento" e reduce ao mínimo o seguimento da folga
En Marea, PSdeG e BNG reclamaron á Corporación que atenda esas demandas e reclamacións do persoal nunha nova xornada de paros parciais cuxo seguimento o comité situou no 80%, unha cifra semellante á das anteriores xornadas pero que nega Sánchez Izquierdo. Na súa resposta aos grupos da oposición, o director xeral da CRTVG asegurou que dos arredor de algo máis de 560 profesionais que de media traballan en cada quenda nos medios públicos, tan só secundaran o paro nas cinco convocatorias anteriores "191, 181, 42, 173 e 174" respectivamente. Xa que logo, e segundo os seus datos, ese seguimento situaríase entre o 34% e o 31% como máximo.
Desde o comité de folga, que di non quere entrar "nunha guerra de cifras", pregúntanse "de onde saca o director xeral a cifra de traballadores por quenda" e insisten en que o seguimento é moito maior do que el manifesta.
Mobilización de persoal da CRTVG en San Marcos no sexto día de paros parciais / © CUT CRTVG
A comparecencia de Sánchez Izquierdo coincidiu nesta xornada coas dúas reivindicacións na Corporación. O colectivo Defende A Galega, que xunta o persoal mobilizado de loito, centrou este venres as súas protestas na "defensa do servizo público" e pediu a implicación da sociedade. "Precisamos que puxe toda a cidadanía esixindo que a tele e a radio cumpran a función para a que foron creadas", din tras solicitar tamén á xente que "difunda" as súas "reivindicacións sociais, laborais ou culturais" a través deste grupo ante o "silencio" e "invisibilización" que moitos conflitos e colectivos sofren nos medios públicos e que veñen de denunciar o comité de folga e varios sindicatos.
Defende A Galega centrou este venres as súas protestas na "defensa do servizo público" que supoñen os medios públicos
En canto aos paros parciais, o seguimento volveu ser masivo segundo o comité nesta xornada, a penúltima antes da folga de 24 horas prevista para o 19 de decembro e coa que o persoal mobilizado prevé "endurecer" as súas protestas e "trasladarlle ao presidente Feijóo o malestar".
Sánchez Izquierdo, pola súa banda, di "non recoñecer a realidade da CRTVG" que transmitiu a oposición e insistiu en que esa decrición "tan dramaticamente negativa" non se corresponde coa realidade "nin coas audiencias". En canto ás acusacións de "manipulación", defendeuse gabando a "pluralidade" dos colaboradores dos medios públicos ou con datos sobre a presenza de diferentes líderes políticos nas emisións televisivas. Tamén advertiu de que "aos galegos lles gusta o que ven" ao lembrar os datos de audiencia que sitúan a TVG como a segunda canle autonómica máis vista tras a TV3 catalá.
Sánchez Izquierdo di "non recoñecer a realidade da CRTVG" que transmiten oposición e protestas e nega a descrición "tan dramaticamente negativa"
Ademais, e preguntado pola "política represiva" tras a apertura de dous expedientes aos xornalistas Beatriz Moyano e Carlos Jiménez, Sánchez Izquierdo preguntouse de onde sae o "interese" por ees "dous casos" e non por outros. O director xeral tamén negou o "desmantelamento" aludindo aos investimentos en dotación tecnolóxica e formación de persoal e insistiu, ante as demandas de máis produción propia, en que esta sitúase no 52% a tal hora na CRTVG, aínda que recoñeceu que xa se tratara sobre o seu aumento na negociación aberta na folga.
O máximo dirixente da Corporación defendeu ademais a eliminación do Diario Cultural como programa independente ahegando datos sobre o aumento de audiencias dos espazos inseridos agora en diferentes programas informativos pero recoñeceu o "problema laboral" evidente que teñen os medios públicos con numerosas protestas nos últimos meses. Respecto da folga, di ter unha opinión e un criterio sobre por que se leva a cabo, pero di que "non é este o momento procesual" axeitado para que el o manifeste.