A Inspección de Traballo da Coruña sancionou a CRTVG por contratar "en fraude de lei" un traballador que substituíu outro que se atopaba de vacacións. Así o sinala unha resolución ditada por este organismo o pasado 19 de setembro tras unha denuncia presentada polo comité de empresa da Corporación.
A Inspección sanciona a CRTVG por facer un contrato artístico "en fraude de lei" a un locutor de radio que substituíu outro de vacacións e por non ter acudido ás listas de contratación
Inspección considera fraudulento o contrato artístico aplicado a un traballador contratado para cubrir vacacións e levar a cabo as funcións propias dun locutor de radio, categoría regulada e definida no convenio colectivo da CRTVG que en ningún caso xustificaría o recurso á modalidade de contratación artística.
No ditame, ao que tivo acceso Praza.gal, a entidade laboral aclara que "non se pode considerar que o traballo que desenvolve" o persoal afectado "entre dentro da definición" de "actividade artística". Así, a Inspección entende que a CRTVG "incumpriu" o establecido no Real Decreto 1435/1985, de 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral especial dos artistas. "O contratos realizáronse en fraude de lei respecto ás finalidades e supostos distintos aos previstos regulamentariamente", di.
Ademais, a resolución entende, como denunciou o comité de empresa, que a Corporación dos medios públicos debeu ter acudido ás listas de contratación vixentes para substituír o locutor de radio, incumprindo con esta actuación fraudulenta o procedemento para a contratación temporal recoñecido nos artigos 26, 27 e 28 do convenio colectivo, que teñen por finalidade respectar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, ademais de publicidade.
Así, estes dous feitos supoñen para a Inspección a comisión dunha infracción empresarial en materia de
relacións laborais tipificada como grave, do que se deriva unha sanción económica de entre 750 e 7.500 euros por infracción, segundo o establecido pola Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social.
Inspección lémbralle á CRTVG que o feito de que o locutor realizase o seu traballo "dunha forma amena non o converte en artista"
Na resolución, a Inspección recorda á empresa que o feito de que o locutor transmitise información ou realizase entrevistas "dunha forma máis ou menos amena queda comprendido no seu labor profesional de comunicador e non o converte en artista". "Que dedique uns poucos minutos a realizar actividades que si poderían considerarse artísticas non xustifican o uso desta modalidade contractual", insiste.
Nun comunicado, o comité de empresa lembra que xa advertira á dirección de Recursos Humanos da CRTVG sobre a "irregularidade na que estaba incorrendo con esta contratación". "Pero, lonxe de desistir, defendeu a súa legalidade e mesmo contratou outras dúas persoas como artistas para a condución do mesmo programa no verán seguinte e unha terceira persoa nesta temporada de outono".
O comité denuncia que "a fraude na contratación xerou máis de 400 condenas por cesión ilegal ou uso abusivo e fraudulento da contratación temporal" na CRTVG
O comité denuncia que "a fraude na contratación xerou nos últimos anos máis de 400 condenas por cesión ilegal ou uso abusivo e fraudulento da contratación temporal" e urxe a dirección a "non repetir unha práctica ilegal, como a contratación artística para efectuar funcións de convenio, que consideraba superada".
Nos últimos tempos, os cálculos dos sindicatos da CRTVG advertiron de arredor dun 40% do persoal temporal nos medios públicos galegos e denunciaron o que consideraban un "uso abusivo e fraudulento da relación laboral ou cesión ilegal de traballadores", situacións recoñecidas por xulgados, que asumiron centos de demandas de traballadoras e traballadores, moitas delas só á espera dun ditame firme que engada máis xente á lista de contratacións irregulares nos medios públicos.
A representación legal do persoal advirte tamén que, desde a lei de orzamentos de 2017, as actuacións
irregulares en materia de contratación dan lugar á esixencia de responsabilidades aos titulares de órganos de dirección.
Ademais, a CRTVG está á espera das diferentes sentenzas logo de terse celebrado nos últimos meses varios xuízos derivados das demandas de diferentes traballadores por posibles represalias e vulneración de dereitos fundamentais. No caso de ser condenatorias, volverían sinalar a Corporación por represaliar un traballador crítico, como xa ocorreu no ditame pioneiro a favor do xornalista Carlos Jiménez.