O Foro Económico Mundial, un dos lobbies con maior influencia global -que adoita desenvolver a súa actividade entre eloxios de corporacións e gobernos e mais críticas de entidades sociais- vén de publicar unha nova edición do seu informe sobre igualdade de xénero en todo o mundo no que destacan titulares como a estimación de que a igualdade en eidos como o traballo, a representación política ou a educación non se acadará, en termos medios e xerais, ata dentro de case 200 anos. A letra miúda do estudo amosa, por exemplo, como España descende ata o posto 29 dos 144 Estados analizados, catro postos máis abaixo que no último informe e case vinte menos que hai unha década.
Aínda que este informe non realiza análises socioeconómicas alén do nivel estatal, algúns dos síntomas de desigualdade de xénero dectados para o Estado español reflíctense tamén en estudos económicos que si poñen o foco en Galicia. Neste eido os salarios son un caso paradigmático. Non en van, durante a crise iniciada na contorna de 2008 un dos poucos indicadores que non variou substancialmente foi o da fenda de xénero, alargada durante o período de bonanza.
Os datos máis recentes indican que os salarios dos homes galegos son uns 4.300 euros anuais superiores aos das mulleres
Unha das fontes estatísticas máis recorrentemente utilizadas para estudar a evolución dos salarios, as análises realizadas polo IGE e o INE a partir de datos da Axencia Tributaria estatal, amosa ás claras como os homes galegos cobran, de media, uns 4.300 euros máis ao ano que as mulleres, segundo os datos máis recentes: Máis de 19.700 euros anuais de media para os homes fronte a uns 15.400 para as mulleres. A serie histórica deste indicador amosa como a fenda foi alargando notablemente ata o ano 2008, cando superou os 5.000 euros anuais, e foi regresando a niveis previos á crise nos anos seguintes. En todo caso, permanece por riba dos 4.000 euros dende hai década e media.
Poboación con título universitario
A fenda salarial de xénero que reflicten as estatísticas para o conxunto da poboación atinxe tamén, aínda que relativamente amortecida, a quen traballan tras obteren un título universitario. Malia á crecente feminización do alumnado universitario tanto en Galicia como no conxunto do Estado, as mulleres tituladas cobran menos, de media, que os seus compañeiros tras abandonaren as facultades. Así o reflicten os estudos máis recentes da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), os mesmos que amosan como, en plena crise, a maioría das persoas que obteñen título universitario e traballo en Galicia cobran menos de mil euros.
As tituladas incorporadas ao mercado laboral no último cuatrienio cobran uns 975 euros mensuais de media e os seus compañeiros, case 1.150 euros
Estes informes, baseados en enquisas a estudantes das tres universidades galegas, amosan ás claras que tanto antes como durante a crise os titulados universitarios cobran un salario medio neto ao mes que é superior ao das tituladas. E, aínda que neste período os soldos medios dos homes caeron porcentualmente un chisco máis (20% fronte a un 17%), os salarios masculinos descenderon dende valores superiores e xa comezaron a recuperarse, mentres que os das mulleres seguen a baixar. Deste xeito, o último dato dispoñible, de persoas tituladas no curso 2011-2012, amosa un salario medio mensual de 1.147 euros para os homes fronte a apenas 975 euros para as mulleres.
Así as cousas, unha comparación de ambos indicadores -realizada dende a cautela, por seren cifras obtidas a partir de métodos diferentes- permite concluír que a fenda salarial de xénero é inferior na poboación universitaria que no conxunto do persoal asalariado pero, no entanto, en ningún dos dous ámbitos os anos da crise nin a suposta saída dela permitiron minguar desigualdades. Así, entre a poboación xeral a fenda mensual foi de entre 300 e 400 euros, mentres que entre quen teñen título universitario pasou, de media, de algo menos de 100 euros a máis de 170.