O conflito na limpeza das oficinas de Correos enquístase e pon xa en perigo os envíos postais en Galicia desde o vindeiro 3 de decembro. A partir dese día, os sindicatos CIG e CGT convocaron unha folga no Centro de Tratamento Automatizado (CTA) da empresa estatal en Santiago, por onde pasa toda a xestión dos envíos no país e o máis importante do noroeste peninsular xunto ao de Valladolid.
O persoal de limpeza de de Correos acumula impagos e leva tres meses en folga; traballadores da empresa estatal denuncian, ao tempo, a insalubridade dos centros de traballo
As dúas centrais deciden convocar un paro indefinido desde a noite dese domingo 3 para "exixir unhas condicións dignas" de traballo e logo de que hai semanas o persoal veña denunciando as "condicións de insalubridade" nas que teñen que desenvolver o seu labor por mor doutra folga indefinida. A que desde o pasado 4 de setembro levan a cabo as traballadoras de limpeza de Correos en Galicia, que acumulan impagos e cinco meses sen cobrar: os salarios de xullo e agosto e a paga extraordinaria que lles debe a empresa subcontratada, mais as tres mensualidades que non percibiron ao estaren en folga desde o 4 de setembro.
Son as arredor de 300 as persoas afectadas en Galicia, a inmensa maioría mulleres, persoal da empresa SCT (Limpiezas Córdoba), adxudicataria desde o pasado xaneiro do servizo de limpeza das oficinas de Correos nas catro provincias galegas e en varias máis de todo o Estado. Limpadoras traballando por horas, con soldos "precarios, que non chegan ao salario mínimo" e que acumulan xa uns 150 días sen soldo.
CGT e CIG convocan folga indefinida no CTA de Santiago, o centro que xestiona todo o correo en Galicia, a partir do vindeiro 3 de decembro
Este pasado xoves manifestáronse na Coruña para exixir o pago inmediato dos seus salarios. O persoal denunciou a "neglixencia" de Correos, á que acusan de seguir sen licitar un novo contrato, alongando a situación de precariedade e a multitude de problemas que está a crear entre as afectadas: desde ansiedade e outras complicacións de saúde ata o ter que recorrer a entidades sociais ou pór en perigo a súa vivenda por impagos de alugueiro, entre outros.
Na mobilización, o persoal de limpeza reclamou o cese da actual dirección de Correos e a internalización do servizo para que este deixe de estar en mans de “empresas piratas que só buscan sacar o maior beneficio dos cartos públicos, a custa de precarizar as condicións laborais das traballadoras e traballadores", como lembrou o presidente do comité de folga, Óscar Iglesias.
"Parece ser que teñen o contrato rescindido, pero dende xullo ninguén se puxo en contacto con nós”, dixo Iglesias, que lembrou que a empresa postal sacou unha licitación do servizo cun dotación de 30 millóns pero ningunha empresa se presentou ao considerar o contrato deficitario. “Volveron lanzar outra licitación de 50 millóns, que está resolvéndose pero non sabemos con que resultado”, aínda que aclara que o persoal non ten moitas esperanzas neste proceso tendo en conta a actual débeda xerada polos impagos por SCT.
Limpadoras manifestáronse na Coruña para exixir o pago inmediato dos seus salarios e sinalar a "neglixencia" de Correos
Paralelamente, os sindicatos CIG e CGT convocaron a folga no CTA de Santiago, na Lavacolla, onde traballan 150 persoas en quendas que cobren as 24 horas. Apoian a loita do persoal de limpeza ao tempo que reclaman desde hai meses a Correos unha solución ante a insalubridade do seu lugar de traballo, derivada do paro indefinido das limpadoras. Con lixo acumulado e baños sucios, un conflito froito da polémica adxudicación do servizo por parte da empresa estatal e dos posteriores atrasos e impagos ás traballadoras, que tamén sofren outras 400 no conxunto do Estado
"Paramos ante a situación de falta de salubridade e limpeza", explica a CGT. Desde a CIG, a súa delegada, Ana Pintos, explica que o servizo de prevención de riscos de Correos hai xa un mes que advertía do estado no que se atopaban as instalacións do CTA de Lavacolla. “Daquela afirmaba que o risco era moderado, pero non descartaba que chegara a ser grave e que mesmo tiveran que pechar as instalacións”, lembra.
O risco da "paralización total" do correo en Galicia
"Non fixeron nada ao respecto, non solucionaron o conflito que teñen coa limpeza nin adoptaron ningunha medida dados os riscos que hai agora mesmo e aos que estamos sometidas as persoas que traballamos alí”, di sobre unha situación que empeorou ata a "gravidade". "Corre risco a nosa saúde", advirte tras lembrar que xa foron presentadas denuncias ante Inspección de Traballo e na Delegación do Goberno.
“Chamamos a todas as portas, pero ninguén move nada así que para nós esta é a única das accións que nos quedan por facer”, insiste. A folga, indefinida e a partir da quenda de noite do domingo 3, supón un risco para a repartición postal de Correos en Galicia.
"Correos tería un problema inmenso se se chega a parar o CTA varios días", alerta Xan Xove, delegado sindical da CGT, sobre a posibilidade da "paralización total" en toda Galicia da distribución do correo en Galicia, xestionado desde este centro de Santiago, así como das saídas de envíos postais.
"A empresa leva tres meses xogando con lume", remata, nunha sentenza que comparte coas limpadoras. Traballadores de Correos e persoal de limpeza pregúntanse que máis debe pasar para que Correos, responsable da adxudicación que deu lugar ao conflito, alcance unha solución. Mentres, uns e outros acumulan problemas, que son xa moito máis que laborais.