As comunidades denuncian o "ataque frontal" da Xunta á propiedade veciñal do monte

Os montes veciñais en man común suman ao redor de 673.000 hectáreas en Galicia © ORGACCMM

Para a ORGACCMM, a reforma busca "eliminar o carácter xermánico da titularidade veciñal para converter as terras comunitarias en titularidades de carácter privado e así poidan ser acaparadas por intereses empresariais alleos a veciñanza comuneira"

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) denuncia que a Xunta de Galicia está a realizar un "ataque frontal ás Comunidades de Montes" a través do Libro Branco sobre a reforma da regulación  dos montes veciñais en man común, elaborado pola Consellaría do Medio Rural e que vén de rematar a súa fase de consulta pública.

Para a ORGACCMM, a reforma da lei de montes veciñais en man común "é tan lesiva que ata relicte claramente a pretensión de eliminar o carácter xermánico da titularidade veciñal para converter as terras comunitarias en titularidades de carácter privado e así poidan ser acaparadas por intereses empresariais alleos a veciñanza comuneira".

Xosé Pereira, presidente da Organización galega de Comunidades de Montes © CIG

A entidade denuncia que o chamado Libro Branco "posibilita deixar fóra da lexislación de montes veciñais aqueles montes que, segundo o criterio da Consellaría do Medio Rural, non teñan aproveitamentos forestais"

A entidade denuncia que o chamado Libro Branco "posibilita deixar fóra da lexislación de montes veciñais aqueles montes que, segundo o criterio da Consellaría do Medio Rural, non teñan aproveitamentos forestais". Tamén inclúe "que poida adquirir a condición de veciñanza comuneira persoas que no vivan no lugar, aldea ou parroquia onde se asenta o monte veciñal", indica. ORGACCMM amósase tamén en contra da posibilidade de dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica, pois o considera "un paso previo a privatización dos montes veciñais".

A ORGACCMM denuncia que o texto proposto pola Consellería "tamén prantexa a legalización das usurpación dos montes veciñais en man común levadas adiante na ditadura franquista". A entidade tamén critica que o Libro Branco "mesmo prantexa novas usurpacións dos montes veciñais cando di que aqueles montes veciñais que non constitúan a comunidade de montes pasarán a ser de titularidade dos concellos".

Para ORGACCMM, o Libro Branco "é un ataque ao funcionamento democrático, asembleario e participativo das comunidades de montes"

Para a Organización Galega de Comunidades de Montes o Libro Branco "é un ataque ao funcionamento democrático, asembleario e participativo das comunidades de montes". Neste senso, critica a proposta de dar capacidade executiva aos presidentes das comunidade de montes por riba dos acordos asemblearios ou a de eliminar quorum e reducir o réxime de maiorias para a toma dos acordos "co fin de que nos actos de disposición sexan os beneficiarios os intereses empresariais e industriais que pululan arredor dos montes veciñais", di.

Manifestación en defensa do monte veciñal © ORGACCMM

"Este liberalismo falso da Consellería do Medio Rural ten un claro obxetivo, que non e outro que deixar en total indefensión a veciñanza comuneira", subliña Pereira

Xosé Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM, afirma que "curiosamente esta reforma non prantexa ningunha función da Consellaría do Medio Rural respecto os montes veciñais. Deixa da facer os deslindes, elimina os xurados de clasificación dos montes veciñais, elimina a xestión cautelar naqueles montes veciñais en situacións transitorias. deixa de velar pola defensa da integridade destes terras comunitarias...". "Este liberalismo falso da Consellería do Medio Rural ten un claro obxetivo, que non e outro que deixar en total indefensión a veciñanza comuneira para que as súas terras comunitarias poidan ser facilmente acaparadas por intereses capitalistas, especulativos e urbanisticos", subliña Pereira.

ORGACCMM presentou no Consello Forestal unha serie de 27 achegas ao Libro Branco. Entre outros aspectos, pide que se recoñeza a titularidade veciñal "como unha máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas"

A Organización Galega de Comunidades de Montes presentou no Consello Forestal unha serie de 27 achegas ao Libro Branco. Entre outros aspectos, pide que se recoñeza a titularidade veciñal "como unha máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas", que se reforce o carácter xermánico dos montes veciñais e que as comunidades de montes "de xeito democrático e asembleario, teñan plena capacidade de decisión sobre as súas terras".

As medidas propostas son as mesmas que contemplaba a lei de montes veciñais en man común presentada mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular, avalada por máis de 12.000 sinaturas, que foi rexeitada polo Partido Popular no Parlamento galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.