A ILP en defensa do carácter "comunal e intransferible dos montes veciñais" chega ao Parlamento co apoio de 12 mil sinaturas

Entrega das sinaturas en apoio da ILP en defensa dos montes comunais © ORGACCMM

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) presentou esta semana no rexistro do Parlamento as sinaturas necesarias para tramitar a súa Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dos montes comunais. En total foron case 12.000 sinaturas, dúas mil máis das necesarias, as que apoiaron esta proposta que busca promover unha lei que preserve o monte comunal en mans da veciñanza comuneira. Unha vez que a xunta electoral valide as sinaturas comezara o seu trámite no parlamento Galego. 

A iniciativa lexislativa ten por obxectivo preservar o carácter comunal e intransferible dos montes veciñais 

A iniciativa lexislativa avalada ten por obxectivo preservar o carácter comunal e intransferible dos montes veciñais e que se recoñeza a propiedade comunal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. Outra reivindicación que recolle a iniciativa lexislativa é a declaración dos montes veciñais como unha figura de protección medio ambiental e cultural en si mesma. 

Xosé Pereira, presidente da Organización galega de Comunidades de Montes © CIG

Tamén se aposta por considerar os montes veciñais en man común figura de protección medioambiental e cultural en si mesmos

As comunidades de montes galegas, aseguran desde a ORGACCMM, son as primeiras valedoras dun monte funcional e unha silvicultura sustentábel. Subliñan a importancia das comunidades de montes como dinamizadoras do rural pola súa xestión democrática dos recursos. A custodia do territorio é intrínseca a autoorganización asemblearia da veciñanza comuneira.

A proposta busca "camiñar cara un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e do pobo  galego no seu conxunto". Tamén se aposta por considerar os montes veciñais en man común figura de protección medioambiental e cultural en si mesmos. E, deste senso, "impedir que estas terras comunitarias poidan ser expropiadas para que multinacionais de diversa índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras ...) poidan facerse, para o seu beneficio, coa titularidade e cos recursos das mesmas".

A ORGACCMM propón que se algún monte veciñal carece de poboación suficiente para xestionalo se traspase temporalmente a súa xestión á unha comunidade de montes anexa "e non se entregue sen máis a unha empresa madeireira por 50 anos como pretende o PP"

A ORGACCMM propón que se algún monte veciñal carece de poboación suficiente para xestionalo se traspase temporalmente a súa xestión á unha comunidade de montes anexa "e non se entregue sen máis a unha empresa madeireira por 50 anos como pretende o Partido Popular nas súas modificacións lexislativas". "Levamos anos denunciando que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas de diverso índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras…) poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais", explica Xosé Pereira, presidente da Organización galega de Comunidades de Montes. 

Entrega das sinaturas en apoio da ILP en defensa dos montes comunais © CIG

"A Xunta decidiu que tiña que nos quitar o monte para cumprir as necesidades da industria da madeira. E tamén para darlles terras baratas a aproveitamentos agresivos social e medioambientalmente".

Nesta entrevista con Praza.gal Xosé Alfredo Pereira, presidente da ORGACCMM, denunciaba que "a Xunta decidiu que tiña que nos quitar o monte para cumprir as necesidades da industria da madeira, pero non dunha madeira de calidade, senón de madeira mala. E tamén para darlles terras baratas a aproveitamentos agresivos social e medioambientalmente". E sinalaba que "Medio Rural pode, erixida en xuíz e parte, declarar un monte veciñal en estado de abandono. Pero este estado de abandono non se declara en base a que o monte estea esquilmado ou deteriorado medioambientalmente, senón por argumentos burocráticos".

Un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito

A ILP presentada pola ORGACCMM tenta frear "este latrocinio dos montes veciñais". Neste senso, un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciño/a comuneiro/a.

Nesta recollida de sinaturas a ORGACCMM, contou coa colaboración da Alianza por un Medio Rural Vivo (formada por ADEGA, CIG e Fruga). Agora a entidade solicita o apoio das forzas políticas que conforman o Parlamento galego para que saia adiante esta lei "e lograr así un monte comunal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.